Novas

Concurso de Polbeiras San Froilan

Tanxugueiras, David Rees e Samantha Hudson completan o cartaz do San Froilán 2021

O concello anunciou os dous últimos concertos que completan a programación cultural desta edición do San Froilán. Dende cultura, explicaron que “son dúas propostas musicais de gran calidade, as Tanxugueiras veñen de ser escollidas como favoritas da audiencia de todo o Estado para o certame de Eurovisión, e David Rees conta con temas que acumulan máis de 200 reproduccións”.

O 12 de outubro, a praza de Santa María acollerá ás Tanxugueiras, o trío formado por Olaia e Sabela Maneiro xunto con Aida Tarrío, que chegan a Lugo despois de ser escollidas pola audiencia de todo o estado como as favoritas na web eurovision-spain.com. Levan en activo desde o ano 2016, e contan con dous discos e un single publicados. Nestes 5 anos de actividade, acumularon múltiples premios a nivel galego e internacional, entre os que se atopan o premio MIN de música independente de 2018 ao mellor álbum galego, o premio Martín Códax da Música 2019 a mellor grupo de música tradicional e folk, o certame Ari(t)mar Galiza e Portugal 2019 a mellores músicas da Galiza, o e o premio a mellor adaptación dunha peza tradicional dos XIX Premios La Opinión de Música de Raíz do 2020. Ademais, os World Music Charts Europe do 2020 incluíunas entre os 20 mellores discos de World Music. Foron tamén finalistas do premio Mestre Mateo do Audiovisual Galego do 2019 ao mellor videoclip, finalistas do Mellor Vídeo con Shooglenifty dos Scots Trad Music Awards 2019 e finalistas a mellor álbum galego dos premios MIN da Música independente de 2019.

David Rees estará na praza Horta do Seminario o vindeiro día 9. Este cantante malagueño conta cunha gran popularidade nas redes sociais, onde comezou publicando versións de temas de outros autores. Conta con máis de dous millóns de seguidores en Youtube e acumula máis de 344 millóns de reproduccións dos seus temas.

O V concurso Miss Deusa, que terá lugar o día 7 na contorna do Auditorio Municipal Gustavo Freire, contará coa actuación de Samantha Hudson, unha recoñecida artista, cantante e actriz dentro do colectivo LGBT.  O seu proxecto musical xoga cos paradigmas do xénero, o sexo e a liberdade de expresión. Samantha Hudson considérase actualmente unha das iconas da Xeración Z, acumulando preto de 400.000 seguidores nas distintas redes sociais.

Orquestras

Ademáis o Concello presentou ás 4 orquestras que formarán parte deste San Froilán. A área de Cultura contará coa París de Noia o día 4 en Augas Férreas, a orquestra Marbella o venres 8, a Arizona o sábado 9 e a Costa Dorada o luns 11. Todas as actuacións serán na praza de Augas Férreas ás 20:30, e o luns 11 contarase cunha actuación a maiores ás 18:00.

O Concello de Lugo incrementará a vixilancia e a limpeza durante o San Froilán para velar pola seguridade cidadá

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer hoxe algúns dos aspectos máis destacados da organización do San Froilán, no que estes días os técnicos municipais centran os seus esforzos para posibilitar, en tempo récord, a instalación das barracas, sempre respectando os protocolos COVID que se atopan en vigor.

A rexedora informou, primeiramente, da ubicación do feiral que estará acotado entre as Avenidas Rodríguez Mourelo – Praza de Avilés – e García Portela, a rúa Vila de Foz e o segundo bancal do Parque Rosalía de Castro até a explanada do Pavillón Municipal. Precisamente este último será, xunto coa Porta de Bispo Aguirre e as rúas Armando Durán e Puro Cora os puntos de acceso, tanto de entrada como de saída, preferentes ao recinto.

“Haberá delimitado un itinerario recomendado, coa capacidade máxima que determine a normativa da Xunta, durante o que, en todo momento, as persoas que se atopen nel deberán facer uso obrigatorio da máscara, gardar a distancia de seguridade e atender ás recomendacións que as forzas de seguridade lles fagan así como evitar aglomeracións”, explicou Lara Méndez.

Peche do recinto feiral á 1.00

A alcaldesa lucense indicou tamén que, durante a semana, o feiral funcionará só polas tardes mentres que nas xornadas festivas, sábados e domingos, poderá estar operativo todo o día até a unha da madrugada (01:00h). “Un horario que se estableceu atendendo á situación epidemiolóxica actual e tamén en coherencia cos límites polos que se rexen actualmente os establecementos de hostalaría”.

En canto ao dispositivo de seguridade, Lara Méndez destacou “a importancia da colaboración entre os distintos Corpos para asegurar o correcto desenvolvemento das celebracións patronais.

“Policía Local, Policía Nacional, Bombeiros e Protección Civil coordinarán esforzos na procura de desenvolver un operativo organizado e eficaz que permita realizar un control exhaustivo sobre as actividades programadas”, dentro do que tamén se inclúe a posta en servizo de varios postos de atención de Cruz Vermella.

“En conxunto, incrementaranse o número de efectivos para evitar que se formen multitudes pero tamén para garantir que se respectan as recomendacións sanitarias e as limitacións de aforo establecidas para cada un dos casos, para o que se habilitarán – anunciou – catro puntos de control, dos que se encargará a seguridade privada. Unha tarefa que levarán a cabo co apoio de imaxes aéreas captadas por drons”.

A alcaldesa avanzou que a Policía Local reforzará todos os turnos, xa dende este venres – para facilitar a montaxe das atraccións e expositores – e nomeadamente durante os festivos e a fin de semana, concentrando até tres patrullas dentro do recinto feiral para extremar a vixilancia.

“Un cometido ao que se sumará outra patrulla máis, dedicada a dirixir o tráfico e regular a circulación na contorna da Muralla en prol da seguridade vial”.

Lara Méndez puxo o foco, igualmente, nas reunións ao exterior e, unha vez máis, apelou á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía, convidando á poboación a gozar do San Froilán, “con sentidiño, cumprindo cos protocolos e sen esquecer que a saúde segue a ser o primeiro, polo que non podemos baixar a garda, tampouco nas reunións familiares que manteñamos”, pediu.

“A tranquilidade debe ser o factor predominante destas celebracións que, aínda sen alcanzar as cotas de participación doutros anos, nos permiten recuperar certa normalidade. Porén, iso non pode supoñer unha regresión dos logros acadados no que ten que ver coa contención do coronavirus. Un obxectivo conxunto, que nos compete a todos e todas como sociedade”, afirmou a rexedora que fixo un chamamento á veciñanza para que evite as concentracións tumultuosas.

Neste 2021 os tres escenarios principais da capital serán as Prazas da Horta do Seminario e de Santa María e o lateral do Auditorio Gustavo Freire. A maiores, o San Froilán Miúdo celebrase no aparcadoiro municipal do Seminario. Todos os recintos estarán adecuadamente perimetrados e disporán de sinalización.

Tendo en conta todas estas circunstancias, o Concello elaborou un Plan de Tráfico no que se recolle a prohibición de estacionar, xa dende as 00:00 deste venres, nas avenidas Rodríguez Mourelo e García Portela mentres que as persoas residentes nestas zonas non precisarán de autorización para acceder.

Redobrarán os servizos diarios de limpeza

Dende a área de Medio Ambiente preparouse igualmente un dispositivo especial para acometer o aseo viario e a recollida de lixo durante o San Froilán.

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, apuntou que “xa nestes días previos intensificamos a limpeza de sumidoiros e arquetas tanto na zona centro así como no Parque e nas súas inmediacións – Rolda do Carme e República Arxentina – onde se está acometendo, asemade, a roza de soares e a eliminación de pintadas coa finalidade de que poidamos amosar a nosa mellor imaxe”.

O edil destacou que haberá reforzos – humanos e materiais – nos operativos de mañá e tarde no recinto feiral e que, durante as fines de semana, incrementarase na contorna o número de contedores, de quita e pon itinerantes, tanto de fracción como de vidro, incluíndo o paso dun recolector, a partir das 6 da mañá, para retirar os residuos de bares e restaurantes. Igualmente se fará un aseo especial diario do estacionamento do Seminario onde se desenvolve o San Froilán Miúdo”.

Fernández indicou tamén que os técnicos municipais, en colaboración coa adxudicataria, planificaron os traballos tendo en conta a programación festiva, incidindo naquelas xornadas e espazos nas que, pola realización de espectáculos ou pola organización de actividades, se agarda unha maior presenza de público. “As brigadas empregaranse a fondo para garantir que, unha vez finalizadas as actuacións, estas non teñan repercusión nin para a veciñanza que vive e traballa nestas zonas nin sobre os eventos programados a continuación – avanzou – de maneira que o servizo quede rematado antes das 11 da mañá”.

“A nosa intención é anticiparnos ás necesidades de limpeza nas que, sabemos, van derivar os festexos, coordinando esforzos e organizando todos os recursos, tanto de maquinaria como de man de obra, que temos á nosa disposición para actuar con inmediatez naquelas partes da capital nas que se presupón haberá unha maior concentración de xente e acumulación de residuos co obxecto de deixalas impecables o máis rapidamente posible”, subliñou Miguel Fernández.

Así, referiu, por exemplo, que a xornada laboral do persoal comezará ás 04:00 horas ou que o Casco Histórico, recinto feiral e zonas propensas ao botellón, se reforzarán con dez peóns pola mañá que se distribuirán segundo as necesidades do servizo.

Cabinas de aseo

Por outra banda, o concelleiro de Medio Ambiente informou, alén, de que o Concello instalará 14 wc’s portátiles, 3 deles para persoas con mobilidade reducida en distintos puntos do recinto feiral, que se limparán dúas veces ao día.

As cabinas, ubicaranse nas Prazas de Santa María (3), na Horta do Seminario (3) e na explanada do Auditorio Gustavo Freire (3), así como no Patio do Edificio Administrativo do Concello (1), na explanada do Pavillón (1), no bancal do Parque de Rosalía de Castro (1) e nas rúa García Portela (1) e Puro Cora (1).

A exposición itinerante “No Camiño” foi presentada en Abadín

Foi presentada na Casa do Concello de Abadín a mostra itinerante “NO CAMIÑO”, que co subtítulo “As imaxes que viron os peregrinos” recompila imaxes antigas dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, ademais de textos literarios relacionados con eses anacos da historia do Camiño, hoxe perdidos na súa maior parte. A mostra conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e actualmente está a percorrer os Camiños de Santiago pola nosa provincia. No acto inaugural participaron o alcalde de Abadín, Jose María López Rancaño, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

No Camiño: Señores da luz, Señores da palabra 
Son SEÑORES DA LUZ os que, aínda agora pero especialmente en tempos difíciles en recursos e tecnoloxía, captaban coas súas cámaras instantes de vida, deixando permanente constancia dunha presenza ou dun feito. Son SEÑORES DA PALABRA os que -en poesía ou en prosa- fabularon ou deixaron constancia de feitos acontecidos, situacións, persoas… dos mesmos lugares onde se fixeron as históricas fotos. E xa que imaxes e textos se centran nos Camiños de Santiago existentes nas terras lucenses, chamámoslle a esta acción “NO CAMIÑO”, para poñer de actualidade e en valor ese conxunto de obras que compre rescatar do esquecemento.

Con este Proxecto-Homenaxe a –coñecidos ou anónimos- históricos Señores da Luz e da Palabra, SEÑORES DOS CAMIÑOS en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, queremos divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.

A provincia suma 344 denuncias por violencia de xénero no que vai de ano

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, alertou hoxe de que no que vai de ano producíronse 344 denuncias por violencia de xénero na provincia de Lugo segundo os rexistros da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno.

Isabel Rodríguez explicou que “aínda que polo momento observamos unha tendencia á baixa na cifra de denuncias, xa que no ano 2020 rexistráronse 682 e en 2019 foron 753, este segue a ser un dos problemas sociais máis graves aos que nos enfrontamos porque a súa magnitude non é cuestión de números senón do sufrimento das vítimas da violencia machista”.

A situación da violencia de xénero na provincia analizouse hoxe nunha xuntanza que celebrou a Comisión técnica de coordinación en materia de violencia de xénero da Subdelegación do Goberno. Na reunión participaron, ademais da xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller, María Luis Castro, representantes da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Autonómica e Institucións Penitenciarias.

Segundo se informou na xuntanza, a data 27 de setembro, estaban rexistrados 599 casos activos no sistema Viogen correspondentes á provincia de Lugo dos que 1 ten a valoración de risco alto, 75 medio, 244 baixo e 279 non apreciado.

En canto a recursos para a protección das vítimas, 30 dispoñen do servizo de atención telefónica Atempro e 24 do dispositivo de protección COMETA

O Concello acometerá a peonalización integral do casco histórico con fondos Next Generation

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, proxecta acometer a peonalización integral do casco histórico a través dos fondos europeos Next Generation co obxectivo de darlle un impulso final e converter o recinto amurallado nunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), que son áreas que pretenden mellorar a calidade do aire e mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro, polo que mellorará a saúde da cidadanía e permitirá unha mellor conservación do patrimonio.

A rexedora, que lembrou que as ZBE serán unha  obriga no 2023 para as cidades de máis de 50.000 habitantes, tal e como recolle a Lei de Cambio Climático, enmarcou estas accións no proceso da segunda transformación de Lugo, “que foi o meu compromiso electoral para este novo mandato, cunha estratexia verde de cidade moi clara que deseñamos e comezamos a implementar xa no mandato pasado – en gran parte grazas aos máis de 23 millóns de euros acadados nos programas europeos LIFE, DUSI e Smart – co obxectivo de mellorar a vida dos e das lucenses”.

Esta metamorfose persegue un cambio do modelo de cidade, “pero tamén da súa economía, e sempre coa sostibilidade como motor de impulso”, incidiu.

O obxectivo que persegue a rexedora agora coas actuacións que se presentan á primeira  convocatoria dos fondos de recuperación europeos, aprobados hoxe en Xunta de Goberno Local, é completar o 15% pendente para a peonalización integral do casco histórico, xa executada nun 85% con sucesivas actuacións a través de fondos europeos e de recursos propios. “Crearemos, así, unha rede peonil íntegra entre murallas que será funcional, segura, cómoda, accesible, atractiva e adaptada ao cambio climático”, explicou, engadindo, ademais, que “estamos a deseñar peonalizacións diferentes que inclúan maiores zonas de axardinamento e arboredo, xa que o casco histórico é deficitario”.

“Neste compromiso por un Lugo máis resiliente ao cambio climático a través dun urbanismo sostible incluïamos avanzar na peonalización do casco histórico co obxectivo de gañar espazos para a cidadanía, reducir o tráfico rodado e renaturalizar o recinto amurallado co fin de minorar a contaminación atmosférica, os niveis de ruído e as vibracións, altamente prexudiciais para a saúde da cidadanía e perigosas para a conservación do noso rico patrimonio histórico e patrimonial”, subliñou.

Neste senso, Lara Méndez explicou que a Zona de Baixas Emisións no recinto amurallado está configurada, ademais, como unha ‘supermazá’ no Plan de Mobilidade e do Espazo Público de Lugo, partindo do feito de que destaca por acoller a sede de diferentes administracións públicas, colexios e mercados, así como por ser o referente na cidade no ámbito turístico pola súa oferta patrimonial e histórica e en calquera tipo de festa ou evento, ademais de estar considerado como a zona cero do comercio da cidade.

Así, a rexedora anunciou a presentación aos fondos Next Generation, na convocatoria de creación de Zonas de Baixas Emisións, de dúas solicitudes, tal e como permite a orde do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana:

*ZERO EMISIONES: Centro Corazón Verde, que inclúe catro accións intramurallas, e nas que o investimento ascende a 5,9 millóns de euros, 4,4 millóns de subvención máis o 10% de financiamento municipal.

*ZERO EMISIONES: Centro Arteria Verde, que inclúe dúas accións que permiten dar continuidade á peonalización exterior do recinto amurallado, no que o investimento é de 3,6 millóns, 2,7 millóns de subvención máis o 10% de financiamento municipal.

“É dicir, estamos a falar dun investimento total superior a 10 millóns de euros, dos que 7,1 millóns procederán dos Fondos Next Generation”, explicou Lara Méndez.

Peonalizacións e medidas de control en todo o recinto amurallado

As catro accións da solicitude ZERO EMISIONES: Centro Corazón Verde suporán actuar en 21.268 m2 dun total de 82.494 m2 de superficie que mide o recinto amurallado.

Inclúen as peonalizacións, instalación de servizos, humanización e axardinamento:

  • Entre a porta da muralla “Bispo Odoario” e Praza do Ferrol, nas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Ramón y Cajal, Quiroga Ballesteros (tramo comprendido entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) e Amor Meilán (tramo comprendido entre Quiroga Ballesteros e San Fernando).  Superficie: 7.887 m2. Importe sen IVE: 1.808.235 €
  • Praza do Ferrol, nas rúas Praza do Ferrol e San Fernando. Superficie: 7.055 m2. Importe sen IVE: 1.499.635 €
  • Praza de Santo Domingo e rúa Teatro. Superficie: 6.326 m2. Importe sen IVE: 1.198.910 €.

A alcaldesa explicou que “con estas iniciativas aceleramos a estratexia urbanística no centro histórico que nos está permitindo configurar novos espazos peonís con itinerarios interconectados e accesibles, reducindo a circulación e estancia do tráfico rodado e fomentando unha nova mobilidade máis sustentable e saudable”.

As accións contemplan o deseño das rúas como plataformas únicas e con criterios de perspectiva de xénero, suprimindo as barreiras arquitectónicas tales como as beirarrúas ou escaleiras, garantíndose a accesibilidade total e combinando a utilización de pavimentos descontaminantes con outros nobres e naturais da zona. Ademais, se crearán rúas e prazas máis humanizadas, con mobiliario sostible e ampliando as zonas verdes, con axardinamento e arborado, xeradores de aire puro e limpo, claves para mitigar o cambio climático. Así mesmo,  recollen a substitución dos elementos que forman parte das diferentes redes de servizos por outros materiais máis sostibles.

Por outra banda, poranse en marcha medidas de control da ZBE en todo o recinto amurallado, por importe de 416.000 € sen IVE, como a instalación de sensores e medidores de calidade do aire.

“Estas actuacións complementarán e ampliarán as medidas que xa estamos a pór en marcha co fin de acadar a Zona Baixa de Emisións como é a instalación dun novo sistema de control intelixente de accesos por lector de matrícula, co obxectivo de cambiar a regulación do tráfico rodado co fin de restrinxir aínda máis a súa circulación, axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia, ou a creación dunha APP municipal coa información das prazas libres nos estacionamentos públicos”, avanzou.

En canto á segunda solicitude ZERO EMISIONES: Centro Arteria Verde, inclúe dúas accións, coas que o executivo municipal quere darlle continuidade á peonalización cara o exterior do recinto amurallado para acadar contornas más integradas e coherentes. Son as seguintes:

  • Humanización da Praza da Constitución, que afecta á Praza da Constitución e ás rúas Cidade de Vigo e Alcalde Ángel López Pérez. Superficie: 8.615 m2. Importe sen IVE: 2.240.000 €.

A proposta de renovación urbana desta praza ten por obxecto a súa conversión nun amplo parque público, que manteña os elementos que a caracterizan, pero ampliando e rexenerando este espazo histórico a través da eliminación do tramo asfaltado da Avenida Alcalde Anxo López Pérez, así como do conxunto de illotes e zonas destinadas ao tráfico de vehículos, que se constituirán en tramos de plataforma única con tráfico restrinxido e entrada ao aparcadoiro subterráneo.

O mesmo pasará cos tramos de calzada de asfalto da parte da Rúa Cidade de Vigo que atravesa o lado nordés da Praza, e o situado no lado sueste, fronte ás fachadas do Vello Cárcere e da Estación de Autobuses, entre a Rúa Cidade de Vigo e a Avenida Alcalde Anxo López Pérez.

  • Peonalización da Mosqueira. As subvencións da Orde Ministerial permite incluír obras que se integren nos obxectivos de rebaixa dos niveis de contaminación e mellorar a calidade do aire que iniciasen o proceso de licitación despois do 1 febreiro do 2020 e que non culminasen a data de inicio da convocatoria, como é o caso desta actuación.

Os socialistas piden á Xunta que convoque a Mesa Industrial comprometida cos traballadores de Vestas

A parlamentaria socialista Patricia Otero urxiulle hoxe á Xunta que convoque de inmediato a Mesa Industrial comprometida cos traballadores de Vestas afectados polo peche da factoría para buscarlles alternativas laborais.

Otero presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle reclamou ao conselleiro de Industria que “deixe de buscar inimigos e de botar balóns fora” e asuma as súas competencias. Otero advertiu que “é fundamental ir coordinados, ir da man” coa colaboración do goberno central, pero avogou por focalizar nas competencias exclusivas da Xunta de Galicia”. Lembrou que o goberno galego ten competencia exclusiva en materia industrial, o ERE da empresa foi presentado en Galicia e sobre unha factoría localizada nesta comunidade autónoma.

Apuntou que “a Xunta non foi quen de paralizar o ERE, o que lle pedían ao goberno central no caso de Alcoa”, e engadiu que “é o momento de que lle poñan deberes á empresa para facerlle máis complicado” levar adiante este expediente.

A parlamentaria socialista lembrou que o ERE foi presentado ao mesmo tempo que a multinacional anunciaba o peche antes do remate de 2021, demostrando “mala fe cos seus traballadores”, que demostraron ao iniciar o período de consultas do ERE, cando evidenciaron que “só querían poñer o reloxo en marcha”. Esta decisión unilateral da empresa deixa a 115 persoas na rúa e asestando un “mazazo á economía da comarca da Mariña”.

Patricia Otero mantivo hoxe un encontro cos representantes do Comité de Empresa, que viaxaron ata o Parlamento para seguir o debate, e aos que lles trasladou o compromiso do Grupo Socialista e do equipo de goberno de Viveiro e da súa alcaldesa, María Loureiro.

Aberto o prazo de matrícula para 15 Escolas Deportivas de Lugo

O Goberno de Lara Méndez a través da Concellería de Deportes, dirixida por Mauricio Repetto anunciaba hoxe que a partires do 1 de Outubro, se abre o prazo de matrícula para a inscrición en 15 Escolas Deportivas con disciplinas diferentes. “O obxectivo persegue ofrecer actividades de calidade para o tempo de lecer dos nenos da cidade, así como contribuír á conciliación da vida familiar e laboral das familias e potenciar actividades de promoción da saúde” apuntaba o concelleiro.

O Concello de Lugo, colabora coa cesión gratuíta das instalación deportivas municipais para o seu desenvolvemento, nunha labor de promoción da actividade co obxecto de apoiar o deporte base na nosa cidade. Todos os interesados en practicar baloncesto, béisbol, boxeo, ciclismo, esgrima, loita, pentatlón, triatlón, piragüismo, rugby, taekwondo, tenis de mesa, ximnasia rítmica, hóckey e hóckey en liña poden matricularse nestas actividades, que se desenvolverán dende o vindeiro mes de outubro ata maio de 2022.

Haberá escolas de matrícula gratuíta, como as de rugby, taekwondo, tenis de mesa e escolas que requirirán un pago de matrícula, como por exemplo piragüismo. As mensualidades dependen de cada unha das modalidades deportivas. Estarán impartidas por profesionais dos clubes deportivos nun total de 7 instalacións: o polideportivo da piscina municipal de Frigsa, o polideportivo municipal da Casa do Deporte, o campo municipal Germán López Vila, p polideportivo municipal de O Palomar, a piscina municipal de As Pedreiras, o pavillón municipal dos deportes e o polideportivo municipal Daniel Cordido. O Pazo de Feiras e Congresos así como o Pazo Provincial dos Deportes e diferentes colexios da cidade tamén acollerán algunhas destas actividades deportivas.

“Actividades que dan cabida o longo do ano a máis de dous mil nenos e nenas do concello de Lugo que gozan das distintas modalidades deportivas impartidas polos clubs da cidade nas nosas instalacións deportivas” destacaba o edil.

Todas e todos os participantes contarán cun seguro deportivo a cargo do club que imparte a actividade, ou as súas federacións a través da ficha federativa da especialidade, e deberán cumprir escrupulosamente cos aforos e os protocolos covid que rixen as federacións deportivas autonómicas de cada un das modalidades.

14,00 h.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurará o III Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial (CIAG). No auditorio Neira Vilas do edificio CINC (Monte Gaiás, s/n). foto xoán crespo 27/06/2019

A Xunta reclama a implicación do Goberno Central para reverter a situación de Vestas e manter o emprego na fábrica

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiterou hoxe a necesidade dunha actuación conxunta para reverter a situación actual de Vestas e garantir o emprego dos 115 traballadores de Vestas en Viveiro (Lugo). “Temos que estar todos”, asegurou en referencia ao anuncio de peche desta fábrica que vén provocado pola errática transición enerxética emprendida polo Goberno a nivel estatal.

Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento galego, Conde fixo referencia á xuntanza do pasado luns entre Xunta e comité de empresa na que se acordou a creación dunha mesa industrial na que é preciso que participe tamén o Goberno central –a través dos ministerios de Industria e para a Transición Ecolóxica– e a propia empresa.

Neste sentido, manifestou o seu desexo de que o Executivo central se sume a esta iniciativa para identificar posibles solucións e que, polo tanto, cambie a súa actitude e se implique realmente tras declinar xa o luns asistir a esta reunión entre Xunta e representantes dos traballadores.

“Se non hai un cambio de actitude do Goberno non será posible manter emprego en Galicia, polo que esperamos que se posicione ao lado dos traballadores de Vestas e mande mensaxes claros de se vai apoiar o desenvolvemento do sector eólico en Galicia”, indicou Conde.

Así, o vicepresidente económico solicitoulle ao Executivo central que reconsidere a súa errática política de transición enerxética –nun contexto de cifras récord no prezo da electricidade– e evitar así o “desmantelamento industrial e a perda de miles de empregos” que están ameazando a Galicia. Unha situación que tampouco debe ser utilizada pola empresa para pechar a factoría de Viveiro.

Así, para a Xunta a solución pasa por un cambio de actitude do Goberno e no que aposte realmente por unha transición enerxética compatible co mantemento da actividade económica e do emprego; é dicir, xeradora de novas oportunidades.

Blasfemia e santidade en Benedetta de Paul Verhoeven

O controvertido cineasta holandés regresa cun dos seus filmes máis arriscados e persoais: a historia real dunha monxa que coa súa actitude desafiou os dogmas eclesiásticos do seu tempo.

Cunha carreira de máis de cincuenta anos, Paul Verhoeven é un dos cineastas máis reputados da historia do cinema. Desde as súas primeiras películas holandesas, como Delicias turcas ou O soldado laranxa, chamou a atención da crítica internacional e da industria de Hollywood, o que lle levou a facer filmes tan icónicos como Desafío total, Robocop ou Instinto básico, filmes onde combinaba un gran sentido do espectáculo e a narrativa cunha clara personalidade estilística e un gusto pola provocación, a través do sexo e da violencia.

Para Verhoeven, as condutas non normativas e as obsesións da mente convértense nun xogo intelectual co espectador que vaise volvendo máis retorcido con cada película. Despois de deixar a industria cada vez máis conservadora de Hollywood, onde a súa mirada converteuse en tabú, o cineasta recolocouse en Francia, onde hai uns anos asombrou a toda a cinefilia coa audaz e sarcástica Elle, onde a través do humor negro e a furibunda mirada sobre a hipocrisía das relacións sociais trazaba un contundente retrato de todo o trauma que vivía unha muller tras sufrir unha violación. Elle, grazas ao bo facer de Verhoeven e a presenza magnética de Isabelle Huppert converteuse nun clásico instantáneo e gran éxito de público.

Cinco anos máis tarde e xa con 83 anos, volve Verhoeven con outro filme que non deixará indiferente a ninguén. Protagonizado pola magnífica Virginie Efira (presente nas pantallas de Codex con Adeus, idiotas), Benedetta é un proxecto soñado con Verhoeven que a piques estivo de non ser realizado e que a Covid-19 postergou un ano. Situado no século XV, Benedetta é unha noviza dun convento ao que chega despois de vivir unha infancia e adolescencia marcada pola súa capacidade de facer milagres. Nun tempo marcado pola fe extrema, mais tamén pola superstición e os mitos populares, Benedetta é ao mesmo tempo santa e herexe. Verhoeven mostra unha muller dominada polos seus sentimentos e a súa devoción.

A súa forma de sentir a divindade é a través de extremos rituais amorosos que sobrepasan os dogmas preconcibidos da Igrexa e das súas superioras. Nese sentido, Benedetta non é un filme contra a relixión, senón contra o fanatismo e en favor da liberdade e o amor, feita da forma máis radical posible, a través do corpo e das accións desta muller excepcional interpretada por Virginie Efira. De clara convicción erótico-festiva, para axitar as mentes máis conservadoras, este novo filme do mestre Paul Verhoeven, consegue tamén que nos fagamos importantes preguntas sobre temas tan importantes como a liberdade sexual ou os límites da fe.

Presentado con honores no último festival de Cannes do pasado maio, onde participou na sección oficial e foi nomeado pola crítica e o público como un dos mellores traballos, Verhoeven demostrou que pese a súa avanzada idade segue a ser un dos cineastas máis arriscados do mundo, ao tempo que consegue seguir conectando co público do mesmo xeito que hai trinta anos, cando traballaba dentro da industria con filmes como Showgirls ou Starship Troopers. Este novo traballo do xenio holandés poderase desfrutar en Codex Cinema desde este mesmo venres.

‘Un ronsel de futuro’, a webserie documental sobre o aniversario da Rede Museística Provincial

Un ronsel de futuro trata de achegar, através do cine, toda a inmensidade dos catro museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo, pertencentes á Deputación de Lugo. O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a nosa historia e patrimonio.

Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio.

O Señor López, da man de Brian Rodríguez e Rubén Pérez, levan a cabo este proxecto no que participan a propia directora da institución Encarna Lago, artistas como Mónica Alonso e importantes persoas da nosa sociedade como Pilar Yáñez ou Mónica Álvarez, contando coa colaboración do Club Sénior do Museo do Mar, o Grupo de Teatro Antas de Ulla, Espazo Lupa así como o Colexio Público de Antas. A webserie viaxa a diferentes localizacións da provincia de Lugo como O Cebreiro, Foz ou Samos así como os propios museos: o Pazo de Tor, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial de Lugo e Museo do Mar.

Este xoves presentaremos a webserie documental coa estrea de dous capítulos. Ao mesmo tempo xa podemos anunciar que a estrea mundial terá lugar nos cines Númax de Santiago de Compostela o vindeiro 21 de outubro. Amais, a webserie percorrerá os catro Museos da Rede así como outras ciudades galegas e festivais cinematográficos.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com