Novas

Segue a  xincana de baixadas e subidas pola Covid-19 en Lugo

Se onte volvía subir o número de casos activos por Coronavirus na Área Sanitaria de Lugo, hoxe, ao igual que antonte, volveuse producir unha baixada. Así as cousas, os infectados pola enfermidade baixaron ata os 2114, corenta e dous menos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 17.742 deles 4.526 son da área da Coruña, 2.114 da de Lugo, 1.401 da de Ourense, 2.331 da de Pontevedra, 4.317 da área de Vigo, 1.999 da de Santiago e 1.054 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 54 están en UCI, 255 en unidades de hospitalización e 17.433 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 143.955 persoas curadas, rexistrándose 2.489 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.610.873.

Volve a subir o número de novos contaxios por covid na área sanitaria de Lugo

O número de novos positivos na área sanitaria de Lugo volve a subir, 135 nas últimas 24 horas, 9 máis que na xornada de onte. Asemade a presión hospitalaria tamén ten un repunte con 6 pacientes en UCI e 31 hospitalizados.

No tocante aos casos activos a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou na súa última actualización, que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 18.195 deles 4.513 son da área da Coruña, 2.156 da de Lugo, 1.520 da de Ourense, 2.419 da de Pontevedra, 4.420 da área de Vigo, 2.112 da de Santiago e 1.055 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 53 están en UCI, 255 en unidades de hospitalización e 17.887 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 142.500 persoas curadas, rexistrándose 2.483 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.603.485.

Lugo monumental

O Tribunal Superior de Xustiza denegou a medida de suspender o certificado Covid solicitada por Lugo Monumental

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de denegar a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que suspendese o requirimento de presentación dun certificado COVID-19 emitido polo servizo público de saúde ou laboratorio oficial para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno, así como as restricións relativas á ocupación nas terrazas en determinados concellos.

Dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supoñen que non se lle dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo “de non furtar á administración a posibilidade de facer alegacións e de atender a petición subsidiaria efectuada pola parte actora”, que se continúe a súa tramitación como unha peza ordinaria de medidas cautelares.

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG entende “non concorrente o requisito da urxencia”, indispensable para adoptar a medida cautelarísima demandada, “xa que non se acreditou o concreto prexuízo inflixido á asociación hostaleira recorrente nin o seu carácter de irreparable”. Así, o alto tribunal galego destaca que en todas as medidas adoptadas pola Xunta, incluídas as que son obxecto de impugnación, “subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento e, en definitiva, de protexer a saúde pública facendo fronte aos gromos e ás cadeas de transmisións existentes, procurando garantir a súa contención”.

Os maxistrados resaltan que teñen “un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como é a COVID-19”. Así, subliñan que “nos atopamos antes unhas medidas de prevención que se adoptan nun contexto de emerxencia de saúde pública”. Ademais, advirten da “preocupante evolución do número de contaxios nestes últimos días na área xeográfica á que se estenden as medidas cuestionadas, afectando de forma predominante a mocidade, que é o grupo de poboación que frecuenta en maior medida as discotecas e demais locais de lecer nocturno, así como as cafetarías, restaurantes e bares”.

“A orde impugnada neste procedemento caracterízase non só pola limitación xeográfica á que van destinadas as medidas, senón tamén pola súa limitación temporal, por canto a súa eficacia queda condicionada ao resultado do seguimento e da avaliación continua á que quedan suxeitas e, por tanto, en función da evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria”, indica o tribunal, que insiste asemade en que todas as limitacións “veñen avaladas por informes de autoridades sanitarias e dun comité científico”.

No auto, o TSXG non entra a valorar os argumentos da asociación respecto da suposta vulneración do dereito á intimidade da cidadanía ao ter que exhibir documentación de carácter sanitario, xa que é unha cuestión que non lle compete neste estado do procedemento, “no que non cabe oír á administración autonómica”. Os xuíces lembran que, neste momento do procedemento, limitan a súa actuación “para comprobar a motivación e xustificación prima facie das medidas adoptadas”. Así, conclúen que non se acreditou a concorrencia das circunstancias de especial urxencia necesarias para a adopción da medida cautelarísima solicitada pola asociación.

 

Polo Camiño

Veño de percorrer un anaco do Camiño Francés acompañando a exposición “Aquela nena de Sarria”, que agora visita Triacastela, Samos, Paradela e Portomarín. O percorrido foi de arredor de 40 qm., o que sería notable se non fose que os andei en automóbil, medio que non conta cando se trata de peregrinar.

O peregrino ten que andar, pedalear ou montar a cabalo, polo que eu non fun peregrino senón viaxeiro/observador do renacer dos Camiños despois da opresión dun virus que nos volveu a  tempos nos que o viaxar estaba condicionado pola economía e as barreiras naturais ou impostas.

Sabendo o que significan os Camiños para a vida e a economía de Galicia, todo o que marque o seu rexurdir é beneficioso para o país, e comprobar que volven a encherse de xente é unha satisfacción difícil de explicar.

Seica hai pouco nun só fin de semana chegaran a Santiago tantos peregrinos como nos dous meses anteriores. E nesta viaxe comprobei que é verdade a volta á normalidade lenta pero inexorable. Andan polo Camiño Francés peregrinos que se amorean para o selado de credenciais nos concellos, apreciando a maior afluencia en Samos e Portomarìn propicia polos horarios.

En Samos, ás doce, os bares de fronte ao Concello estaban ateigados de mozos tomando un tente-en-pé. E en Portomarín, ás dúas da tarde, remuíño de camiñantes entre eles un grupo de madrileños que lle preguntaron ao alcalde onde podían xantar comida do país, e inquiriron na mostra de Xela polo significado dun verso para eles escuro, complicado mesmo para un galego. Portomarìn fervía de visitantes; o Camiño atéigase de vida. E todos, querendo crer que estamos volvendo á vida de sempre.

 

 

Mostra de arte Expoperegrina 2021

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle ata o 31 de agosto a mostra de arte colectiva e itinerante Expoperegrina 2021, que promove a asociación cultural GAPAsturias e reúne pinturas e fotografías que teñen como eixo central o Camiño de Santiago. Na inauguración, celebrada hoxe, participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente da entidade organizadora, Pablo Riestra, entre outros.

A mostra comezou o seu percorrido en Oviedo o pasado mes de febreiro, recalou en varias sedes a través do Camiño Primitivo e a próxima parada será xa en Santiago de Compostela; cada unha das 39 obras vai completando a súa propia credencial. O proxecto conta cunha web propia con información sobre a experiencia nos distintos lugares que visita.

 

 

Presentado o documental “A verba viva”

O Pazo de San Roque en Chantada, acolleu o acto da estrea do documental “A verba viva”, que presentou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado pola directora da peza, Lorena Gallardo e da produtora Mercedes Vázquez. Segundo García, a obra  “incide especialmente nos seus valores culturais e lingüísticos”,  quen sinalou que a peza completa estará “dispoñible proximamente en aberto para consumo e divulgación de toda a cidadanía desde o Portal da Lingua Galega”.

A verba, percorrido poderoso pola ribeira

A verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico é un percorrido pola Ribeira Sacra desde o seu núcleo. Unha viaxe audiovisual a unha paisaxe cultural única que só poden ser entendidas desde as claves que rexen o patrimonio humano e os seus e as súas protagonistas: os ribeiraos e as ribeirás, que achegan o público espectador de primeira man á verdadeira identidade do territorio.  A propia conversa coa veciñanza fai emerxer dos ríos Sil e Miño a lingua e a fala propias dun xeito natural: unha boa parte das verbas singulares que definiron e definen a vida en forte pendente, o patrimonio, a paisaxe, a viticultura e as tradicións.

A verba viva pretende, para alén de entreter e guiar ao espectador, promocionar a Ribeira Sacra e afondar no seu patrimonio lingüístico co obxectivo de recoller, recuperar e divulgar a lingua e os termos propios do xeito de vida da ribeira: artesáns e artesás, viticultores/as con herdanza familiar e amantes do río e da terra.

 

 

 

Exposición “Fillos de Breogán”

A mostra fotográfica “Fillos de Breogán” do artista local Alejandro Real  que está instalada nas ventás do Círculo das Artes da rúa Bispo Aguirre, forma parte de Culturban e procura  amosar a obra de artistas locais, que están a ser premiados, nomeados ou apoiados polo seu talento e proxección en distintas partes do mundo.

A mostra de fotografía Fillos de Breogán, de Alejandro Real, consiste nunha viaxe ao pasado a través dos rostros de galegos que posúen uns trazos característicos do centro e norte de Europa. Trazos que trouxeron consigo os pobos que habitaron estas terras hai máis de 1.500 anos e que hoxe en día se conservan especialmente nas zonas máis illadas do rural.

 Alejandro Real (Lugo, 1983)

Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía Artística na Escola de Arte Ramón Falcón. Gañador do XIV Premio “Luis Ksado” de creación fotográfica, do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo e do Concurso de Relato Fotográfico Dra. Susana Santeiro entre outros.

 

 

 Continúan a baixar os casos activos por Coronavirus en Lugo 

Un día máis volven baixar os casos activos pola Covid- 19 na Área Sanitaria de Lugo. Nas ultimas 24 horas a cifra situouse en 2171, corenta e un menos que onte. No lado negativo hai que destacar  que os novos casos detectados foron 94 , dezaseis máis que na última información ofrecida pola Consellería de sanidade.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 18.643 deles 4.297 son da área da Coruña,  1.596 da de Ourense, 2.662 da de Pontevedra, 4.623 da área de Vigo, 2.214 da de Santiago e 1.080 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 52 están en UCI, 250 en unidades de hospitalización e 18.341 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 141.036 persoas curadas, rexistrándose 2.481 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.596.45 e o de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.579.863.

Os fondos da Unión Europea intensificarán a crise social, ecolóxica e climática

O Plan de Recuperación e Resiliencia foi concertado polo Goberno cos principais grupos de capital do IBEX 35 e os seus grandes consultoras, sen transparencia, sen participación social, sen control público nin parlamentario. Ecoloxistas en Acción denuncia a opacidade da súa tramitación á vez que cualifica o plan como unha operación de rescate público favorable aos grandes capitais privados, especialmente as grandes empresas financeiras, enerxéticas, tecnolóxicas, construtoras e da industria da automoción.

Un plan que, baixo procláma do “crecemento verde e dixital”, infla novas burbullas especulativas, como o vehículo eléctrico, o hidroxeno verde, as baterías, os megaproxectos de enerxías renovábeis do oligopolio enerxético e do sector inmobiliario, a dixitalización da agricultura e do turismo masivo. Burbullas que necesitan enormes cantidades de recursos materiais e combustíbeis fósiles, e que acelerarán a crise sistémica actual.

O Plan responde así a unha nova estratexia de acumulación e recomposición do capital financeiro a costa do sobre-endebedamento público, e reforzará a privatización e o seu control sobre sectores estratéxicos (auga, enerxía, minerais, terras).

Doutra banda, a posición de Ecoloxistas en Acción recorda que os primeiros 69.500 millóns de euros aprobados para o Estado español, dentro do chamado Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, baixo os eufemismos de axudas europeas ou transferencias non reembolsábeis, non serán gratis para a cidadanía, aínda que si para os beneficiarios privados.

A chegada destes fondos está condicionada á execucións dunha batería de recortes sociais. Os que inclúe o Plan e os esixidos pola propia arquitectura económica da UE “que chegarán por fases” á vez que a súa devolución aos mercados de capitais internacionais. Realizarase fundamentalmente mediante contribucións adicionais dos Estados membro ao orzamento comunitario (é dicir, diñeiro adicional dos contribuíntes) e uns novos impostos que están, na súa maioría, por definir.

Ecoloxistas en Acción publicou a súa posición sobre os fondos NGEU. No texto analiza os antecedentes destes fondos, así como as súas consecuencias. A organización manifesta a súa oposición a esta “nova ofensiva do capitalismo verde e digital” e suscita un Plan urxente de transición ecosocial, no escenario de crise social, ecolóxica e de decrecemento de recursos enerxéticos e materiais. Concretamente suscita as seguintes propostas:

  • Rexeitamento aos fondos NGEU e aos programas de rescate con diñeiro público a empresas multinacionais.
  • Realización dunha auditoría independente dos rescates públicos que o Goberno concedeu a grandes empresas, para identificar as débedas ilexítimas.
  • Eliminación do papel protagonista da banca privada e do sistema financeiro como intermediarios na xestión da crise.
  • Priorización do financiamento público mediante a reorientación de partidas non sociais dos orzamentos, coa aplicación de medidas fiscais sobre as grandes fortunas e cunha reforma fiscal ambiental.
  • Realización de reformas estruturais e políticas, que faciliten o decrecemento ordenado e igualitario, tales como:
  • Desprivatización e desmercantilización dos servizos esenciais (educación, saúde, pensións, cultura) e ámbitos estratéxicos (enerxía, vivenda, banca, auga, alimentación, transporte).
  • Plan de transformación e relocalización do sistema económico, produtivo e comercial con obxectivos sociais, climáticos, enerxéticos e ecolóxicos vinculantes en 2025.
  • Reparto do traballo, diminución da xornada laboral e renda garantida.
  • Protección e xestión dos ecosistemas terrestres e marítimos de valor natural, na clave da soberanía alimentaria e enerxética.
  • Acceso á terra e aos medios para a produción de alimentos baixo un modelo agroecolóxico e fortalecemento das canles curtas de comercialización para as empresas agrícolas familiares e os pequenos produtores.
  • Moratoria ao despregue do 5G.

          Ecoloxistas en Acción.

Actuacións da Policía Local de Lugo

Con motivo dos filtros de seguridade viaria que veñen establecendo diariamente, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, en colaboración coa Unidade de Atestados, durante a tarde do día 3 de agosto, localizaron a un condutor que manexaba un turismo pola Rolda Norte e que, ao ser sometido ás probas regulamentarias para a detección de drogas, lanzou resultado positivo en THC, principio activo do cánnabis, motivo polo cal foi denunciado administrativamente, o cal leva consigo unha sanción económica de 1.000 € e a detracción de 6 puntos do seu permiso de conducir, ademais da inmobilización do automóbil ata que cesen as causas ou algunha outra persoa fágase cargo do mesmo.

No marco destes filtros tamén se localizou a outras dúas persoas que conducían un vehículo para o cal non formalizaran seguro obrigatorio, motivo polo cal foron denunciados, ademais de proceder á retirada dos automóbiles para o depósito municipal, ata que acrediten subscribir o preceptivo seguro. Un destes vehículos tampouco fora sometido á inspección técnica periódica no prazo debido e o seu condutor, ademais, perdera a vixencia do seu permiso de conducir, o cal aumenta o perigo da súa circulación polas vías públicas. Durante a mañá do mesmo día, os axentes da Unidade de Atestados trasladáronse á confluencia da Rolda da Muralla coa rúa Nicomedes Pastor Díaz, onde se produciu un accidente de circulación. Presuntamente, segundo as investigacións iniciais, un turismo accedeu, desde Nicomedes Pastor Díaz, á  Rolda da Muralla sen respectar o semaforo, que estaba en vermello, , o que provocou que o vehículo que circulaba polo carril dereito da Rolda desviase a súa traxectoria cara á esquerda, o que provocou que chocase contra o automóbil que ocupaba o carril esquerdo. Non resultou ningunha persoa ferida.

 Denuncia a “gorrillas” no HULA

Ás 9’20 horas do día 3, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio desprázase ás inmediacións do HULA, desde onde un condutor require o servizo ao ser ameazado por un aparcacoches. Unha vez no lugar, o requirente manifesta que, despois de estacionar e negarse a dar diñeiro á persoa que llo pedía, esta ameazoulle con causarlle cuantiosos danos ao seu vehículo. Pola súa banda, o aparcacoches, que foi localizado nas proximidades polos axentes, declarou que o condutor lle había ameazado cun bate de béisbol, aínda que ningunha das dúas persoas desexaban presentar ningún tipo de denuncia. Finalmente, tanto ese aparcacoches como outro máis, que se atopaba nas inmediacións, foron denunciados por exercer a devandita actividade. Ambos foron posteriormente denunciados por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por desobediencia a axentes da autoridade, xa que, despois de ser advertidos, continuaban exercendo a mesma actividade.

Control medidas Covid

Continúanse realizando inspeccións para comprobar o cumprimento das medidas de prevención establecidas con motivo do Covid, levantando dúas actas denuncia a dous locais de hostalería, un da rúa Otero Besteiro e outro de cálea Reverendo Núñez Fdez, por senllos incumprimentos.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com