A Deputación defende na final da Copa España Creativa o seu proxecto de recuperación de soutos nos Ancares

A Deputación de Lugo defende este venres na fase final da Copa España Creativa 2020 que se celebra en Orihuela o proxecto de recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá co que concorreu a este certame. A institución provincial foi a gañadora da fase do voto popular, co 35,6% do total dos apoios, moi por diante do segundo clasificado.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o xefe de servizo da área provincial de Medio Ambiente, Luis Fernández Reija, serán os encargados de explicar a iniciativa provincial mañá, a partir das 17:30 horas, no Forum Orihuela 2020, xunto ao resto de proxectos da categoría Creatividade e Innovación Social e Territorial. Nesta segunda fase do concurso, será un xurado experto, que sumará un 60% da puntuación do voto final, o que valore a calidade da iniciativa, recoñecendo a creatividade e a innovación para o desenvolvemento sostible do territorio.

Haberá unha única iniciativa gañadora, que será a encargada de organizar a vindeira edición deste evento de primeiro nivel con representantes de toda España. Entre os finalistas atópanse autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España. O gañador coñecerase na Gala Final do Fórum Orihuela 2020 que se celebra a noite do sábado.

O Deputado de Promoción Económica e Social destacou que “chegar ata aquí xa é un moi bo resultado, e demostra o bo traballo que se está realizando na provincia compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sostible do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural”. A defensa do proxecto pode seguirse en directo a través da canle de Youtube de España Creativa: https://www.youtube.com/watch?v=R2M0EuMh_OU.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com