Polo Camiño

Veño de percorrer un anaco do Camiño Francés acompañando a exposición “Aquela nena de Sarria”, que agora visita Triacastela, Samos, Paradela e Portomarín. O percorrido foi de arredor de 40 qm., o que sería notable se non fose que os andei en automóbil, medio que non conta cando se trata de peregrinar.

O peregrino ten que andar, pedalear ou montar a cabalo, polo que eu non fun peregrino senón viaxeiro/observador do renacer dos Camiños despois da opresión dun virus que nos volveu a  tempos nos que o viaxar estaba condicionado pola economía e as barreiras naturais ou impostas.

Sabendo o que significan os Camiños para a vida e a economía de Galicia, todo o que marque o seu rexurdir é beneficioso para o país, e comprobar que volven a encherse de xente é unha satisfacción difícil de explicar.

Seica hai pouco nun só fin de semana chegaran a Santiago tantos peregrinos como nos dous meses anteriores. E nesta viaxe comprobei que é verdade a volta á normalidade lenta pero inexorable. Andan polo Camiño Francés peregrinos que se amorean para o selado de credenciais nos concellos, apreciando a maior afluencia en Samos e Portomarìn propicia polos horarios.

En Samos, ás doce, os bares de fronte ao Concello estaban ateigados de mozos tomando un tente-en-pé. E en Portomarín, ás dúas da tarde, remuíño de camiñantes entre eles un grupo de madrileños que lle preguntaron ao alcalde onde podían xantar comida do país, e inquiriron na mostra de Xela polo significado dun verso para eles escuro, complicado mesmo para un galego. Portomarìn fervía de visitantes; o Camiño atéigase de vida. E todos, querendo crer que estamos volvendo á vida de sempre.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com