" />

O PP pregunta ao Goberno local sobre a licitación das barracas do San Froilán

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Sagrario Sánchez, preguntou hoxe ao Goberno local se xa teñen pensado licitar a contratación das barracas para o San Froilán, xa que, no caso de que “este goberno o teña a ben o prazo para poder licitalo en tempo e forma esgótase”.

A concelleira popular sinala que son moitos os barraquistas que están agardando a que o Concello de Lugo se decida a sacar a contratación estes postos, xa que “despois de dous anos moi complicados poden volver a traballar e é o que están desexando”.

A popular sinala que xa que o goberno local sacou a concurso as casetas do polbo, podería facer o mesmo coas barracas, “sempre cumprindo cos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias”.

Sagrario Sánchez sinala que segundo os protocolos establecidos pola Xunta as atraccións de feira poden realizar o seu traballo cumprindo unha serie de normas que pasan por poder asegurar o paso dunha persoa cada tres metros cadrados en espazos de tránsito; que teñan unha entrada e unha saída claramente diferenciadas; a prohibición das piscinas de bolas; ou, entre outras, o uso obrigatorio da máscara ou os distintos aforos segundo a barraca da que se trate.
Explica Sagrario Sánchez que estas normas aplícanse aos concellos nunha situación sanitario en nivel medio ou alto,  polo que “en función da situación na que nos atopemos se poderán aplicar unhas restriccións ou outras, pero non é  menos certo que dende o Concello de Lugo se debería traballar neste sentido para facilitar o seu traballo”.

Por último, a concelleira popular explica que os barraquistas están nerviosos por saber se poderán traballar ou non nas vindeiras patronais, pero tamén moitos lucenses, que queren saber se haberá atraccións.

“A Comisión de Festas decidirá sobre o recinto feiral”

Pola súa banda, dende a área de Cultura do concello de Lugo, encargada da organización das festas patronais, aseguran que buscarán o consenso da Comisión de Festas para decidir sobre a volta do recinto feiral. “Trátase dunha decisión importante para o desenvolvemento do San Froilán deste ano que queremos acordar con todos os grupos da corporación”, explican.

“O San Froilán do ano pasado foi un exemplo de como levar a cultura ás rúas nun momento complicado da pandemia”, explicou a edil de Cultura, que afirmou “este ano traballamos con distintos formatos para poder levar adiante esta edición do San Froilán segundo vaia avanzando a situación sanitaria”.

A xuntanza da comisión de festas realizarase á volta do verán. A comisión de festas está composta por 8 integrantes, 3 do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Cs Lugo, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.


Imaxe de arquivo: Concerto San Froilán 2018

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo