Novas

As comunidades de augas aínda poden solicitar as axudas para mellorar as instalacións ata o xoves

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén aberto ata este xoves, día 19, o prazo para que as comunidades de augas poidan solicitar axudas para mellorar o estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento que utilizan.

O obxectivo deste programa de achegas é que as comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano realicen actuacións que melloren a prestación do servizo e a calidade de auga, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Na provincia de Lugo hai 33 comunidades deste tipo constituídas, en distintas parroquias dos concellos de Palas de Rei, Ribadeo, Muras, Antas de Ulla, Mondoñedo, Guitiriz, Viveiro, Monterroso, Lourenzá, Alfoz, Abadín, O Valadouro e Barreiros. Ademais, están en tramitación dúas máis en Viveiro en outras tantas en Mondoñedo.

Segundo establece a convocatoria, son subvencionables obras de mellora do pozo de captación, nos sistemas de filtración e decantación ou desinfección e recirculación, mellora da eficiencia enerxética no tratamento da auga, instalación ou mellora dos respiradoiros ou os rexistros de distribución, ou impermeabilización de depósitos, entre outras actuacións.

A Xunta destina 500.000 euros a este programa. O importe das axudas será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite de 15.000 euros por solicitude. O 20 % restante do investimento total será financiado directamente pola comunidade de usuarios; en todo caso, as subvencións son compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

‘Concertos na fin do mundo’, experiencias únicas nos faros galegos

Os faros galegos convértense estes días no escenario ideal para presenciar os mellores concertos, nos que a música síntese acompañada das ondas.

Así, Baiona, Muxía, Ribeira e Cervo, foron os concellos escollidos para acoller o novo ciclo musical proposto por Turismo de Galicia, e presentado hoxe en Baiona: Concertos na fin do mundo. Unha iniciativa que invita a experiencias únicas nalgúns dos faros máis representativos do país.

O gaiteiro Anxo Lorenzo, as cantareiras As Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel e, xunto a eles, actuará tamén a dj galega Russihha e grupos emerxentes do panorama musical galego.

Os concertos serán o 21 e o 27 de agosto e o 3 e o 10 de setembro, para grupos reducidos que van de 100 as 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación dese escenario natural, tendo en conta os protocolos de seguridade e as normas sanitarias. A proposta, ademais, persegue valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou esta mañá Concertos na fin do mundo en Baiona, onde se celebrará unha das propostas musicais que terá como escenario o faro de Cabo Silleiro, punto estratéxico do Camiño Portugués da Costa e un dos itinerarios xacobeos que máis está a medrar.

Rueda lembrou que o visitante e o peregrino de hoxe en día “demanda ofertas diferenciadas e singulares das que Galicia ten moito que ofrecer”.

Os que desexen asistir poderán obter máis información na web www.concertosnafindomundo.com, desde onde serán redirixidos á pasarela de pago na que poderán adquirir as entradas polo prezo de 10 euros.

O PP denuncia o atraso na concesión do 90% das licenzas de obra no rural

O Partido Popular no Concello de Lugo volveu hoxe denunciar o atraso, por parte do Goberno local, na concesión dunha gran maioría das licenzas de obra que se solicitan dende o rural. Os populares amosáronse esta mañá “moi preocupados” por esta situación de parálise na resolución de expedientes de licenzas xa que, segundo explican, os datos dos expedientes do primeiro semestre do ano revelan que a resolución media deste tipo de solicitudes se sitúa nos 611 días.

O edil popular Manuel López insistía esta mañá na urxencia de “axilizar e desbloquear” estes expedientes, en lugar, dixo, “de seguir a mantelo nunha situación de bloqueo, perpetuando no tempo os trámites”; unha situación que, segundo o popular, propicia que moitos dos solicitantes “desistan na súa petición ou mesmo rematen noutros concellos”.

Os populares aseguran ademáis que o 90% das licenzas que o Concello de Lugo concede no rural exceden o prazo legal de resolución, situado en 90 días. Tan só, insisten, o 32% das licenzas concedéronse en menos dun ano, e o 28% delas tiveron entre un ano e dous de agarda. Por último, outro 30% das licenzas xa dadas resolvéronse logo de máis de dous anos de agarda.

Para o concelleiro popular “non ten sentido” a liña que están a seguir dende o goberno local e pregúntalles que pensan facer para asentar poboación no rural, xa que as peticións para construír unha vivenda nas parroquias tardan en resolverse unha media de 700 días. “Hai casos nos que tardaron case seis anos en responder a una solicitude de licenza, é así como pensan asentar poboación no rural?”, pregunta.

Así, o popular esixe ao Goberno de Lugo que reforce os servizos que interveñen na concesión de licenzas, “xa que o persoal que está a realizar todo este traballo está desbordado e, pese a iso, realizan o seu traballo do mellor xeito posible, tentando minimizar os prazos”.

No que se refire ás solicitudes de licenza para a construción de alpendres, naves ou outras infraestruturas a realidade non é moito mellor xa que a media en resolver sitúase nos 616 días. “Queda claro que algo hai que cambiar porque a situación non pode seguir así, xa que se está a poñer trabas á iniciativa empresarial no rural”, lamenta.

Pendentes do PXOM

Outro aspecto que afecta á política urbanística no rural é o 5% do PXOM que está pendente de aprobar e que afecta a un total de 160 núcleos  “onde non é posible solicitar licenzas”. “Estamos a falar de 24 anos para facer este trámite que nos leva custado 750.000 euros”, sentenciou.


Imaxe de arquivo

Nova xornada de remisión no avance da quinta vaga da Covid na provincia

A quinta vaga da Covid19 na provincia de Lugo continúa a deixar un número importante de pcr positivas, con todo, nas últimas xornadas estase a consolidar o descenso deste baremo, xunto co de casos activos; mentres que, por outra banda, o número de infectados que se recupera da enfermidade segue en aumento.

Así, na última xornada, e segundo as cifras recollidas polo SERGAS ata as 6 da tarde de onte, na nosa provincia son un total de 1361 os casos activos, 114 menos que na xornada anterior; mentres que os positivos detectados descenderon en 19 persoas, chegando hoxe a 50 diagnosticados con infección por Covid19 nas últimas horas.

En total, nos hospitais da provincia rexístranse 34 pacientes covid ingresados, dous menos que na xornada de onte. Así, o Hula suma 25 pacientes en planta de hospitalización e 7 na UCI; mentres que o resto de centros hospitalarios públicos da provincia, o hospital comarcal de Burela e o de Monforte, contan con 4 pacientes cada un, todos eles en unidades convencionais. Pola súa banda, o Hospital Polusa rexistra un só paciente covid en planta.

A cifra de casos activos por Coronavirus baixa en Lugo ata os 1475

Unha xornada máis a cifra de casos activos por Covid 19 baixou na Área Sanitaria de Lugo, poren o número de novos positivos subiu ata os 79, onte foran 74. Unha de cal e outra de area, haberá que estar moi atentos, xa que se a cifra sube, e vendo como están agora as cousas, logo do fallo do TSXG, á Xunta, só lle quedaría a posibilidade de pechar de novo a a hostalaría.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 14.055 deles 4.416 son da área da Coruña, 1.475 da de Lugo, 896 da de Ourense, 1.532 da de Pontevedra, 3.379 da área de Vigo, 1.439 da de Santiago e 918 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 61 están en UCI, 262 en unidades de hospitalización e 13.732 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 153.909 persoas curadas, rexistrándose 2.514 falecementos. O número de PCR realizadas é de 2.661.649.

“O País das Bandas” chega este martes a Triacastela e Cervo

O ciclo O país das bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o martes 17 a Triacastela e a Cervo con concertos da Banda Filarmónica de Lugo e da Banda de Música O Landro de Viveiro, respectivamente.

Así, ás 19,30 horas, Triacastela acollerá o repertorio Pepita Greus, 3ª suite, Alborada e Saúdo a Lugo. Soarán tamén Moment for Morricone, El torico de la cuerda, Tributo a Mocedades, Churrusqueira e La ventanita. A Banda Filarmónica de Lugo nace en 2013 por iniciativa do seu director, Iván Martínez Sabio, entre outros músicos da cidade e co apoio da Sociedade Filarmónica de Lugo e do conservatorio Xoán Montes.

Pola súa banda, a Banda de Música O Landro de Viveiro ofrecerá ás 22,00 horas en Sargadelos as pezas Aguileño, Pusiano, Gabriel´s oboe e Fantasía en Do. Outras das melodías previstas no programa son Sinfonía romaría, A discovery fantasy. Shalom, suite of israeli folk songs e Santana a portrait. Esta agrupación fundouse en 1917 por Juan Latorre Capón a partir da Banda de Exploradores, primeira formación bandística consolidada que se instaura en Viveiro. Desde 2015 está dirixida por Carlos Timiraos Timiraos.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.

Comezan as visitas guiadas ao bosque urbano das Gándaras

Comezaron as visitas guiadas ao bosque urbano das Gándaras. É a primeira ocasión na que se abre este espazo ao conxunto dos lucenses, pois ata o de agora a vexetación atopábase en período de implantación e o acceso ás parcelas limitouse ao persoal da Universidade, encargado de realizar tarefas de investigación e mantemento das diferentes especies.

As visitas guiadas ao bosque urbano das Gándaras, que se celebran todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro son de balde, previa preinscrición a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal e nelas se aplican todos os protocolos de seguridade sanitaria para eventos en exteriores, cun máximo de 20 persoas por sesión e actividade. O executivo municipal puxo en marcha esta nova zona verde no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.

 Visitas guiadas

Estas visitas serán desenvolvidas por guías profesionais que acompañarán ás persoas asistentes a través dos traballos no bosque urbano, repartindo as visitas en tres roteiros, dous en horario de mañá, específicos, e un completo pola tarde.

Na quenda da mañá serán:

 Ás 10:00 h, visita á área de Frondosas, Cultivos enerxéticos e o Souto. Duración estimada, unha hora.

Ás 11.30 h, visita á parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, unha hora.

Na quenda da tarde:

Ás 17:00 h, roteiro completo comezando na Área de Frondosas, Cultivos enerxéticos, Souto, Parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, dúas horas.

 Xornadas de portas abertas e obradoiros infantís

As xornadas de portas abertas terán lugar, igualmente, todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro en horario de 9:30 a 19:30 horas. Finalmente, celebraranse obradoiros dirixidos ao público infantil, que incluirán un contacontos e unha visita ao bosque urbano mentres se difunden valores medioambientais e sociais relativos ao monte e ao seu coidado.

O TSXG desestima a petición da Xunta de pedir o certificado Covid na hostalería

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de negar a petición da Xunta de Galicia de pedir o certificado Covid na hostalaría e ocio nocturno naqueles municipios que presenten un nivel máximo ou alto de covid, polo que a partir do vindeiro martes entrarán en vigor as novas restriccións anunciadas onte pola Xunta.

Estas novas medidas implican o peche da hostalería en concellos con nivel máximo e a limitación de aforos en municipios con nivel alto que ata agora tiñan unha limitación de aforo do 50% en interior, pasarán a partir do martes a ter un aforo máximo do 30%.

A Xunta reducirá os aforos da hostalería para controlar a transmisión da covid 19

A Xunta de Galicia está á espera da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e seguindo o seu criterio, os certificados deixan de ser esixibles para o control da transmisión nos interiores da hostalería e do lecer nocturno en función do nivel do concello.

Na súa ausencia, a Xunta está a preparar unha serie de medidas alternativas para seguir tratando de manter o control da transmisión, que implican unha revisión dos aforos, previamente ampliados grazas ao uso do certificado.

Ditas normas consistirían no axuste de aforo no interior da hostalería do nivel máximo, pasando do 30 % con certificado ao seu peche. No caso do nivel alto pasaría dun aforo do 50 % con certificado ao 30 % sen certificado. No caso do lecer nocturno, o aforo no interior dos niveis medio e medio baixo modificaríanse do 50 % con certificado ao 30 % sen certificado. Estas medidas serán revisadas polo comité clínico na súa reunión do próximo mércores e axustadas, de ser o caso, para optimizar o control da transmisión.

Estas novas medidas entrarían en vigos ás 0.00 horas do martes, no caso de que o TSXG non ratificase o luns as medidas remitidas onte.

Continúa a baixar o número de casos activos por Covid na provincia

O número de casos activos por coronavirus na área sanitaria de Lugo continúa a baixar e xa son 52 persoas menos que onte. O número de novos positivos tamén baixa con respecto a onte que subira lixeiramente e foron 74 os novos contaxiados.

No resto de Galicia tamén descende o número de contaxios, por debaixo do millar, e a presión hospitalaria segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. O número total de casos activos de coronavirus en Galicia é de 14.675 deles 4.459 son da área da Coruña, 1.533 da de Lugo, 964 da de Ourense, 1.640 da de Pontevedra, 3.649 da área de Vigo, 1.485 da de Santiago e 945 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 57 están en UCI, 252 en unidades de hospitalización e 14.366 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 152.637 persoas curadas, rexistrándose 2.512 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.655.616.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com