Novas

A Deputación defende na final da Copa España Creativa o seu proxecto de recuperación de soutos nos Ancares

A Deputación de Lugo defende este venres na fase final da Copa España Creativa 2020 que se celebra en Orihuela o proxecto de recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá co que concorreu a este certame. A institución provincial foi a gañadora da fase do voto popular, co 35,6% do total dos apoios, moi por diante do segundo clasificado.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o xefe de servizo da área provincial de Medio Ambiente, Luis Fernández Reija, serán os encargados de explicar a iniciativa provincial mañá, a partir das 17:30 horas, no Forum Orihuela 2020, xunto ao resto de proxectos da categoría Creatividade e Innovación Social e Territorial. Nesta segunda fase do concurso, será un xurado experto, que sumará un 60% da puntuación do voto final, o que valore a calidade da iniciativa, recoñecendo a creatividade e a innovación para o desenvolvemento sostible do territorio.

Haberá unha única iniciativa gañadora, que será a encargada de organizar a vindeira edición deste evento de primeiro nivel con representantes de toda España. Entre os finalistas atópanse autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España. O gañador coñecerase na Gala Final do Fórum Orihuela 2020 que se celebra a noite do sábado.

O Deputado de Promoción Económica e Social destacou que “chegar ata aquí xa é un moi bo resultado, e demostra o bo traballo que se está realizando na provincia compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sostible do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural”. A defensa do proxecto pode seguirse en directo a través da canle de Youtube de España Creativa: https://www.youtube.com/watch?v=R2M0EuMh_OU.

O PP pregúntase que ten que ocultar á alcaldesa para prohibirlles entrar no Auditorio de Magoi

O Grupo Popular retoma a súa reivindicación para que os lucenses poidan entrar e disfrutar do novo auditorio de Magoi que xa leva un ano e tres meses pechado dende que a alcaldesa ten as chaves do edificio. “Lara Méndez comprometeuse a que á volta do verán habería novidades e seguimos no mesmo punto”.

Os concelleiros do Grupo Popular escenificaron hoxe a súa reivindicación concentrándose diante do Auditorio de Magoi para denunciar a negativa da alcaldesa a permitirlles entrar no edificio tal e como pediron este luns, cun escrito por rexistro. O vicevoceiro popular Antonio Ameijide explicaba que “o feito de ter esta infraestructura pechada durante tanto tempo podería provocar un maior deterioro do inmoble antes de que os lucenses podamos estrealo” xa que “sen ventilación se aceleran as humidades, se deteriora o mobiliario e a falta de uso dos aparellos eléctricos pode provocar que deixen de funcionar”.

A proba de que “non teñen interese en abrir esta dotación porque non saben como xestionala, nin que contido darlle foi a imaxe selvática na que tiveron o inmoble ata hai uns días cando o PP reclamou a súa limpeza”. “Esqueceron, dentro do Plan de Barrios do que tanto presumen, limpar esta finca pero os veciños cando viron que limpaban a zona e pasaban as semanas e ninguén adecentaba a finca e a beirarrúa da contorna do auditorio comezaron a protestar”.

O PP tamén pide claridade con respecto ao uso público dos espazos que hai no entorno do edificio xa que a valla perimetral que hai na Avenida de Magoi está aberta e non hai ningún cartel que prohiba o paso co que os veciños entenden que non incumpren ningunha normativa e que poden utilizar as prazas que hai ao pé do edificio”.

A colaboración da Xunta co INTA permitirá consolidar tecido industrial e crear emprego no Polo de Rozas

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a colaboración do Instituto Nacional de Técnica Aeropespacial (Inta) no Polo Aeroespacial de Galicia é clave para consolidar pegada industrial e crear emprego cualificado neste sector.

Conde manifestou que, froito desa cooperación, o Polo Aeroespacial de Galicia conta cunha infraestrutura de primeiro nivel que é o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), onde hoxe tivo lugar a presentación da aeronave Milano, o proxecto de maior tamaño impulsado pola industria de defensa e civil española.

Segundo dixo, o CIAR dispón dun equipamento de vangarda único en España e deseñado para a experimentación con vehículos aéreos non tripulados; un entorno óptimo que axuda a atraer investimentos especializados cara ao novo parque tecnolóxico e industrial, como xa fixeron compañías como Indra e Babcock.

Nese sentido, o vicepresidente económico apuntou que para a consolidación do Polo Aeroespacial de Galicia vai ser fundamental afianzar a colaboración público-privada. Na parte pública, a través dos fondos europeos Next Generation que deben supoñer un salto de calidade para este proxecto. E, no que respecta á iniciativa privada, manifestou a súa confianza en que se poidan materializar as boas sensacións recibidas ata o de agora coas dez propostas que se presentaron á convocatoria da Xunta para ser futuros socios industriais desta iniciativa de cara aos vindeiros cinco anos.

Conde asegurou que todos os esforzos están centrados en “seguir contratando empresas que poidan desenvolver proxectos de I+D, dar continuidade ás iniciativas que se viñan desenvolvendo e, a partir de aí, consolidar a pegada industrial. Ese é o obxectivo da nova fase de Rozas —dixo— que todos estes proxectos xeren emprego e que poidamos seguir avanzando nunha iniciativa que ten unha estratexia moi ben definida para captar fondos europeos e para que se consolide desde o punto de vista do emprego e desde o punto de vista da industria”, aseverou.

50 orquestras poñerán son a sete festivais dentro do Xacobeo 21-22

A Xunta de Galicia intensifica o seu apoio ao sector da música de verbena coa organización de sete festivais nos que actuarán 50 coñecidas orquestras galegas e que terán lugar durante esta fin de semana na Coruña, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, ademais de na área de Lugo nunha data próxima que será confirmada nos vindeiros días. Este circuíto intensivo enmárcase dentro da programación do Xacobeo 21-22, ao tempo que supón un importante reforzo da axuda económica que as empresas deste ámbito veñen recibindo por parte do Goberno galego para lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e os presidentes da Asociación Galega de Orquestras (AGO), Manuel Ángel Fariña, e da Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega (Asevega), Alberto Dopico, presentaron hoxe esta programación, deseñada conxuntamente durante as reunións periódicas mantidas co sector para reforzar o convenio inicial, asinado o pasado mes de xullo co obxectivo de contribuír á reactivación da actividade e ao mantemento do emprego.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade avanzou a ampliación deste acordo de xeito que se incrementará en máis do triplo a dotación inicial de 400.000 euros ata chegar aos 1,24 millóns de euros. Desta nova inxección económica de 840.000 euros, 700.000 destínanse á organización dos devanditos festivais, mentres que os 140.000 restantes supoñen un aumento do crédito para fomentar a contratación de orquestras de verbena por parte doutras entidades mediante a subvención do 40% do custo dos cachés.

Ademais, lembrou que os festivais que se presentan hoxe veñen sumarse ás máis de 100 actuacións de orquestras de verbena programadas desde mediados de xuño e ata finais de ano ao abeiro do convenio orixinal. Ademais, enmarcou esta nova inxección económica no apoio que o sector vén recibindo desde 2020 por parte de diferentes departamentos da Xunta, co obxectivo de paliar os efectos negativos da pandemia e en atención á súa importancia tanto social como económica.

“Na Xunta comprendemos e compartimos a súa preocupación”, afirmou Sutil en referencia ao impacto da crise sanitaria neste ámbito, ao tempo que sinalou que se trata dun “colectivo altamente cualificado e profesionalizado, que forma parte esencial da maneira de entender calquera celebración festiva e de ocio en Galicia, a través da oferta duns espectáculos completos, nos que participan diversidade de oficios e que proxectan unha elevada calidade artística”.

Clausurado o obradoiro de emprego Vía Künig II que formou a 20 desempregado de Baralla, Becerreá e As Nogais

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausurou hoxe o obradoiro de emprego dual Vía Künig II nun acto no que tamén participaron os alcaldes de Baralla, Miguel González; Becerreá, Manuel Martínez, e As Nogais, Jesús Manuel Núñez.

Arias lembrou que a partir do mes de outubro darase continuidade á iniciativa cun novo obradoiro promovido tamén polos tres concellos citados e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade. Deste xeito, apuntou, o investimento da Xunta nos últimos meses para levar a cabo ambas propostas elévase a 706.000 euros.

Os 20 alumnos traballadores que recibiron os seus diplomas formáronse na especialidade de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Adquiriron coñecementos teóricos e experiencia laboral mediante un contrato de traballo, realizando obras nos concellos promotores.

Así, rehabilitaron o muro da rúa da Igrexa en Baralla; acondicionaron o Camiño Real entre O Couso e Pedrafita ao seu paso por As Nogais, e realizaron traballos de rehabilitación nas escola de Cruzul e O Cereixal en Becerreá.

Arias destacou que os obradoiros de emprego figuran entre as propostas mellor valoradas polos concellos e polas persoas participantes, por canto redirixen a súa traxectoria laboral cara a profesións con boas perspectivas de empregabilidade. Ao rematar, reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para traballar no sector elixido. Ademais, o seu labor transforma espazos públicos e mellora as dotacións dos municipios que os acollen.

Neste sentido, subliñou que nas vindeiras semanas comezarán 20 novos obradoiros duais en 55 concellos de Lugo, aos que a Consellería destina 7,1 millóns de euros. “Isto supón novas oportunidades laborais no 82% dos municipios lucenses para 400 traballadores desempregados, aos que hai que sumar as prazas que se creen de persoal de dirección, administración e monitores”, indicou.

A CIG rexeita o peche da fábrica de Vestas e insta a Xunta a adoptar as medidas necesarias para evitar os despedimentos

Ante o anuncio de Vestas de pechar a fábrica de compoñentes eólicos de Chavín (Viveiro), a CIG quere manifestar o absoluto rexeitamento a que se produzan despedimentos e a unha decisión empresarial que non ten máis motivación que deslocalizar a produción para incrementar os beneficios.

Este anuncio chega ademais nun momento moi crítico para a comarca da Mariña, co futuro da fábrica de aluminio no aire, e nun grave contexto de desmantelamento industrial en toda Galiza. Permitir os 115 despedimentos directos e o peche das fábrica de Vestas suporía un durísimo golpe no proceso de esmorecemento progresivo que vive a Mariña a nivel industrial e de emprego.  Por iso, a CIG defenderá e pelexará en todos os ámbitos pola continuidade dos postos de traballo e da actividade produtiva, porque a emigración non pode ser unha alternativa.

Esta decisión anúnciase ademais cando en Galiza estamos a vivir unha auténtica ofensiva na colonización enerxética coa instalación de macro parques eólicos, mentres a actividade relacionada co sector volve ser vítima da voracidade capitalista. “É o mundo ao revés: ínzanos o país de eólicos, pero permítese que pechen as fábricas onde se constrúen as pezas dos muíños e se destrúan centros de empregos para seguir engordando os petos dos accionistas”, denuncia o secretario xeral da CIG.

Paulo Carril critica o papel que está a desenvolver a Xunta de Galiza neste proceso, pois mentres fomenta a implantación de parques eólicos e o espolio dos nosos recursos en favor dos intereses das grandes eléctricas e dos fondos de investimento, asiste con pasividade ao desmantelamento dos sectores produtivos, obviando que ten as competencias en materia de industria e amosando un total incapacidade para pór en marcha unha política industrial vertebradora do país. “O Goberno galego ten que adoptar as medidas necesarias para impedir que Vestas execute os seus plans e para garantir o mantemento dos postos de traballo e da actividade”, asevera Carril.

Neste marco, o secretario xeral da CIG denuncia o “auténtico crime” que constitúe que o Goberno español manteña a plena vixencia da reforma laboral, que dá poder total á patronal para aplicar despedimentos colectivos de maneira unilateral, facilitándolles así botar o peche e deslocalizar a produción a outros territorios.

FAC USO critica a non adhesión de Monforte ao Convenio para a selección dos corpos de Policía Local

A Federación de Atención á Cidadanía da Unión Sindical Obreira en Galicia (FAC USO Galicia) comunica que se publicou no BOP de Lugo non 215, de 17/09/2021, a lista de admitidos, o nomeamento do Tribunal e a convocatoria para o primeiro exercicio do proceso selectivo, por promoción interna, dunha praza de Inspector/a de a Policía Local do Concello de Monforte de Lemos (BOE non 185, de 04/08/2021), de acordo ás bases (BOP Lugo non 155, de 09/07/2021; e extracto, DOG non 149, de 05/08/2021).

FAC USO critica que o consistorio monfortino aínda non se adheriu ao Convenio coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para a selección dos membros dos corpos de policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local (DOG non 222, de 22/11/2017).

FAC USO lembra que, hai meses, “a situación producida foi moito peor”, tal e como criticou publicamente esta organización sindical, posto que “Monforte de Lemos fixo coincidir a data (26/02/2021) do primeiro exercicio das probas para a cobertura de tres prazas de policía local coa data da primeira proba da convocatoria unitaria da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)”.

FAC USO criticou no seu día esa “mera casualidade” que fixo que 280 aspirantes vísense obrigados a decidir entre a convocatoria municipal ou a proba da AGASP, quedando finalmente aquela deserta.

FAC USO lembra que, ante a negativa para cambiar a data, producida por unha “curiosa coincidencia”, e logo da negativa á devolución das taxas xa abonadas, posteriormente esta organización sindical solicitou a exención das taxas para aqueles opositores e opositoras que a abonasen e non se presentaron, petición que igualmente non foi atendida polo Concello de Monforte de Lemos.

O PP lembra ao Goberno que ten pendente a reoganización de Augas Férreas para gañar prazas de aparcamento

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, fai unha proposta en positivo no Día Europeo da Mobilidade, unha proposta xa aprobada en pleno, en setembro de 2016, a iniciativa do PP, pero que o goberno local meteu nun caixón “sen dar explicación algunha”: trátase de realizar un estudo de tráfico nas rúas das inmediacións da Praza das Augas Férreas para avaliar a posibilidade de ampliar as prazas de estacionamento de vehículos.

Antonio Ameijide sinala que o entorno de Augas Férreas é, tradicionalmente, un dos puntos nos que máis complicado é estacionar, xa que se trata dunha zona na que hai numerosas vivendas e negocios que converten a esta zona nunha das máis dinámicas da cidade, con gran movemento de vehículos e poboación.

Falamos de que nesta zona abundan as rúas de único sentido que, en moitos casos, contan con dous carrís de circulación (como poden ser as rúas Cantigas e Flores ou Círculo das Artes), polo que unha posible solución sería a eliminación dun dos carrís de circulación e a adopción de aparcadoiros en batería nunha das marxes xa que aumentaría notablemente o número de prazas de estacionamento dispoñibles. “Non se trata de algo que acabamos de descubrir, se non dunha solución que xa se puxo en marcha noutros puntos da cidade, como o contorno do HULA”, sinalou.

Para o popular esta alternativa “é viable” xa que funciona noutros puntos da cidade e se vería apoiada pola recente reducción da velocidade a 30km/h en moitas rúas da cidade, algo que contribúe a que esta posible solución sexa viable.

A realidade é que cómpre buscar unha solución para esta zona da cidade, xa que é un dos puntos nos que os veciños teñen máis complicado atopar prazas de estacionamento, sen olvidar que se trata dunha zona na que se concentra a maior parte dos estudiantes universitarios, ademais de contar coa sede da UNED, polo que o fluxo de circulación de persoas é constante.

Medidas que se deberían de apoiar na creación de zonas específicas para o estacionamento de motos e bicicletas, algo que “non sabemos se será posible” xa que tanto Méndez como Arroxo esqueceron que é fundamental que o carril bici chegue a todos os barrios da cidade, con consenso para evitar problemas como os de Marqués de Ombreiro e A Residencia.

Seguindo en materia de mobilidade, Ameijide lamenta que Arroxo e Méndez renuncien á gratuidade do transporte urbano para menores de 18 anos, parados, xubilados e familias con escasos recursos. Se queren apostar pola mobilidade en Lugo e facilitar os desprazamentos “é preciso ter empatía” e recorda que se o BNG votou en pleno a favor da gratuidade do servizo para todos estes colectivos “é imposible de entender o seu cambio de postura agora que pisan moqueta”.

Medidas que se deben acompañar da creación dunha APP móbil así como a integración das liñas de transporte na popular aplicación de Google, para facilitar a mobilidade aos lucenses e turistas.

Ecoloxistas denuncian a falta de acceso á documentación do macroparque eólico de Barjas no Courel

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense publicaba o 4 de agosto o Anuncio da Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, polo que se sometía a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Barjas de 121 MW. Este anuncio recoñecía o prazo de 30 días para que se presentaran alegacións aos documentos relativos ao macroproxecto de Barjas nos termos municipais de Barjas, Oencia, Trabaledo e Vega de Valcarce (León), Villamartín de Valdeorras, Petín, Larouco, A Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense), e Folgoso do Courel e Quiroga(Lugo).
Ecoloxistas en Acción sinala que intentou acceder a través dos enlaces do BOP de Ourense para descargar a documentación pública do macroparque e atopabouse cunha resposta negativa para acceder a ela, de xeito reiterado o sistema reflectía: caducidade ou erro.

A organización ecoloxista resalta que ter acceso á documentación e poder alegar ao macroproxecto é un dereito recoñecido en diversas normas xurídicas, xa que, de feito, non se está cumprindo co mandato de facer proxectos ambientais participados tal e como recolle o convenio de Aarhus. Convenio trasposto ao ordenamento xurídico español mediante a lei 27/2006, polo cal os plans e proxectos que teñen unha incidencia directa ou indirecta no medio ambiente deben ser participados.

Ademais isto significa que de xeito presencial, xa que agora sanitariamente é posible, as administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia e o MITERD, deben promover encontros coa veciñanza que vaia a verse afectada polos aeroxeradores. Sen embargo, denuncia Ecoloxistas en Acción, non hai unha verdadeira disciplina administrativa de fomento da participación e todo se reduce ao periodo de consultas e alegacións sen ter en conta que a maioría de persoas afectadas carecen de coñecementos xurídicos e técnicos para afrontar as alegacións aos macroproxectos eólicos. Como circunstancia agravante da falta do fomento da participación estivo á falta de acceso á documentación dun dos macroparques de maior impacto social e ambiental da provincia de Ourense e Lugo.

En febreiro Ecoloxistas en Acción presentou suxerencias na fase de Consultas reclamando a declaración de inviabilidade ambiental deste macroparque, xa que afectaría a tres provincias e dúas comunidades autónomas e agora pretendía exercer o seu dereito de alegar á declaración ambiental definitiva do macroproxecto eólico.

Ecoloxistas en Acción pusoxe en contacto co organismo competente para que solucionara esta grave irregularidade procedimental e obsérvase na resposta dada pola Área de Insdustria e Enerxía de Pontevedra, departamento con competencias para vixiar a publicación no BOP de Ourense, a contestación enviada sinalando o enlace á documentación só uns días antes de que finalice o prazo para alegar. Por iso denuncian que non se respecta o prazo de 30 días de exposición pública e que ademais non se publica o enlace de xeito público senon que só se arranxou privadamente.

Lugo acollerá un ano máis o campionato internacional do World Padel Tour

O goberno de Lara  Mendez renova a súa aposta para que Lugo sexa unha vez máis escenario do World  Padel Tour, un torneo de carácter internacional que converterá á cidade no centro dos afeccionados a  este deporte.

O Concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto; o director nacional de World Pádel Tour, Luis Torres, e as xogadoras e xogador Beatriz Caldera, Carmen Goenaga e Pablo Lijó, presentaban no día de hoxe o Lugo Open, novena proba Open do calendario World  Padel Tour 2021, unha competición internacional, que reunirá do 22 ao 26 de setembro, en torno as mellores 150 parellas mundiais entre a categoría masculina e feminina.

Repetto subliñou que “Lugo volve a facer historia no deporte xa que o World Padel Tour contará coas mellores palas do mundo, que volverán a facer gozar ao público dende o 22 ao 26 de setembro” o edil recalcou, que “eventos como World  Padel Tour sirven para crecer en materia deportiva, e ampliar a experiencia organizativa en grandes eventos deportivos”, o edil destacou tamén o alcance social, turístico e económico para a cidade “nun momento de dificultades económicas derivadas pola pandemia” finou.

O director nacional de World Padel Tour, Luis Torres, agradeceu a colaboración e facilidades que puxo o Concello para que esta proba puidera realizarse e pola que “pasarán entre venres e domingo preto de 4200 espectadores”. Tamén se poderán ver as semifinais e finais dos torneos Open e Master de World  Padel Tour a través de GOL TV.

Entre os participantes estarán as mellores palas do ránking mundial, que veñen directamente da disputa deste pasado fin de semana da celebración do Master de Barcelona:  as parellas actualmente que ocupan o numero 1 e a numero 2 do ranking mundial, así como os finalistas masculinos e femininos deste pasado fin de semana:  Paquito Navarro e a Martin Di Nenno que venceron a Federico Chingotto e Juan Tello na categoría masculina, e Gemma Triay e Alejandra Salazar que venceron en Barcelona a Lucia Sains e Beatriz Gonzalez na categoría feminina.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com