Novas

Socialistas de Monterroso urxen recuperar Pediatría e os catro docentes do IES

Os socialistas de Monterroso avanzaron hoxe que defenderan no vindeiro pleno, que se celebrará o martes día 29 ás 20:30 horas, dúas mocións para demandar por unha banda, “recuperar de xeito inmediato e continuado o Servizo de Pediatría, e noutra proposta reclaman que se manteñan aos catro docentes no IES de Monterroso que pretenden eliminar para o vindeiro curso 2021-2022”.

“Estamos diante de dous recortes sen procedentes na nosa vila, e  mentres a Alcaldesa e todo o seu Goberno seguen sen dicir nin mu, e sen mover un dedo para solventar esta situación. Monterroso é o claro exemplo do abandono do rural por parte do Goberno do PP, recortes en sanidade, recortes en educación, peche de servicios agrarios, e mentres o Goberno de Seijas segue de vacacións”, lamentan.

Sobre a situación da atención sanitaria na vila, os socialistas sinalan que no centro de saúde de Monterroso tamén atende aos usuarios dos Concellos limítrofes de Portomarín, Antas de Ulla e Taboada deixando polo tanto a máis de 9.800 habitantes sen este servicio básico e esencial.

“Dende o Grupo Municipal Socialista de Monterroso xa nos fixemos eco das reiteradas queixas dos pais e nais que acudiron ao centro de saúde, e comprobaron que non había asistencia pediátrica. Ademais neste centro de saúde de tres médicos que consultan diariamente, comprobamos en moitas ocasións, que só hai un traballando, e nunha situación como a que estamos vivindo coa pandemia do COVID é algo moi alarmante”, advirten.

No que atinxe a situación educativa da vila, remarcan que “en xullo o Departamento de Educación da Xunta informou ao consello do IES de Monterroso da intención de prescindir de cinco dos seus profesores para o próximo curso, converténdonos tristemente nun dos máis perxudicados da provincia, pero que tras as reclamacións realizadas desde o centro a cifra reduciuse a catro”.

Así as cousas advirten que “estamos ante un recorte sen precedentes xa confirmado pola Consellería de Educación para o vindeiro curso de máis de 430 docentes de secundaria, así como a redución de 109 unidades e uns 150 mestres e mestras en Primaria en todo o territorio galego”.

O Concello ingresou 4M€ menos en 2020 pola crise xerada pola pandemia

O Concello de Lugo recadou en 2020 catro millóns de euros menos que no exercicio anterior.

Unha diminución de ingresos derivada, fundamentalmente, da ausencia de actividade durante o Estado de Alarma e acorde ao devir da pandemia que freou o investimento privado, pola incertidume financeira que provocou, e paralizou a moitos sectores, nomeadamente á industria cultural e de ocio, entre eles a hostalaría – cun importante peso no PIB local e nacional – pero que tampouco foi alleo á construción, un dos polos de negocio máis importantes na cidade.

Esta é unha das principais conclusións que se poden extraer da Conta Xeral de 2020 que o vindeiro mes a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, presentará aos grupos da Corporación durante a celebración dunha Comisión convocada ao efecto.

A tenente de Alcaldesa avanzou hoxe que o 2020 arroxou un saldo de 80.035.861 de euros en dereitos recoñecidos, dos que forman parte tanto os impostos directos e indirectos, como as taxas e prezos públicos, as transferencias correntes e de capital ou os ingresos patrimoniais. De todos eles, só un 13’21% quedou pendente de cobro a 31 de decembro.

“Advertimos unha perda considerable de ingresos que obedece a factores atribuíbles, na súa maioría, á pegada da COVID pero tamén tiveron repercusión sobre este balance as medidas que, a pesar das expectativas minguantes que xa contemplabamos, Lara Méndez quixo impulsar para apoiar ao tecido produtivo e aos colectivos máis vulnerables”, sinalou.

Así, a responsable da área económica do Concello de Lugo debullou algunhas das cifras máis significativas do epígrafe impositivo.

“Coma sempre, algúns dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais foron o IBI (22.015.869 €) ou o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (5.803.644 €) que supoñen o 27’51% e o 7’25%, respectivamente, da cantidade total que obtén a Administración cada anualidade” e apuntou, asemade, a máis simbólica: os 166 euros que se xiran pola venda de publicacións.

Logo, Paula Alvarellos ofreceu outras cantidades que reflicten os ecos do coronavirus.

“A necesidade de pechar as instalacións públicas durante varios meses e as limitacións de aforo posteriores ocasionaron, por exemplo, que os cobros de prezos públicos nas Escolas e dotacións deportivas da capital ou na Escola Municipal de Música decaesen dos 346.187 € e 67.145 € obtidos, respectivamente, en 2019 aos 192.572 € e 59.429 euros que se recadaron o pasado ano”.

“Tamén a taxa pola apertura de establecementos dá boa conta da baixa nos niveis de investimento en Lugo, onde pasamos de 161.185 € (2019) a 105.171 € (2020) e mesmo impostos como o ICIO evidencian que o volume de obras e reformas na construción tamén se resentiu xa que dunha liquidación de 1.846.923 euros en 2019 pasamos á metade, 935.330 € en 2020 (un 49’36% menos)”, destacou a edil.

Alvarellos Fondo lembrou, alén que, “co obxectivo de dotar de liquidez ao empresariado pero tamén ás e aos contribuíntes e promotores, o Goberno de Lara Méndez habilitou unha serie de medidas que están a ter efectos sobre as arcas municipais. É o caso do adiamento do pago dalgúns dos gravames, como este do ICIO, pero tamén a exención total, por exemplo, das taxas de ocupación da vía pública por terrazas e caldeiros do polvo, ou mesmo a taxa de mercados polas que o Concello obtivo o pasado ano cero euros”.

“Noutros casos, a cancelación de eventos culturais ou festivos implicou unha nula recadación por conceptos como a taxa por festas na rúa, a ocupación con casetas, etc… e mesmo as limitacións de mobilidade que houbo durante o Estado de Alarma fixeron decaer os ingresos de multas por infraccións á Ordenanza de Circulación dos 1.735.097 euros que se rexistraron en 2019 aos 1.332.205 € de 2020 (o 23’22% menos)”.

“Medidas que afectan á baixa ao capítulo de ingresos pero que, en ningún caso, comprometen a solvencia da Institución. Un aspecto que volve destacar no resultado do balance contable do Concello de Lugo – subliñou Paula Alvarellos. E sobre todo, medidas coas que este Goberno optou por poñerse ao carón das e dos lucenses para tentar que ninguén quedara atrás na superación da crise económica e social que derivou da sanitaria”, concluíu a concelleira de Gobernanza.

O PP pregunta a Tomé que planes ten para o terreo da Deputación ao pé do Rato

A Deputación é titular dunha ampla superficie de bosque, ao pé do parque do Rato, na que no seu día o organismo provincial pretendeu crear unha reserva de animais, con cervos e outras especies. “Un goberno provincial socialista decidiu que este tipo de iniciativas non entran dentro das competencias da Deputación e abandonou dito proxecto”, expuxo onte o deputado popular, Oscar Poy.

Segundo as informacións publicadas no seu momento, este espazo ten una superficie de 100.000 metros cadrados; permanece valado e os accesos pechados con cadeados. E neste senso, o grupo provincial popular pregunta ao goberno presidido por José Tomé se ten algún proxecto para que os lucenses poidan disfrutar deste espazo natural.

A prensa publicou en decembro de 2002 que a Deputación tiña o proxecto de repoboar con distintas especies animais este espazo de 100.000 metros cadrados, ao pé do Rato. Naquel momento, o goberno provincial, presidido por Francisco Cacharro, indicaba que ese espazo, que xa estaba valado, podía ser visitado con autorización previa.

Óscar Poy, tras inspeccionar o estado do valo, o peche das cancelas de acceso e comprobar como se atopa dito espazo, considera que non ten xustificación que non estea aberto ao público.

O popular indica ademáis que un terreo tan amplo, densamente arborado, non pode estar continuamente vetado ao público. Indica que son moitos os lucenses e os visitantes que se preguntan que hai nese terreo e por que no é accesible. Por iso, espera que o goberno provincial dea as explicacións que solicita en nome do grupo provincial do PP.

Os casos de Covid encadean dúas xornadas á alza na provincia

Continúa a suba de casos activos de Covid na provincia de Lugo, nunha xornada de aumento tamén do ritmo de contaxios.

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que cifra en 1342 os casos activos na provincia. Lonxe dos 1231 que se rexistraban dous días atrás. Como diciamos, soben tamén os positivos detectados na provincia a 138 en tan só 24 horas, de novo, moi por riba dos 78 rexistrados o domingo.

E é que, os gromos detectados na provincia, e que foron clave na decisión da Xunta de elevar a nivel máximo de restriccións á localidade de Monforte de Lemos, están a supoñer un paso atrás na melloría que se estaba a rexistrar. Con todo, Sanidade continúa insistindo na necesidade de acodir aos chamados dos cribados.

Doutra banda, a presión asistencial rexistra hoxe unha nova e leve melloría. E é que a UCI do HULA libera outra cama e queda con tan só 2 pacientes covid na unidade de críticos. En plantas de hospitalización mantéñense as mesmas cifras que na xornada anterior con 19 pacientes ingresados no Lucus Augusti, 3 no Hospital de Burela e 4 no de Lemos.

O PP acusa ao BNG de ofrecer un “consenso ficticio” para excusar que o San Froilán esté “no aire”

Os populares lamentan que a 40 días do San Froilán o BNG apele ao consenso para organizar as festas deste ano “é unha broma de mal gusto” puntualizaba a edil Beatriz Vázquez. Para a concelleira do PP “a man tendida dos nacionalistas é un xesto ficticio co que buscan dar unha saída a un tema espiñento do que non se ocuparon porque están e seguen de vacacións”.

Os populares lembran como “o BNG, co beneplácito do PSOE, non quixo nin informar, nin dar participación real a ningún outro grupo da corporación na elaboración do programa das patronais” lembrando que tan só se convocou unha reunión da comisión de festas o pasado 7 de xullo.

Os populares critican que “os nacionalistas utilicen agora a estratexia do buenismo para branquear a súa actitude de impoñer o seu rodete” e anuncian que, aínda así, participarán na reunión e presentarán as súas propostas.

O PP expresou o seu convencemento de que o BNG repetirá o seu modelo de San Froilán que pasa por “asegurar os contratos ás agrupacións que son da súa corda, sempre pagando con contratos menores, sen importarlles que desapareza unha dos principais acenos de identidade de lestes festexos” en alusión a que, a estas alturas, “estea no aire que non haxa nin casetas do polbo, nin barracas”.

Por último Vázquez cuestiona que, agora, apliquen o argumento de que “temen un efecto chamada nos festexos se hai barracas cando a outra parte do goberno vai reunir a 2.500 persoas no Caudal Fest”. “Todo pode facerse con sentidiño e con protocolos estritos” matizaba “sen demonizar nin a hostaleiros, nin a barraquistas”.

O PP lle replicaba aos nacionalistas que “están moi enganados se pensan que con expor as palabras máxicas de unidade e consenso cren que os lucenses van desculpar a súa irresponsabilidade e a súa política caciquil”.

A Deputación colabora co X Forum de Innovación e Formación sobre Vehículos, en Ribadeo

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participou este martes na inauguración do X Forum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) en Ribadeo. Esta cita, que reúne a 50 profesionais, estudantes e afeccionados do sector, celébrase ata o venres e conta con 32 horas de actividades relacionadas co mundo da automoción.

A Deputación colabora con esta xornada cunha achega económica de 3.000 euros co obxectivo de impulsar e apoiar o sector do automóbil. García Bermúdez valorou este apoio a APAGA. “A Deputación de Lugo ten unha firme aposta de colaboración co tecido asociativo -social ou profesional– da nosa provincia.

E os obxectivos fundacionais de APAGA, coa súa aposta pola formación e pola información, benefician, non só a un amplo conxunto de profesionais do sector, senón que aportan seguridade e coñecemento ó conxunto da sociedade”, subliñou a Deputada, quen recalcou a especial capacidade deste colectivo “para integrarse en proxectos pioneiros de formación a nivel internacional, englobados baixo o prestixioso paraugas das políticas Erasmus+ da Unión Europea”.

“O foro é unha cita que, dende o ano 2012, se converteu nun referente no debate e no coñecemento en torno ó mundo do automóbil, o transporte, a seguridade ou as innovacións tecnolóxicas relacionadas co sector da automoción no sentido máis amplo do termo”, destacou Mayra García.

No acto de inauguración tamén participaron o presidente de APAGA, Álvaro Doural Leiras, a Concelleira de Ribadeo e Deputada de Medio Rural e do Mar e Mocidade, Mónica Rancaño, e a secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro.

A Garda Civil interrompe unha festa en Negueira de Muñiz con 40 asistentes

A Garda Civil informou nas últimas horas da intervención, na madrugada do pasado sábado, nunha festa, presuntamente ilegal, na parroquia de San Pedro de Ernes, en Negueira de Muñiz. En total, os axentes identificaron a 40 asistentes de distintas nacionalidades.

Entre as actas de propostas de sanción levantadas pola Garda Civil, están 3 por incumprimento da Lei de Saúde de Galicia, para os presuntos organizadores da xuntanza; outras 25 por prescindir da máscara, obrigatoria en interiores; 20 por non respectar a Lei de Seguridade Viaria e unha última por tenza ilícita de drogas.

O gromo de Monforte eleva o nivel de restriccións na vila ao máximo

Galicia continúa baixando o nivel de intensidade da quinta vaga da covid e día a día vense melloras, especialmente no número de casos activos. Con todo, o ritmo de contaxios mantense en niveis altos en toda a comunidade e tamén, na nosa provincia. Segundo os últimos datos do SERGAS, Lugo aumentou os positivos detectados nas últimas horas e todo apunta aos gromos detectados en diversos concellos, especialmente no de Monforte de Lemos, onde os positivos ascenden xa a 132, nos últimos sete días.

Así, o Comité clínico que asesora á Xunta de Galicia nas medidas a tomar na loita contra a pandemia, vén de decidir elevar ao nivel máximo de restriccións ao Concello de Monforte; asemade, outros concellos que aumentaron o seu número de positivos nas últimas xornadas cambian tamén o seu nivel de limitacións. Así, tras estas decisións, o mapa de restricións da provincia queda do seguinte xeito:

No nivel máximo entra o Concello de Monforte, que xunto ao de Ordes que tamén se incorpora esta semana, serán os únicos dous concellos neste nivel.

No nivel alto se atoparán, dende o sábado, os concellos de A Pastoriza, Castro de Rei, Meira, O Saviñao, Pantón, Rábade e Sober.

No nivel medio continúan Begonte, Chantada, Lugo e Outeiro de Rei.

O resto de concellos lucenses seguen, unha semana máis no nivel medio baixo de restriccións.

Con todo, dende Sanidade insisten na necesidade de acudir aos cribados, especialmente a xente moza xa que a detección precoz axuda a cortar cadeas de transmisión. Advirten dende Sanidade que tan só o 58% dos convocados a pasada semana acudiron a un cribado.

Ante os medios, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña asegurou que Lugo é a área sanitaria con maior incidencia a 7 días con 172 casos; unha taxa que aumentou tralo gromo de Monforte.

O PP pregunta ao Goberno local sobre a licitación das barracas do San Froilán

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Sagrario Sánchez, preguntou hoxe ao Goberno local se xa teñen pensado licitar a contratación das barracas para o San Froilán, xa que, no caso de que “este goberno o teña a ben o prazo para poder licitalo en tempo e forma esgótase”.

A concelleira popular sinala que son moitos os barraquistas que están agardando a que o Concello de Lugo se decida a sacar a contratación estes postos, xa que “despois de dous anos moi complicados poden volver a traballar e é o que están desexando”.

A popular sinala que xa que o goberno local sacou a concurso as casetas do polbo, podería facer o mesmo coas barracas, “sempre cumprindo cos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias”.

Sagrario Sánchez sinala que segundo os protocolos establecidos pola Xunta as atraccións de feira poden realizar o seu traballo cumprindo unha serie de normas que pasan por poder asegurar o paso dunha persoa cada tres metros cadrados en espazos de tránsito; que teñan unha entrada e unha saída claramente diferenciadas; a prohibición das piscinas de bolas; ou, entre outras, o uso obrigatorio da máscara ou os distintos aforos segundo a barraca da que se trate.
Explica Sagrario Sánchez que estas normas aplícanse aos concellos nunha situación sanitario en nivel medio ou alto,  polo que “en función da situación na que nos atopemos se poderán aplicar unhas restriccións ou outras, pero non é  menos certo que dende o Concello de Lugo se debería traballar neste sentido para facilitar o seu traballo”.

Por último, a concelleira popular explica que os barraquistas están nerviosos por saber se poderán traballar ou non nas vindeiras patronais, pero tamén moitos lucenses, que queren saber se haberá atraccións.

“A Comisión de Festas decidirá sobre o recinto feiral”

Pola súa banda, dende a área de Cultura do concello de Lugo, encargada da organización das festas patronais, aseguran que buscarán o consenso da Comisión de Festas para decidir sobre a volta do recinto feiral. “Trátase dunha decisión importante para o desenvolvemento do San Froilán deste ano que queremos acordar con todos os grupos da corporación”, explican.

“O San Froilán do ano pasado foi un exemplo de como levar a cultura ás rúas nun momento complicado da pandemia”, explicou a edil de Cultura, que afirmou “este ano traballamos con distintos formatos para poder levar adiante esta edición do San Froilán segundo vaia avanzando a situación sanitaria”.

A xuntanza da comisión de festas realizarase á volta do verán. A comisión de festas está composta por 8 integrantes, 3 do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Cs Lugo, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.


Imaxe de arquivo: Concerto San Froilán 2018

Socialistas de Antas de Ulla denuncian a falta de sanitarios no centro de saúde

Os socialistas de Antas de Ulla denunciaron hoxe a “situación de abandono que sofre a veciñanza” con respecto a atención sanitaria no centro de saúde da vila. Concretamente critican que neste verán “só hai un medico e un ATS para atender a toda a poboación, ademais temos que remarcar que nesta época do ano a poboación medra exponencialmente coa visita de turistas, así como de veciños que teñen en Antas de Ulla a súa segunda  residencia”, advirten.

Dende a Agrupación Socialista lembran ademais que o centro de saúde contaba con 3 prazas medicas, pero unha delas non se reemprazou, polo tanto durante o ano atenden dous médicos, “e agora no verán na época que máis xente nos visita só hai un medico no Concello”. Sinalan que os facultativos atenden a unha media de ata 70 pacientes ao día.

Ademais, os socialistas aluden ao anuncio do compromiso do Goberno de Feijóo coa construción dun novo centro de saúde na vila. “Dende o PSOE apoiamos a mellora das nosas dotacións e por suposto da nosa atención primaria, pero advertirmos que estas novas infraestruturas teñen que vir acompañadas de persoal e de novos efectivos para atendelas, porqué senón se dota de persoal será un caixón baleiro”, sinalan.

Por último emprazan ao Alcalde e ao Goberno do PP de Antas de Ulla a defender a sanidade pública e a atención primaria. “Merecemos unha sanidade pública con tódalas garantías, por iso dende aquí demandamos ao Concello a que defenda a atención aos nosos doentes e que demande ante a Conselleira de Sanidade máis persoal para o centro de saúde de Antas de Ulla”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com