Novas

19.789 alumnos comezaron hoxe o curso en Lugo

O curso escolar 2021/22 comezou hoxe con 19.789 rapaces e rapazas matriculados en 120 centros da provincia de Lugo, 6.128 deles en Educación Infantil, 13.576 en Primaria e 85 en educación especial.

delegado territorial da Xunta, Javier Arias, acompañou aos nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos no primeiro día deste ano académico, que comeza en Galicia con todas as medidas de seguridade necesarias e coa experiencia adquirida xa polos centros o pasado curso para frear a propagación da covid.

Arias destacou o “bo funcionamento das accións preventivas o ano pasado grazas ao gran traballo do profesorado e de toda a comunidade educativa, á responsabilidade das familias e á boa actitude do alumnado”, e apuntou que “a pesar de que a situación mudou en relación co curso anterior, segue a ser necesario contar coas ferramentas precisas para previr posibles contaxios”.

Nese sentido, lembrou que a Xunta ten dispoñible desde o pasado 9 de xullo o Protocolo de Adaptación ao contexto da covid-19 nos centros educativos e contratará a 1250 docentes de reforzo a través do Plan Recupera que se van incorporar xa no mes de setembro.

Mellora de infraestruturas

Arias fixo balance das últimas melloras executadas polo Goberno galego en centros da provincia de Lugo, onde actualmente hai en marcha oito obras de gran envergadura iniciadas este ano que suman 3,7 millóns de euros. Así, estanse a acometer rehabilitacións integrais nos CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, IES María Sarmiento de Viveiro e CEIP Virxe do Corpiño de Begonte; xunto con outras obras como a renovación de cubertas, carpinterías exteriores e fachadas nos colexios de Cervantes, A Pobra do Brollón e Castroverde, IES Lois Peña Novo de Vilalba e IES de Monterroso.

Tamén están aínda en execución ou recentemente rematadas intervencións de menor entidade realizadas no verán en 65 colexios e institutos de toda a provincia, nas que se investiron 1,3 millóns de euros para pintar, acondicionar espazos realizar outras melloras como a renovación das instalacións de electricidade e calefacción.

Ademais, este ano tivemos en marcha en centros educativos de Lugo outras 12 obras importantes cun investimento de 5,4 millóns de euros na anualidade de 2021, que xa se iniciaran en exercicios anteriores e que veñen de finalizar o están a piques de facelo”, dixo Arias. Entre elas figura o novo CEIP do Sagrado Corazón de Lugo, que se estrea hoxe; a rehabilitación integral do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria ou, no caso da Zona Sur, a reforma e ampliación do IES A Pinguela de Monforte de Lemos.

O delegado destacou que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares –ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas- dan protagonismo aos espazos abertos e multifuncionais que respondan ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas dos centrosdacordo cos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Por último, Arias resaltou que o departamento autonómico de Educación seguirá facendo fincapé nas accións de dixitalización das aulas, con proxectos como o do libro dixital –E-Dixgalque este curso aumentou a súa implantación na provincia ata os 90 centros integrados.

O PP critica que o PSdeG rexeitara un “acordo de provincia” no Parlamento para mellorar infraestruturas viarias

O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a que execute, no menor prazo de tempo posible, o desdobramento total do corredor Nadela-Monforte de Lemos para convertelo en autovía, “unha obra que a propia conselleira xa se comprometeu a licitar a redacción do proxecto este mesmo ano para completar o percorrido entre Sarria e Lugo”, explicou o deputado popular José Manuel Balseiro. Porén, lamentou que o PSdeG rexeitara sacar adiante “un acordo de provincia con demandas de infraestruturas viarias ao Goberno central, poñendo por diante os intereses partidistas dos socialistas fronte ao de todos os lucenses”.

José Manuel Balseiro lamentou que os deputados socialistas rexeitaran a súa proposta de “aprobar unha proposta de provincia, na que incorporáramos a demanda ao Goberno galego para o remate do desdobramento total do corredor Nadela-Monforte e a solicitude ao Goberno central para a mellora de infraestruturas da súa competencia en Lugo, como as autovías Lugo-Santiago, Lugo-Ourense, Monforte-Chantada ou a da Mariña; así como unha solución técnica aos peches de tráfico da autovía do Cantábrico; a reparación do firme na autovía do Noroeste; o reforzo das tarefas de mantemento e conservación nas estradas de titularidade nacional; ou a recuperación das frecuencias ferroviarias suprimidas”.

“Porén, os deputados socialistas decidiron poñer por diante os intereses do seu partido e a defensa do Goberno de Pedro Sánchez, rexeitando a proposta feita polo Grupo Popular, que finalmente votou a favor da iniciativa socialista amosando que por enriba dos nosos intereses de partido está o benestar de todos os lucenses”, manifestou.

Cs urxe a mellorar a rúa Xardín, entre Río Eo e Serra de Ancares

A voceira municipal de Cidadáns, Olga Louzao, cargou esta mañá contra o Goberno local por levar a cabo unha xestión “partidista” en relación ao asfaltado das vías municipais. ” Non entendemos como o Goberno local pode obviar o lamentable estado no que se atopa a rúa Xardín. É necesaria unha intervención urxente. Esta vía exemplifica perfectamente o fracaso do Goberno local na súa planificación para o mantemento de infraestruturas no que as distintas áreas de goberno asumen ou rexeitan responsabilidades en función da conveninecia política medida en rédito eletoral”, sinalou a edil da formación laranxa.

“Que pensarán os veciños desta zona cando ven á alcaldesa pasearse polo Senado falando de barrios multiecologicos e dunha cidade sostible e resilente cando as súas rúas están cheas de fochancas, sen beirarrúas e absolutamente intransitables?”, proseguiu Louzao.”«Estamos a falar dunha rúa cun firme moi deteriorado, que incumpre a Lei de Accesibilidade por contar con tramos de desnivel altísimo e carecer de beirarrúas. De feito é impracticable en moitos tramos froito do completo abandono. Pola súa banda, a iluminación é moi deficiente, xera problemas de seguridade e obvia a perspectiva de xénero, carencias preocupantes tendo en cuenta que esta rúa é moi transitada ao comunicar dúas vías vertebradoras da zona norte como son as rúas Río Eo e Serra de Ancares e ao atopase nas inmediacións do canil do barrio”, apuntou.

A portavoz municipal de Cs instou o Goberno local a iniciar un dialogo entre PSOE e BNG para fixar os intereses reais da cidade e deixar de lado lóitalas partidistas. “A xestión do bipartito converteuse nunha mera mercaduría de votos. Non existe un proxecto de cidade. A rúa Xardín é un exemplo magnífico do que a especulación e a neglixencia política causan sobre o territorio. É un espazo con grandes posibilidades que é susceptible de ser peonalizado pola súa proximidade ao canil, pero non hai interese por parte do Goberno. Deste xeito cubriríase en certo xeito a carencia de zonas de esparexemento das que adoece a zona. É necesario que se poñan a traballar polo ben común, deixen de lado a política partidista e aparten as obras grandilocuentes”, concluíu.

FAC USO critica que Guitiriz non se adhira ao convenio para delegar a selección de Policías Locais á AGASP

A Federación de Atención á Cidadanía da UNIÓN SINDICAL OBREIRA en Galicia (FAC USO Galicia) comunica que no BOE número 186, de 05/08/2021, publicouse a convocatoria dunha praza de Policía Local do Concello de Guitiriz, correspondente á Oferta de Emprego Público de 2019 (bases no BOP Lugo número 140, de 22/06/2021; e extracto no DOG non 143, de 28/07/2021).

FAC USO denuncia que o consistorio guitiricense aínda non se adheriu ao Convenio coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para a selección dos membros dos corpos de policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local (DOG non 222, de 22/11/2017), e que dita convocatoria coincida coa convocatoria unitaria da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

FAC USO critica que esa convocatoria para prover, mediante o sistema de concurso, en quenda de mobilidade, unha praza de policía local, que continúa aberta (20 días naturais), se publique o mesmo día que a Resolución de 28/07/2021 da AGASP, pola que se aproban e fanse públicas as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo unitario para o acceso aos corpos de Policía local,
categoría de policía, quenda de concurso (DOG non 149, de 05/08/2021).

FAC USO lembra que non estamos diante dunha novidade, porque, xa en dúas ocasións anteriores (abril de 2019 e novembro de 2020), Guitiriz convocou unha praza de policía local, igualmente mediante o sistema de concurso, en quenda de mobilidade, fóra da convocatoria unitaria da AGASP, quedando finalmente desertas. FAC USO cuestiona que non se adopten medidas, cando en 2019 Guitiriz xa quedou sen
persoal no persoal da Policía Local, deixando de prestar un servizo público de calidade.

Lugo baixa dos 1000 casos activos por primeira vez dende xullo

Boas novas para a provincia en relación coa covid. E é que Lugo baixa, por primeira vez dende o pasado xullo, dos 1000 casos activos; nunha xornada onde a presión asistencial foi en descenso e o número de positivos en PCR mantense na vintena.

Así se revela do último informe do SERGAS, con datos recompilados ata as 6 da tarde de onte e no que se cifra en 950 os casos activos, 100 menos que na xornada anterior. Esto vén dado grazas a un importante aumento das persoas que superaron a covid (18.382, dende o inicio da pandemia) e o mantemento en cifras moi baixas dos positivos detectados a diario.

Nas últimas horas, segundo informou Sanidade, foron 21 os novos casos localizados grazas ás probas diagnósticas, un número moi por baixo do centenar de positivos que se rexistraban case a diario hai apenas quince días.

Con todo, a presión asistencial, malia que en descenso, continúa arroxando cifras altas. Por hospitais, o HULA segue a ser o que conta con máis pacientes Covid con 14 en planta e 4 na UCI; doutra banda, o Hospital da Costa desocupa as súas camas e queda cun só paciente covid que se recupera en planta de hospitalización, mentres que en Monforte, sobe este baremo lixeiramente, e chega aos 5 pacientes en unidades convencionais.

Por último, dende o inicio da pandemia, en Lugo houbo que lamentar 238 falecementos, os últimos varios usuarios da residencia das Gándaras que finaron días atrás.

O Partido Popular pide á alcaldesa que medie co BNG para que haxa barracas este San Froilán

O voceiro do Grupo Popular, Ramón Carballo xunto co vicevoceiro Antonio Ameijide e a edil Sagrario Sánchez recibiron hoxe a unha representación de dúas Asociacións de feirantes e industriais tanto de Galicia como de España. Tanto o presidente da Asociación de Industriais e Feirantes de España como o vicepresidente dos Empresarios de Atraccións de Feira de Galicia amosaron “o seu pesimismo pola falta de diálogo do goberno local para montar este ano as súas atraccións coincidindo coas festas do San Froilán” asegurando que “non hai interese, nin nos dan resposta á nosa petición de traballar neste San Froilán deixándonos aos pés dos cabalos”.

Para a concelleira do PP Sagrario Sánchez está claro que as afirmacións da responsable de Cultura de que estudiaría a proposta do grupo popular para que houbese nas patronais de Lugo barracas é “un novo engano para gañar tempo”. “Teñen a decisión tomada e salvo que lles presione o seu socio de goberno non van cambiar de postura” aclarou lamentando que “non se de unha oportunidade aos feirantes para montar as súas atraccións pese a que os protocolos o permiten”.

Sánchez insistiu “o BNG nunca tivo vontade para organizar o recinto feiral  se escuda na covid cando é coñecedor de que hai moitísimos concellos que permiten que funcionen as barracas”. “Os nacionalistas, co visto bo do PSOE queren facer unhas patronais feitas a medida sen contar coa opinión de ninguén” puntualizaron.

Os populares insisten en que ainda hai prazo e opcións legais para montar as barracas polo que piden ao bigoberno solidaridade coas familias dos feirantes que están atravesando momentos difíciles como consecuencia da crise sanitaria vivida.

O Concello comeza a entrega ás familias as axudas para libros de texto e material escolar

O Concello de Lugo anunciou que hoxe comeza o prazo de entrega das axudas para libros de texto e material escolar convocadas anualmente pola Concellería de Educación, e destinadas ao estudantado de segundo ciclo de Educación Infantil. O edil titular da área explicou que “desde a nosa chegada ao goberno traballamos para acelerar os prazos deste procedemento, e este ano conseguimos entregar os cheques nos primeiros días de curso, tres meses antes que en cursos anteriores”.

A concellería de educación destina un total de 40.000 euros para facilitar a adquisición de material escolar, en vales de 100€ para un total de 400 persoas beneficiarias. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope en 6.326,88€, o 0.8 do IPREM. En total, este ano recibíronse 565 solicitudes, concedéndose as axudas a 339 nenas e nenos. As axudas poderán recollerse nas oficinas da Concellería de Educación, no Centro Social Uxío Novoneira ata o vindeiro día 22

O titular de Educación criticou á Xunta de Galicia “que delegue nos concellos a tramitación e entrega destas axudas, cando é o goberno galego quen ten as responsabilidades no ensino”. Segundo Felipe Rivas, “a Xunta de Galiza ten que facerse cargo destas axudas, que supoñen un gran esforzo para os concellos, igual que se encarga no resto de etapas educativas”.

Méndez: “A recuperación económica de Lugo virá da man da sostibilidade acorde co modelo de cidade”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá no Senado as liñas do modelo de cidade na xornada ‘As urbes españolas ante o reto da neutralidade climática’, xornada onde se intercambiaron iniciativas, dificultades, experiencias e vantaxes das novas visións sobre as infraestructuras verdes. Lugo, foi unha das 12 cidades elexidas para participar nesta reflexión sobre o futuro verde das cidades.

“Lugo leva sete anos traballando na transformación sostible da cidade, a través dun urbanismo integrador que persegue a neutralidade climática para afrontar con maior fortaleza os retos do cambio climático, com iniciativas pioneiras en Europa,  e intentando concienciar da necesidade de crear novos hábitos de vida saudables e potenciar as relacións interxeracionais”, sostivo a rexedora que engadiu que a esta transformación súmase agora o impulso da economia local a través da diversificación empresarial e industrial para atraer investimentos de alto valor social, innovador e ambiental.

A mesa na que participou a rexedora lucense estivo moderada por Ione Belarra, Ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030 de España e participaron o alcalde de Vitoria-Gasteiz, Gorka Urtaran; o alcalde de Cáceres, Luis Salaya e Milagros Tolón, vicepresidenta da FEMP.

A rexedora destacou a necesidade de seguir avanzando en actuacións nos barrios para unha nova sostibilidade, con accións como se están executando para recuperar espazos públicos para a cidadania, tales como peonalizacións de calzadas, espazos verdes, carris bicis, etc. e destacou tamén a importancia de crear novos barrios desde cero neste caso destacando o Barrio Multiecolóxico. O primeiro edificio deste barrio é o Impulso Verde “o primeiro edificio público construído con madeira de Galicia que implicará un aforro de consumo enerxético dun 74 % respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54 % respecto aos de nova construción que no tocante ao CO2, emitirá un 90 % menos que os edificios de formigón e aceiro e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións” apuntaba Méndez.

Respecto á recuperación económica a rexedora explicou que “desde o Concello nos ocupamos das accións extraordinarias derivadas da pandemia, situación que puxo de relevo a importancia da cooperación local para facer fronte a desafíos mundiais tales como a recuperación económica, e así naceu a estratexia Lugo Transforma, un fondo municipal de 12 millóns de euros, para atraer investimentos de alto valor social, innovador e ambiental, ca finalidade de impulsar a diversificación económica da cidade e a creación de postos de traballo que permitan á cidadania elexir Lugo como cidade para realizar o seu proxecto de vida”. Nesta mesma liña destacou a creación dunha Mesa para a Diversificación Industrial de Lugo, como reforzo da estratexia sendo “unha iniciativa ca que queremos desenvolver un espazo de diálogo e de acordo onde o Goberno local e os principais axentes económicos, institucionais, políticos e sociais da cidade deseñemos e impulsemos medidas conxuntas para asentar as bases da futura industrialización de Lugo”.

Para finalizar a rexedora destou a importancia dos novos fondos europeos que van a permitir que Lugo siga a dar pasos pasos importantes nesta transformación.

Xuventude pon en marcha preto dunha trintena de actividades gratuítas para a mocidade

O concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, presentou este mércores a programación de actividades que o Goberno de Lara Méndez porá en marcha para os meses de setembro a decembro destinada á mocidade lucense. En total, serán preto dunha trintena de obradoiros, masterclass, rutas e recursos aos que poderá acceder a xuventude do municipio de forma totalmente gratuíta.

Neste senso, Repetto explicou que se trata dunha programación “ampla e variada, para todos os gustos, e a través da que buscamos promover a actividade física e a formación en novas tecnoloxías entre os máis novos, así como fomentar hábitos de vida saudables e inculcar aos mozos e mozas valores como a tolerancia, a inclusión e a igualdade”.

Un concerto do MC Escandaloso Xpósito abrirá o programa de actividades este venres, 10 de setembro, a partir das 19:30 horas na Casa da Xuventude, seguindo todas as medidas de seguridade establecidas con motivo do protocolo Covid-19. “Hugo é un dos grandes rapeiros do panorama nacional, recoñecido por participar nunha das bandas pioneiras da fusión entre o rap e o jazz en España, Kase O Jazz Magnetism, e estamos seguros de que esta cita será un gran éxito”, subliñou o concelleiro.

As inscricións para este concerto, así como para o resto de actividades deberán realizarse a través do enlace: https://formulario.xuventudelugo.gal/ Por outra banda, tamén se manterán as asesorías, tanto psicolóxica, como xurídica e de orientación laboral académica, así como o servizo de prevención de drogodependencias. Ademais, haberá rutas guiadas durante todos os meses.

Programación

  • Taller de Ioga: dende o 6 de Outubro ata o 15 de Decembro
  • Taller de zumba: dende o 4 de Outubro ata o 13 de Decembro
  • Taller de baile contemporáneo: Dende o 6 de Outubro ata o 15 de Decembro
  • Taller de producción musical ABLETON-LIVE: 8,15,22,29 de Outubro e 5 de Novembro
  • Iniciación a batería: 18,19,25 de Outubro e 8,9,15,22,29 de Novembro
  • Taller de construcción de secuenciadores: 12,13,19,20 e 26 de Novembro
  • Mantemento de bicicletas 1: 23 de Outubro
  • Mantemento de bicicletas 2: 20 de Novembro
  • Tenis de mesa: Dende o 17 de Setembro
  • Memes sen gracia: memes contra a violencia: 22,23,24 de Novembro
  • Subir Historias: taller de experimentación con móbiles: 28 Outubro e 4,11 e 18 de Novembro
  • Escola de Maxia: Dende o 7 de Outubro ata o 25 de Novembro inclusive
  • Contar historias a través da fotografía: 16 de Outubro
  • Scape Room “XCAPATE. A Casa da Xuventude encantada”: 28,29,30 e 31 de Outubro
  • Show Cooking samain. POSTRES TERRORIFICOS: 28 Outubro
  • Catas sensoriales: 19 de Outubro 15 Outubro
  • Ruta nos viñedos da Ribeira Sacra: 15 Outubro
  • Taller experimental de deseño de roupa e moda circular: Dende o 28 de Setembro ata o 30 de Novembro
  • Masterclass de Nutrición: 19 de Outubro, 23 de Novembro e 14 de Decembro
  • “Coñece a escalada”: 23 de Decembro
  • Defensa personal:  Dende o 18 Outubro ata o 18 de Decembro
  • Parkour (Grupo iniciación): 16 de Outubro
  • Parkour (Grupo intermedio): 16 de Outubro
  • Danzas urbanas: tódolos sábados dende Setembro

Importante descenso de casos e positivos na provincia

A provincia de Lugo encadea varias xornadas en descenso de casos. Unha baixada que se consolida logo do importante descenso dos positivos nas últimas xornadas.

En cifras, e segundo informa o SERGAS, Lugo suma 1050 casos activos, logo de rexistrar 26 positivos en PCR. Ambos baremos moi lonxe dos resultados de hai 7 días.

O certo é que a provincia achégase á melloría pero todavía está lonxe do mes de xuño cando se acadaba unha estabilidade en cifras moi baixas cos hospitais prácticamente baleiros. Nestes intres, a presión asistencial é similar á de xornadas anteriores, con 21 pacientes en plantas de hospitalización e 4 na UCI. Por hospitais, o Lucus Augusti descende os pacientes covid ata os 14 en planta e os 4 da UCI; en Monforte 5 pacientes recupéranse en planta e no Hospital da Costa son 2 os pacientes que loitan contra o virus hospitalizados.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com