Novas

Xuventude convida a mocidade a realizar rutas a pé polo Camiño dos Faros como actividade segura

O executivo de Lara Méndez, a través da área de  Xuventude, segue a organizar actividades seguras e ao aire libre para a mocidade. Agora oferta catro rutas a pé polo Camiño dos Faros, un sendeiro en auxe nos últimos tempos que enxalza os faros e outros numerosos puntos de interese da Costa da Morte.

Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude, anima á mocidade a inscribirse para que poidan coñecer novos espazos en Galicia. “Os tempos actuais demostraron moitas cousas, e unha das máis importantes, e positivas é que nos demos conta da importancia da natureza, e que poder estar en contacto co medio ambiente é fundamental, e para iso o sendeirismo é perfecto”.

A participación en cada actividade, que é gratuíta, seguirá a seguinte orde de prioridade e por rigorosa orde de inscrición: mocidade de 14 a 35 empadroados no Concello de Lugo, que traballen ou estuden no municipio e que residan en municipios limítrofes.

E sempre e cando queden prazas vacantes, poderá inscribirse o resto de poboación non superando o 10% de prazas ofertadas en cada actividade.

Rutas a pé polo Camiño dos Faros:

10 de julio

Camiño dos Faros pola costa: 1ª etapa: Malpica – Niñóns. Distancia: 22 km  Dificultade: Alta

24 de Julio

Camiño dos Faros pola Costa: 2ª etapa: Niñóns – Ponteceso. Distancia: 26 km  Dificultade: Alta

14 de agosto

Camiño dos Faros pola Costa: 3ª etapa: Ponteceso – Laxe. Distancia: 25 km  Dificultade: Moderada-Alta

28 de agosto

Camiño dos Faros pola Costa: 4ª etapa: Laxe – Arou. Distancia: 18 km  Dificultade: Moderada

Lugo supera os 300 casos activos nunha xornada cun aumento moi significativo dos positivos detectados

A covid continúa á alza na nosa provincia logo dunha suba de positivos detectados moi significativa e que non se da en Lugo dende o pasado 9 de febreiro, en plena terceira vaga. O certo é que a provincia está a retroceder todo o avance feito ata o momento.

En cifras, segundo o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, Lugo suma 314 casos activos, moi lonxe dos 206 que se rexistraban hai exactamente unha semana. No tocante aos novos casos, como diciamos, no día de onte experimentaban unha gran suba e chegaban a 43 positivos detectados en probas diagnósticas. 

Un aumento importante que, polo momento, non se reflexa na presión asistencial que segue a mandar o mesmo número de ingresados, eso si, cun lixeiro cambio. O Hospital de Monforte, libérase hoxe de casos covid mentres que o da Costa rexistra un ingreso novo. Así, Continúa a rexistrar a provincia catro pacientes ingresados por covid19, tres en unidades convencionais de hospitalización, 2 no HUlA e un na Mariña, e outro máis na UCI do Hospital lucense.

Con todo, onte aumentaron tamén as altas ao rexistrarse 14 pacientes curados, o dobre dos rexistrados na xornada do luns. 

E con este aumento, o Comité Clínico, reunido onte, tomou certas decisións, entre as máis importantes, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba a obrigatoriedade de realizar test PCR de balde nos covid-auto ás persoas que queiran acudir a algún local de ocio nocturno nas localidades co nivel medio de restriccións e que terá que realizarse 48 horas antes da entrada no local. 

Outra das medidas que tomará a Xunta será a petición aos concellos de precintar praias e parques en horario nocturno para evitar os botellóns. O presidente autonómico insistiu no chamamento á mocidade e na necesidade de que participen nos cribados que fai o SERGAS. Todas estas medidas deberán ser ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O PP reclama a reapertura dos sete Centros de Dinamización do rural que o goberno de Lugo pechou no confinamento

O Grupo Popular quere que en setembro os sete centros de dinamización do rural que funcionaban no Concello de Lugo volvan a abrir as súas portas. Concelleiros populares mantiveron esta mañá un encontro con veciños afectados diante dunha das escolas rurais que albergaban antes da pandemia este servizo.

O concelleiro do PP Manuel López lembrou como dende hai máis dun ano os veciños de de San Xoán do Campo, Calde, Coeses, Saa, Santa María de Bóveda, Santa Comba e Rubiás quedaron sen un espazo que servía de punto de encontro e sen unha alternativa de ocio saudable para desenvolver cursos de aprendizaxe de novas habilidades para ocupar o seu tempo libre.

“Nun momento no que semella que hai unha tendencia da xente para volver ao rural por tratarse dun entorno seguro non é de recibo que dende o bipartito de Lugo se recurte este tipo de servicios xa que supoñen un plus para os que viven nas parroquias e para os futuros veciños”.

No PP non estamos dispostos a deixar que aproveiten a pandemia para “discriminar aos da zona rural” e por iso pedimos que se saque o contrato para recuperar a actividade nestas sete escolas rurais que funcionaron durante años como Centros de Dinamización”. López lembraba que o anterior supuxo un investimento de 76.987€ manifestando que “esta cantidade dentro dun orzamento de 100M€ é unha minucia”.

Por outra parte dende o Grupo Popular insta a que se faga o mantemento das diferentes escolas, tanto das que funcionan como Centros de Dinamización como do resto dos edificios, xa que a maleza tapa portas e mesmo ventás “as únicas escolas que hai limpas é porque os veciños,
pola súa conta, fixeron o traballo de mantemento”.

López lamenta que PSOE e BNG en vez de revalorizar e investir para mellorar a calidade de vida das parroquias “recurta servizos que fomentan as relacións veciñais e o ocio” manifestando que “non se pode usar a pandemia como excusa, os veciños son conscientes das desigualdades que provoca o bigoberno tomando este tipo de medidas”. O concelleiro popular resumía “non é aceptable a despreocupación e a discriminación do Goberno de Méndez e Arroxo co rural” insistindo en que “a excusa da pandemia xa non é crible para xustificar que segan coa verxa baixada”

O Centro Social Leiras Pulpeiro aclimata as súas instalacións para incrementar a confortabilidade do inmoble

A área de Benestar Social, que dirixe Olga López Racamonde, vén de mellorar o Local Social Leiras Pulpeiro, situado no barrio de Casás, para incrementar a confortabilidade das instalacións.

A actuación tiña por obxecto aclimatar axeitadamente as diferentes estancias das que se compón o inmoble e contribuír, así, a acadar unha maior eficiencia enerxética no mesmo.

Os traballos consistiron na colocación de láminas anticalóricas que xa foron instaladas nos ventanais da planta baixa e alta do edificio. “Rotulándoas polo exterior, acadamos un efecto espello, limitando a entrada directa da radiación solar, favorecendo a claridade e permitindo realizar en condicións óptimas a actividade prevista no interior. Evítanse así reflexos molestos e, pola contra, aumentamos as condicións de comodidade, no que a temperatura se refire”, indicou a concelleira responsable, Olga López Racamonde, que tamén apuntou que estas tarefas tiveron un custo de 2.070 euros.

Esta intervención súmase á xa realizada no mesmo sentido no Centro Maruja Mallo, onde a área de Benestar investiu a principios de ano máis de 21.000 euros.

Publicado o cartel da XLIII Semana de Cine de Lugo que terá lugar do 20 a 25 de setembro

Vén de publicarse o cartel anuncidor da XLIII Semana de Cine de Lugo, que organiza o Grupo Fonmiñá en colaboración con Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia  e Universidade de Compostela-Campus de Lugo.

O cartel está deseñado pola pintora lucense SABELA ARIAS, que confeccionou  unha alegoría visual con motivos lucenses, centrada no centenario de Luís Berlanga fixándose de  xeito especial na súa mítica película “Bienvenido, Mr. Marshall”.

O cartel vai ser distribuido pola capital lucense e por toda Galicia en próximas datas para empezar a dar a coñecer a próxima edición da nosa festa cinematográfica, que este ano volve ao seu habitual calendario da segunda quincena  do mes de setembro.

Esta imaxe que compón o cartel vai ser tamén a portada do libro-programa da Semana, dos programas de man e do xornal da Semana  que se vai buzonear en todos os domicilios da cidade de Lugo.

Para que os lucenses cinéfilos poidan participar nesta homenaxe visual a Berlanga, Fonmiñá vai convocar un concurso para que os coñecedores da película poidan indicar os motivos da película berlanguiana que encontran reflectidos no cartel. Os participantes que máis se acheguen ao total dos motivos indicados serán premiados con lotes de libros sobre cine e imaxe en xeral publicados por Fonmiñá con motivo das Semanas de Cine.

Recepción ás xogadoras infantís e xuvenís do Emevé, campioas e subcampioas de España

O deputado de Deportes, Efrén Castro, trasladou os parabéns e o recoñecemento da institución provincial  ás xogadoras dos equipos infantil e xuvenil do CV Emevé, que veñen de proclamarse campioas e subcampioas de España.

Nun acto celebrado no patio do Pazo de San Marcos, o deputado sinalou o “orgullo que supón para a cidade de Lugo e para o deporte galego, celebrar éxitos da canteira”. “Situádesnos no mapa como referentes en deporte base e en deporte feminino, que son sinais de identidade dun
tecido deportivo dinámico, con forza e con futuro. Unha vez máis, as xogadoras empurran  á sociedade desde as canchas para seguir avanzando na igualdade real”, engadiu.

Efrén Castro reafirmou o compromiso da Vicepresidencia da Deputacíon de Lugo co deporte, especialmente co deporte de base e o deporte feminino que, no caso do CV Emevé, se materializa a través da liña de axudas a clubs de primeira e segunda categoría estatal ao competiren en Superliga os dous equipos sénior. Nesta convocatoria, que se realiza anualmente, valórase específicamente que o club conte con equipos en categorías de base.

Conde: “Galicia está preparada para afrontar novos retos na industrial aeroespacial”

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Vigo as instalacións da empresa Centum, unha das participantes nos proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia. Conde subliñou que a Comunidade está preparada para afrontar novos retos na industria aeroespacial grazas á Estratexia 2025, pero tamén ao talento de compañías como Centum.

“É un caso de éxito do programa aeronáutico que estamos realizando en Galicia e amosa como unha peme é quen de poder desenvolver a súa actividade nun sector tan competitivo, tecnolóxico e innovador como este”, apuntou o vicepresidente económico.

Así, a empresa participou no sistema de xeolocalización Lifeseeker, o primeiro produto aeronáutico desenvolvido en Galicia que obtivo un certificado da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) para a súa implantación por parte de Airbus Helicopters. Ademais, en 2021 conseguiu contratos coa Axencia de Seguridade Marítima Europea e coas Forzas Aéreas canadienses. O pasado ano a compañía contou con ingresos superiores a 2019 (1,9M€), retivo talento e ampliou persoal ata contar con 28 traballadores e puido reactivar proxectos e abrirse ao mercado italiano.

Conde destacou que Centum está chamada a converterse nun referente na venda de produtos para o ámbito das emerxencias, a seguridade e a defensa e amosou a súa disposición a seguir contando coa súa colaboración no Polo Aeroespacial de Galicia. Unha iniciativa que conta cunha folla de ruta ata 2025 na que se pretende consolidar o tecido industrial ao redor desta industria e facilitar a comercialización e internacionalización de novos produtos e tecnoloxías. Para conseguilo xa están comprometidos 70M€, unha cifra de mobilización que pode chegar aos 540M€ se o Goberno apoia o Polo como proxecto tractor a través dos fondos europeos Next Generation.

O vicepresidente económico lembrou, ademais, que a partir de mañá Galicia acolle a sexta edición de Unvex, o maior encontro en España sobre o sector dos vehículos aéreos non tripulados que por primeira vez se celebra na nosa Comunidade.

O Festival Atlántica enche de historias a fortaleza de San Paio de Narla en Friol

Na súa novena edición, o festival Atlántica recalará por primeira vez no concello de Friol cun espectáculo de Ramiro Neira que se desenvolverá este mércores, 7de xullo, a partir das 18 horas. A entrada será libre ata completar o aforo permitido. A actividade é posible grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Rede Museística Provincial de Lugo e a Deputación de Lugo.

O espectáculo de Neira titúlase ‘Vouche contar’ e está concibido para público infantil e familiar. Trátase dunha escolma de contos da tradición oral de diferentes países que poñen o valor a sabedoría popular e a eterna e imprescindible transmisión da experiencia de xeración en xeración.

Ramiro Neira conta con experiencia como actor, director, docente, produtor e distribuidor teatral. Como actor traballou e traballa con diferentes compañías: Artestudio Teatro, Sardiña, Tea, Estragón, Grupo Institucional da Universidade da Coruña, Teatro da Bufarda, Espello Cóncavo, Teatro da Lúa, Casa Hamlet, Patatín e Patatán, entre outras.

Como docente e director coordinou grupos en diferentes espazos. Na súa faciana de produtor e distribuidor traballou con Teatro da Bufarda, Hac Luce Universidade da Coruña, Teatro da Lúa, UVG Teatro, Galileo Teatro, Ballet Studio, Paparota Teatro. Actualmente compaxina o seu labor como docente, actor e director coa coordinación de diferentes proxectos do Concello da Coruña e do Forum Metropolitano, como son o programa Horas Punta, Mostra de Teatro Escolar e os Encontros de Teatro Independente da Coruña.

Atlántica segue

As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e vanse desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.

O torneado da madeira regresará a Xermade co XXI Encontro Internacional de Torneiros

A localidade de Xermade converterase de novo este ano no centro da tornería europea grazas á celebración presencial do XXI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que terá lugar entre os días 17 e 19 de setembro. Como xa é habitual, a Xunta colabora a través da Fundación Artesanía de Galicia neste evento de divulgación do oficio tradicional da tornería, que está organizado polo Concello de Xermade. Así se explicou esta mañá nunha rolda de prensa na que participou a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

Despois dunha edición exclusivamente en liña no 2020, nesta edición vólvese ao formato presencial no que se inclúen demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional coma o francés Romuald Clemenceau, o oscense Fran Ferrer e os galegos Adrián Pena, do obradoiro Xar Arte en Madera (Vigo), e Manuel “Lolo” Castro, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018.

Durante tres días, Xermade volverase converter no centro do torneado artesanal da madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón tamén do resto de España e de Europa, e recupérase un espazo de intercambio e aprendizaxe para profesionais e afeccionados.

Tamén a Deputación participa neste evento do que o Presidente do Executivo Provincial, José Tomé, destacou a súa importancia. “Colaboramos dende a Deputación de Lugo pola proxección nacional e internacional que supón para Xermade e para toda a provincia de Lugo, e porque pon en valor unha materia prima como a madeira, na que a nosa provincia é unha potencia”.

“Despois de dúas décadas, este Encontro de Torneiros converteu ó concello de Xermade nun referente internacional desta modalidade de traballo da madeira. Por aquí teñen pasado especialistas, homes e mulleres, de Galicia e de toda España, pero tamén de todo o mundo” para mostrar “traballos que oscilan entre as pezas tradicionais da artesanía e as obras de deseño vangardista, unha variedade que supón un dos grandes acertos desta cita”, asegurou o mandatario provincial.

Méndez defende incluír no 2023 a liña ferroviaria A Coruña-Lugo no corredor Atlántico

Lara Méndez, a alcaldesa lucense e vicepresidenta do Eixo Atlántico, participou hoxe na presentación do mapa ferroviario de Galicia elaborado polo organismo transfronterizo ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, e aos representantes dos sindicatos, UGT, CCOO e CIG, na que tamén estiveron o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, o alcalde de Santiago, Xosé Bugallo, e o presidente do CES de Galicia, Agustín Hernández.

Este mapa de propostas do noroeste peninsular para a modernización da rede ferroviaria conlevaría un investimento de 3.000 millóns de euros, dos cales o 50% encaixaría nos parámetros do cofinanciamento europeo, e desenvolveríanse nun prazo de 10 anos, “o que suporía un investimento de 150 millóns anuais, o que en termos do orzamento do estado é unha cantidade perfectamente asumible”, sostivo a rexedora.

A proposta do Eixo inclúe actuacións na liña Ferrol-Coruña, na saída sur de Vigo, no tramo Coruña-Santiago do Corredor Atlántico, no acceso de Punta Langosteira e o tramo Santiago- Redondela, o tramo Vigo-Guixar-Redondela-Guillarei, Guillarei-Ourense, Ourense-Monforte e Monforte-Covas.

Esta mapa tamén incluiría as melloras das liñas A Coruña-Lugo e Lugo-Ourense, “esta última na que o Goberno central está xa inxectando recursos por valor de máis de 500 millóns, aínda que se necesita un maior impulso aproveitando os fondos europeos”. “Na crise anterior abordouse desde a austeridade, pero a actual se afronta desde os investimentos de recuperación, é dicir, todo o contrario, polo que se nos presenta unha ocasión única que non debemos deixar pasar para conseguir que Galicia sexa por fin competitiva. Debemos ser ambiciosos e esta é unha ocasión magnífica que temos afrontar desde a unidade de todos os axentes políticos, sociais, económicos e sindicais galegos para que Galicia teña unha voz única e, polo tanto, máis forza”, incidiu.

Respecto a Lugo, Lara Méndez tamén defendeu a inclusión no ano 2023 da liña ferroviaria de mercancías A Coruña-Lugo no Corredor Atlántico, aproveitando que é a data na que se abrirá o período de modificación e ampliación dos corredores ferroviarios europeos.

“Para Lugo, onde estamos a realizar o maior investimento municipal da historia para a captación de empresas de alto impacto social e ambiental co fin de crear emprego sostible a través da Estratexia Lugo Transforma, que conta cun fondo inversor de 12 millóns de euros, é fundamental e urxente dispor das infraestruturas adecuadas que nos permitan acompañar este crecemento”, sostivo.

A rexedora lucense e vicepresidenta do Eixo Atlántico agradeceu a boa receptividade por parte do presidente da patronal e dos representantes sindicais a fixar una folla de ruta común co mapa ferroviario para poder avanzar “cunha única voz por unha Galicia competitiva”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com