Un graffiti xigante de herba seca para visibilizar á muller rural

Un mural de 5 metros pintado en herba seca co obxectivo de visibilizar ás mulleres rurais e pintado por unha artista rural. Esta é a acción da granxa Casa Grande de Xanceda polo Día Internacional da Muller Rural. As protagonistas do retrato en herba seca son Susana e Amparo, encargadas do muxido e os manexos das vacas da granxa. O obxectivo é facer visibles ás mulleres rurais, un dos piares fundamentais deste medio porque arredor da súa figura vertebra, aínda, a casa, a familia e o traballo agrario ou artesán. A graffiteira que elaborou o mural foi a artista ordense Nana.

O rural galego sería impensable sen as mulleres rurais pois foron as que conservaron artes e manexos agrícolas, cultura e tradicións mentres os homes estaban na emigración.

Unha conciliación imposible

Ademais, hoxe en día, as mulleres rurais enfróntanse á falta de servizos públicos como garderías, escolas ou centros de día que repercute en poucas posibilidades de conciliación. Esta falta de servizos adoita ser cuberta por mulleres que ven limitada a súa independencia e o seu desenvolvemento vital e profesional. Isto implica que o rol da muller rural sexa o de super-heroínas, súper-mulleres que poden con todo: traballan fóra da casa e, no tempo libre, coidan a nenos e maiores e organizan a vida familiar. As mulleres rurais están formadas, preparadas e motivadas e realizan un esforzo laboral que ten que repercutir en igual remuneración e expectativas que as dos homes.

Por todo iso, Casa Grande de Xanceda, apoia as demandas de máis servizos públicos no rural porque é o único xeito de que as mulleres rurais teñan acceso a unha vida digna, plena e satisfactoria, pero tamén é o xeito de combater o despoboamento.

Casa Grande de Xanceda emprega, na actualidade, a 50 persoas, das que o 61% son mulleres. Ademais, o 58% dos postos de mandos intermedios e de responsabilidade da empresa ocúpanos mulleres, todas elas do rural.

Pechar o círculo da reciclaxe
A técnica do graffiti en pacas de herba seca é un proceso circular, a herba irá para as vacas da granxa. O film exterior introducirase nunha máquina que elabora un material que remata converténdose en estacas para o peche das fincas. Ademais, os sprays son de base de auga, sostibles e non danan a capa de ozono.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com