As comunidades de augas aínda poden solicitar as axudas para mellorar as instalacións ata o xoves

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén aberto ata este xoves, día 19, o prazo para que as comunidades de augas poidan solicitar axudas para mellorar o estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento que utilizan.

O obxectivo deste programa de achegas é que as comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano realicen actuacións que melloren a prestación do servizo e a calidade de auga, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Na provincia de Lugo hai 33 comunidades deste tipo constituídas, en distintas parroquias dos concellos de Palas de Rei, Ribadeo, Muras, Antas de Ulla, Mondoñedo, Guitiriz, Viveiro, Monterroso, Lourenzá, Alfoz, Abadín, O Valadouro e Barreiros. Ademais, están en tramitación dúas máis en Viveiro en outras tantas en Mondoñedo.

Segundo establece a convocatoria, son subvencionables obras de mellora do pozo de captación, nos sistemas de filtración e decantación ou desinfección e recirculación, mellora da eficiencia enerxética no tratamento da auga, instalación ou mellora dos respiradoiros ou os rexistros de distribución, ou impermeabilización de depósitos, entre outras actuacións.

A Xunta destina 500.000 euros a este programa. O importe das axudas será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite de 15.000 euros por solicitude. O 20 % restante do investimento total será financiado directamente pola comunidade de usuarios; en todo caso, as subvencións son compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com