" />

O Concello de Lugo incrementará a vixilancia e a limpeza durante o San Froilán para velar pola seguridade cidadá

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer hoxe algúns dos aspectos máis destacados da organización do San Froilán, no que estes días os técnicos municipais centran os seus esforzos para posibilitar, en tempo récord, a instalación das barracas, sempre respectando os protocolos COVID que se atopan en vigor.

A rexedora informou, primeiramente, da ubicación do feiral que estará acotado entre as Avenidas Rodríguez Mourelo – Praza de Avilés – e García Portela, a rúa Vila de Foz e o segundo bancal do Parque Rosalía de Castro até a explanada do Pavillón Municipal. Precisamente este último será, xunto coa Porta de Bispo Aguirre e as rúas Armando Durán e Puro Cora os puntos de acceso, tanto de entrada como de saída, preferentes ao recinto.

“Haberá delimitado un itinerario recomendado, coa capacidade máxima que determine a normativa da Xunta, durante o que, en todo momento, as persoas que se atopen nel deberán facer uso obrigatorio da máscara, gardar a distancia de seguridade e atender ás recomendacións que as forzas de seguridade lles fagan así como evitar aglomeracións”, explicou Lara Méndez.

Peche do recinto feiral á 1.00

A alcaldesa lucense indicou tamén que, durante a semana, o feiral funcionará só polas tardes mentres que nas xornadas festivas, sábados e domingos, poderá estar operativo todo o día até a unha da madrugada (01:00h). “Un horario que se estableceu atendendo á situación epidemiolóxica actual e tamén en coherencia cos límites polos que se rexen actualmente os establecementos de hostalaría”.

En canto ao dispositivo de seguridade, Lara Méndez destacou “a importancia da colaboración entre os distintos Corpos para asegurar o correcto desenvolvemento das celebracións patronais.

“Policía Local, Policía Nacional, Bombeiros e Protección Civil coordinarán esforzos na procura de desenvolver un operativo organizado e eficaz que permita realizar un control exhaustivo sobre as actividades programadas”, dentro do que tamén se inclúe a posta en servizo de varios postos de atención de Cruz Vermella.

“En conxunto, incrementaranse o número de efectivos para evitar que se formen multitudes pero tamén para garantir que se respectan as recomendacións sanitarias e as limitacións de aforo establecidas para cada un dos casos, para o que se habilitarán – anunciou – catro puntos de control, dos que se encargará a seguridade privada. Unha tarefa que levarán a cabo co apoio de imaxes aéreas captadas por drons”.

A alcaldesa avanzou que a Policía Local reforzará todos os turnos, xa dende este venres – para facilitar a montaxe das atraccións e expositores – e nomeadamente durante os festivos e a fin de semana, concentrando até tres patrullas dentro do recinto feiral para extremar a vixilancia.

“Un cometido ao que se sumará outra patrulla máis, dedicada a dirixir o tráfico e regular a circulación na contorna da Muralla en prol da seguridade vial”.

Lara Méndez puxo o foco, igualmente, nas reunións ao exterior e, unha vez máis, apelou á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía, convidando á poboación a gozar do San Froilán, “con sentidiño, cumprindo cos protocolos e sen esquecer que a saúde segue a ser o primeiro, polo que non podemos baixar a garda, tampouco nas reunións familiares que manteñamos”, pediu.

“A tranquilidade debe ser o factor predominante destas celebracións que, aínda sen alcanzar as cotas de participación doutros anos, nos permiten recuperar certa normalidade. Porén, iso non pode supoñer unha regresión dos logros acadados no que ten que ver coa contención do coronavirus. Un obxectivo conxunto, que nos compete a todos e todas como sociedade”, afirmou a rexedora que fixo un chamamento á veciñanza para que evite as concentracións tumultuosas.

Neste 2021 os tres escenarios principais da capital serán as Prazas da Horta do Seminario e de Santa María e o lateral do Auditorio Gustavo Freire. A maiores, o San Froilán Miúdo celebrase no aparcadoiro municipal do Seminario. Todos os recintos estarán adecuadamente perimetrados e disporán de sinalización.

Tendo en conta todas estas circunstancias, o Concello elaborou un Plan de Tráfico no que se recolle a prohibición de estacionar, xa dende as 00:00 deste venres, nas avenidas Rodríguez Mourelo e García Portela mentres que as persoas residentes nestas zonas non precisarán de autorización para acceder.

Redobrarán os servizos diarios de limpeza

Dende a área de Medio Ambiente preparouse igualmente un dispositivo especial para acometer o aseo viario e a recollida de lixo durante o San Froilán.

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, apuntou que “xa nestes días previos intensificamos a limpeza de sumidoiros e arquetas tanto na zona centro así como no Parque e nas súas inmediacións – Rolda do Carme e República Arxentina – onde se está acometendo, asemade, a roza de soares e a eliminación de pintadas coa finalidade de que poidamos amosar a nosa mellor imaxe”.

O edil destacou que haberá reforzos – humanos e materiais – nos operativos de mañá e tarde no recinto feiral e que, durante as fines de semana, incrementarase na contorna o número de contedores, de quita e pon itinerantes, tanto de fracción como de vidro, incluíndo o paso dun recolector, a partir das 6 da mañá, para retirar os residuos de bares e restaurantes. Igualmente se fará un aseo especial diario do estacionamento do Seminario onde se desenvolve o San Froilán Miúdo”.

Fernández indicou tamén que os técnicos municipais, en colaboración coa adxudicataria, planificaron os traballos tendo en conta a programación festiva, incidindo naquelas xornadas e espazos nas que, pola realización de espectáculos ou pola organización de actividades, se agarda unha maior presenza de público. “As brigadas empregaranse a fondo para garantir que, unha vez finalizadas as actuacións, estas non teñan repercusión nin para a veciñanza que vive e traballa nestas zonas nin sobre os eventos programados a continuación – avanzou – de maneira que o servizo quede rematado antes das 11 da mañá”.

“A nosa intención é anticiparnos ás necesidades de limpeza nas que, sabemos, van derivar os festexos, coordinando esforzos e organizando todos os recursos, tanto de maquinaria como de man de obra, que temos á nosa disposición para actuar con inmediatez naquelas partes da capital nas que se presupón haberá unha maior concentración de xente e acumulación de residuos co obxecto de deixalas impecables o máis rapidamente posible”, subliñou Miguel Fernández.

Así, referiu, por exemplo, que a xornada laboral do persoal comezará ás 04:00 horas ou que o Casco Histórico, recinto feiral e zonas propensas ao botellón, se reforzarán con dez peóns pola mañá que se distribuirán segundo as necesidades do servizo.

Cabinas de aseo

Por outra banda, o concelleiro de Medio Ambiente informou, alén, de que o Concello instalará 14 wc’s portátiles, 3 deles para persoas con mobilidade reducida en distintos puntos do recinto feiral, que se limparán dúas veces ao día.

As cabinas, ubicaranse nas Prazas de Santa María (3), na Horta do Seminario (3) e na explanada do Auditorio Gustavo Freire (3), así como no Patio do Edificio Administrativo do Concello (1), na explanada do Pavillón (1), no bancal do Parque de Rosalía de Castro (1) e nas rúa García Portela (1) e Puro Cora (1).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo