Novas

Presentación do libro Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa “O sorriso de Lilí”

Mañá ás 18 horas na biblioteca pública de Lugo, terá lugar a presentación do libro “ O sorriso de LilÍ” en homenaxe a profesora e intelectual lucense Araceli Herrero Figueroa. No libro colaboran escritoras e escritores  que tiveron relación con ela, así como compañeiras/os,  alumnas/os e persoas amigas da profesora Figueroa que desenvolveu a docencia como catedrática de galego na Facultade de Maxisterio de Lugo.

Intervirán, entre outros : Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingúistica; Ramón Reimunde, escritor e exprofesor, Gustavo Vázquez, fillo de Araceli e Xulio Xiz, coordinador do libro.

 

mostra Aquela Nena de Sarria

A mostra “Aquela nena de Sarria” chega a varios concellos do Camiño Francés

A exposición Aquela nena de Sarria, en homenaxe a Xela Arias no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas, xa está aberta ao público de xeito simultáneo nos concellos de Triacastela, Samos, Paradela e Portomarín, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e impulsada polo Colectivo Egeria, encargado do seu comisariado. Poderán verse ata mediados do vindeiro mes de agosto, nos propios concellos ou na casa da cultura, no caso de Paradela.

Na inauguración oficial da mostra de Triacastela participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o presidente de Egeria, Xulio Xiz, ademais da alcaldesa, Olga Iglesias, entre outros. A mostra, que se desenvolverá paralelamente nestes catro concellos, está composta por tres prismas con paneis que reflicten aspectos da vida da autora xunto con poemas e textos que lle dedican dende destacados escritores galegos ata alumnos e alumnas dos institutos sarriaos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández. Tamén inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e debuxos da pintora lucense Sabela Arias.

Estratexia Dusi – Muramiñae organiza mañá dúas novas visitas ás catas arqueolóxicas do Carme

Con motivo da celebración, mañá, 28 de xullo, do Día Internacional da Arqueoloxía, o Concello de Lugo, a través da Estratexia Dusi – Muramiñae, organizará dúas novas visitas guiadas ás catas arqueolóxicas que se están executando no barrio do Carme, fronte á Porta Miñá.
Serán ás 12:30 e ás 17:00 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao teléfono 982.29.73.77, entre as 16:00 e as 20:00 horas e entre as 10:00 e as 11:30 horas. Haberá dez prazas libres en cada quenda.

Xa son 2.000 os casos por Covid na área sanitaria de Lugo

A área sanitaria de Lugo chega aos 2.000 casos activos por coronavirus, nunha xornada na que o número de novos positivos ascende a 134.

Segundo os datos facilitados pola  Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade na súa última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 18.061 deles 3.324 son da área da Coruña,  2.257 da de Ourense, 3.024 da de Pontevedra, 4.348 da área de Vigo, 2.274 da de Santiago e 834 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 30 están en UCI, 236 en unidades de hospitalización e 17.795 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 131.719 persoas curadas, rexistrándose 2.452 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.527.245.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.411.262.

Esta semana nos Codex Cinema a estrea de “A muller do espía” de Kiyoshi Kurosawa

A nova semana de Codex Cinema estreará en Lugo o filme A muller do espía, o thriller de axentes dobres na Segunda Guerra Mundial firmado por Kiyoshi Kurosawa, que levou o premio á mellor dirección no último festival de Venecia . Tamén nesta semana remata o Universo David Lynch, o ciclo retrospectivo que  durante case dous meses  se  proxectou nas pantallas dos Codex.

A segunda guerra mundial no thriller A muller do espía de Kiyoshi Kurosawa

Gañadora do premio ao mellor director no último festival de Venecia, chega por fin a Codex, A muller do espía, o último traballo do autor xaponés Kiyoshi Kurosawa. Do mesmo apelido cun dos máis grandes directores nipóns de todos os tempos, Kiyoshi labrouse durante xa varias décadas un nome propio con filmes de xénero arriscados, onde a través de propostas de tipo fantástico e incluso de terror, consegue trazar unha afinada análise do seu país e da sociedades consumistas.

A medio camiño entre o materialismo social e os filmes de pantasmas, obras como Cure ou Kairo (onde uns rapaces descubrían pantasmas a través de vídeos de internet), Kiyoshi Kurosawa fíxose coñecido no circuíto máis alternativo do cinema de culto, dos festivais de cinema fantástico como Sitges. A partir deses primeiros anos, o seu cinema foi gañando adeptos, tanto no seu país como na cinefilia internacional, facendo cada vez filmes máis ambiciosos, dos que A muller do espía é se cadra o mellor expoñente. Nesta ocasión, Kurosawa entrega un filme de época onde nos trasladamos aos anos da Segunda Guerra Mundial e ás intrigas entre Xapón e o resto das potencias asiáticas, especialmente China, un país en crise entre revoltas populares, os restos do imperialismo colonial, o fráxil goberno republicano e o auxe do comunismo. Neste contexto histórico, o cineasta nipón ofrece unha intriga marabillosa que mestura política con amor, na mellor tradición clásica, da cal Kurosawa é un dos principais herdeiros.

O filme conta cun guión a cargo doutro dos directores xaponeses máis recentemente celebrados, Ryusuke Hamaguchi, que acaba de gañar hai uns días o premio a mellor guión no Festival de Cannes por un filme dirixido por el mesmo, Drive my car (de próxima estrea en Codex Cinema), e con A muller do espía abraiou noutro festival anterior, o de Venecia de 2020, onde Kurosawa gañou o premio a mellor director. Estamos por tanto ante un dos grandes filmes xaponeses dos últimos anos, feito por dous dos narradores máis celebrados desta cinematografía.

Remata o Universo David Lynch con Unha historia verdadeira

Algo máis dun mes despois de ter iniciado unha das propostas máis arriscadas de Codex, chega a súa fin o ciclo retrospectivo adicado a David Lynch, un dos maiores (senón o máis grande) cineasta americano do último medio século. Unha historia verdadeira, o último filme desta selección de obras maxistrais, é se cadra a película máis estraña dentro dunha filmografía marcada pola pegada onírica e a interpretación dos soños e pesadelos máis retorcidos. Por contra, Unha historia verdadeira é un filme luminoso e vitalista, sobre un home que na súa vellez decide realizar unha viaxe no seu cortador de céspede para recuperar a relación co seu irmán doente.

Pese a estar lonxe dos rexistros habituais de Lynch e igualmente unha obra imprescindible que recibiu aclamación universal pola súa mirada humanista e conmovedora sobre as relacións persoais e o final dunha vida. O filme presentouse no festival de Cannes de 1999 e o actor Richard Farnsworth converteuse nunha celebridade aos seus 78 anos, chegando a conseguir unha candidatura a mellor actor nos Óscar de Hollywood.

ADEGA Lugo presenta as xornadas de verán “os catro elementos”

A cidade de Lugo acollerá un ano máis as xornadas ambientais de verán “Os catro elementos”, nas que recoñeceremos a vexetación característica da zona de Bosende, as constelacións protagonistas do ceo nas noites de verán, as aves que percorren os ceos da cidade e coñeceremos as zonas de baño históricas no río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo. O calendario de actividades proposto é: TERRÍCOLAS: Os froitos da terra (Xoves 29 de xullo ás 17h) Antonio Rigueiro, catedrático profesor da USC guiaranos desta andaina identificativa da vexetación a través dunha pequena andaina de 3Km. Dende o Centro de cestería percorreremos as carballeiras do Rato, e chegaremos ata o núcleo de Bosende, ata chegar ao Centro de Interpretación Terras do Miño; zonas que están afectadas polos proxectos de construción da Rolda Leste e da eliminación dos pasos a nivel de ADIF. Recoméndase levar guías de identificación de árbores, plantas e aves, ademais de prismáticos. ESTRELAS: Brillar con luz propia (Madrugada do sábado ao domingo 15 de agosto á 1h) Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA  fará de guia no recoñecemento das estrelas e constelacións do ceo lucense, coincidindo co tempo das Perseidas. AVES: Sostidas no ar (Domingo 22 de agosto ás 10h) Roi Cuba, presidente de ADEGA, acompañaranos nesta andaina na que poderemos avistar as aves máis características da cidade de Lugo, para o que recomendamos traer guías de aves e prismáticos. AUGA: Lecer e vida (Pendente de data) Percorrerase un treito do Río Miño na procura das zonas de baño históricas que dende moitos anos, a cidadanía de Lugo empregou para achegarse ao río. Todas as actividades son de balde e con prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse chamando ao 982240299 (en horario de mañá, agás os mércores de tarde) ou escribindo a adegalugo@adega.gal indicando nome, apelidos, DI e teléfono de contacto. En todas as actividades será necesario cumprir as medidas de prevención da COVID vixentes.

Sanidade prevé un forte aumento de novos contaxios esta semana e a que ven

Outras 120 persoas contaxiáronse por Covid-19 nas últimas  vinte e catro horas na área sanitaria de Lugo e parece ser que isto só é a punta do iceberg do que está por vir. Segundo puido saber Xornal de Lugo, as autoridades sanitarias prevén unha eclosión de  novos casos esta semana e a vindeira. Polo que é necesario facer un chamamento a toda a poboación para que extremen as precaucións, garden as distancias de seguridade  e manteñan posta a máscara así como que cumpran estritamente coas recomendacións das autoridades sanitarias.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 17.298 deles 3.121 son da área da Coruña, 1.881 da de Lugo, 2.275 da de Ourense, 2.940 da de Pontevedra, 4.065 da área de Vigo, 2.213 da de Santiago e 803 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 25 están en UCI, 233 en unidades de hospitalización e 17.040 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 131.185 persoas curadas, rexistrándose 2.449 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.520.586 e o de doses de vacina contra a covid-19 administradas alcanza a cifra  de 3.399.577.

 

Dezanove denuncias por incumprimento da normativa Covid durante a fin de semana

Durante as noites do venres 23 e sábado 24 de xullo a policía local estableceu un dispositivo especial para comprobar o cumprimento da normativa COVID, levantándose as seguintes actas de denuncia:

16 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por reunións de non conviventes entre as 3:00 e as 6:00 horas. Proponse sanción de 500 euros a cada un deles.

2 actas de denuncia por infracción á Lei Orgánica do Protección da Seguridade Cidadá por falta de respecto e consideración a axentes da autoridade. Proponse sanción de ata 600 euros.

1 acta de denuncia por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá por desobediencia a axentes da autoridade. Proponse sanción de ata 30.000 euros.

Venda pública de 28 frisoas e 27 cachenas da Granxa Gayoso

O vindeiro venres, 30 de xullo, a partir das 10.00 horas, unha poxa pública de 55 cabezas de gando bovino das razas frisoa e cachena da Granxa Gayoso Castro. Poranse á venda28 frisoas e 27 cachenas a través deste procedemento de concorrencia, que terá lugar nas propias instalacións da Granxa, en Castro Ribeiras de Lea.

A poxa será en vivo, a man alzada, e á alza ou ascendente, de xeito que comezará por un prezo de saída que se irá incrementando a través de sucesivas poxas, en tramos de 10€, ata que quede un único participante, ao que se adxudicará o exemplar interesado ao prezo de remate ou prezo da última poxa realizada polo mellor ofertante. Por tanto, este será o custe que terá que pagar o comprador, excluíndo os impostos pertinentes e os gastos de transporte ou doutra índole. Poxarase en cada momento e de xeito individualizado polo exemplar que se estea licitando.

O prezos de saída varían en función das características dos exemplares. O prezo de saída máis baixo será de 105€ e o máis alto, de 705€.

A oferta económica presentada consistirá unicamente en diñeiro en metálico e non se admitirá aprazamento no pago, que se fará efectivo mediante ingreso do prezo na Tesourería provincial.

As persoas interesadas poden consultar toda a información sobre a poxa no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día 20 de xullo, que recolle as bases que rexen o procedemento, que foi aprobado pola Xunta de Goberno na sesión do día 16 de xullo.

 

Un día máis segue a subir a cifra de casos activos por Coronavirus na área de Lugo

A cifra de casos activos pola Covid-19  en Lugo xa pasa dos 1700. Nas últimas vinte e catro horas os novos contaxios foron 119, o que indica que o andazo está a estenderse de xeito importante, sobre todo na xente moza pola área sanitaria de Lugo.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 15.992 deles 2.809 son da área da Coruña, 2.332 da de Ourense, 2.785 da de Pontevedra, 3.734 da área de Vigo, 1.990 da de Santiago e 725 da de Ferrol aos que hai que sumar 1761 de Lugo.

Do total de pacientes positivos, 23 están en UCI, 183 en unidades de hospitalización e 15.786 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 130.008 persoas curadas, rexistrándose 2.447 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.505.157. e o de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.361.483.

 

 

 

 

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com