Novas

Catorce novos positivos por coronavirus elevan a cifra a 240 casos activos en Lugo

Nas últimas 24 horas a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade notificou 14 novos positivos na área sanitaria de Lugo. Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.285 deles 610 son da área da Coruña, , 279 da de Ourense, 459 da de Pontevedra, 386 da área de Vigo, 223 da de Santiago e 88 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 10 están en UCI, 41 en unidades de hospitalización e 2.234 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 125.929 persoas curadas, rexistrándose 2.437 falecementos.

O  número de PCR realizadas é de 2.377.542. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 2.847.095.

Un home resulta ferido tras caer dunha escada en Vilalba

Un helicóptero medicalizado trasladou ao ferido ata o centro hospitalario de Lugo.

Ocorreu a escasos minutos da unha deste mediodía. Foi a esa hora cando o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, informaba ao 112 Galicia da saída da aeronave con base en Santiago de Compostela cara o lugar de Cabanamille, Belesar, no concello de Vilalba, para trasladar a un home que caera dunha escada.

Con estes datos, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil Municipal.

Así, tras tomar terra no mesmo lugar, o ferido foi trasladado na aeronave ata o centro hospitalario.

 

Vexetarian abre as súas portas esta noite coa actuación do dúo Silvia e Adrián

Vexetarian a nova proposta gastronómica en Lugo abre hoxe, 3 de xullo ao público. A mellor gastronomía vexetariana poderase degustar a partir de hoxe en Vexetarian que abrirá de xoves a domingo en horario de xantar e cea, agás o domingo que só abrirá ao mediodía.

Baixo os teitos de Caldiae Factoría Cultural (praza Viana do Castelo, 3), e co chef Javier Prieto nos fogóns, Vexetarian propón unha experiencia completa no que as viandas, coa maridaxe perfecta grazas aos mellores caldos galegos, se presentará acompañada de concertos en acústico ou proxeccións nunha gran pantalla de cinema.

Esta noite actuarán en Vexetarian, Silvia e Adrián, dúo formado pola lucense Silvia Chigliak, cantante e profesora de canto e Adrián Arias ao teclado que interpretaran versións de clásicos.

As reservas poderanse facer nos teléfonos 641980373 e 982813780.

O luns comezan as tarefas de limpeza nos barrios de Casás e Abella

O plan de concentración de dispositivos municipais para abordar, dunha maneira integral, a limpeza dos barrios de Lugo posto en marcha polo  Concello, comezará o luns, día 5, nos barrios de Casás e Abella, despois de finalizar no barrio de Castiñeiro.
O obxectivo desta plan, que executa o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, é unificar os esforzos e os recursos municipais por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar o labor ordinario que se leva a cabo diariamente.
Para iso, actúa barrio por barrio un amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís, apoiados polas brigadas municipais.

O edil Miguel Fernández, indicou que o luns o operativo iniciará os labores en Casás e Abella, traballos que abranguen, de forma simultánea e coordinada, a roza – tanto de vías como de predios municipais – o varrido mixto das rúas e bordos, a limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, o baldeo das rúas e perfilado do céspede. “Tamén se desherbaran os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar
e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos”, incidiu Miguel Fernández.
Ademais, procederase á limpeza da rede de sumidoiros e o desherbado de rúas e roza dos soares municipais, complementando esta acción cos 341 expedientes tramitados por acumulación de maleza en predios particulares aos propietarios que non están a cumprir coa súa obriga de mantelos en bó estado,

A área sanitaria de Lugo suma outros 6 novos positivos

Un día máis hai que lamentar unha subida no número de casos activos na área sanitaria de Lugo que segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade na súa última actualización, son 230.

En canto ao número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.136 deles 597 son da área da Coruña, 254 da de Ourense, 413 da de Pontevedra, 359 da área de Vigo, 209 da de Santiago e 74 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 11 están en UCI, 42 en unidades de hospitalización e 2.083 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 125.849 persoas curadas, rexistrándose 2.437 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.373.711.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 2.820.639.

O Goberno municipal desminte as acusacións de Cs sobre unha “modificación encuberta” da RPT

A área de Gobernanza do Concello de Lugo desmentía na tarde de onte as denuncias de Cs sobre unha presunta modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello, por parte do Goberno local mediante a publicación dunha corrección de erros no boletín oficial da provincia. A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos lamentou así o descoñecemento de Cidadáns sobre o funcionamento da Administración local e dos pasos legais, dixo, que está obrigada a dar. 

Segundo aclara a concelleira, unha vez aprobada a RPT, “por unanimidade de todos os sindicatos do Concello”, abríronse os prazos legais para que se presentaran alegacións e recursos de reposición. A este respecto, dos recursos presentados polos traballadores e trala avaliación técnica dos mesmos, 15 foron estimados e 11 desestimados. Os estimados recollían fundamentalente errores subsanables. Legalmente, explicou a edil, unha vez resoltos os recursos, a Administración local debe volver a publicar a Relación de Postos de Traballo cos errores xa solventados.

Con todo, lembramos que a principios de semana, Comisións Obreiras denunciaba ante os medios de comunicación, esta mesma modificación encuberta da RPT

Vexetarian: a nova proposta lucense onde conflúen gastronomía e cultura

Música, proxeccións e arte confluirán dende mañá en Lugo coa mellor gastronomía vexetariana en Vexetarian nunha novidosa proposta hostaleira que abre as súas portas mañá, día 3 de xullo, na cidade das murallas.

Baixo os teitos de Caldiae Factoría Cultural (praza Viana do Castelo, 4), e co chef Javier Prieto nos fogóns, Vexetarian propón unha experiencia completa de xoves a domingo no que as viandas, coa maridaxe perfecta grazas aos mellores caldos galegos, se presentará acompañada de concertos en acústico ou proxeccións nunha gran pantalla de cinema.

Quen o desexe poderá gozar da mellor gastronomía galega vexetariana de xoves a sábado en horario de xantar e cea e os domingos para xantar. As reservas poderanse facer nos teléfonos 641980373 e 982813780.

O PP consensúa cos veciños de Marqués de Ombreiro tres opcións para solucionar “a desfeita” do carril bici

O Partido Popular presentou tres posibles alternativas coas que minimizar os problemas que vai provocar o carril bici que acondicionou o bigoberno en Marqués de Ombreiro. “Son opcións que acabarían co malestar de veciños e de negocios da rúa onde xa se marcou a senda ciclista con quiebros, supresión de aparcamentos e enlaces absurdos”.

O vicevoceiro popular Antonio Ameijide enumeraba as tres alternativas que poderían mellorar o actual trazado imposto dende á alcaldía sen
contar coa opinión da veciñanza:

A primeira proposta é acondicionar unha nova ruta alternativa por rúa Pousadela “estamos falando dunha senda para bicis máis directa, curta, segura e que discurre por un camiño tradicional que comunica a Ronda do Carme co barrio da Cheda para confluir na rotonda de Carrefour dando acceso directo ao entorno do Parque do Miño e ao Paseo de Ombreiro”.

A segunda proposta é acondicionar un aparcadoiro disuasorio nunha das fincas que hai na zona co obxectivo de habilitar un espazo para dar unha alternativa de aparcamento as máis de 100 prazas que a alcaldesa suprime na zona. Pódese adquirir esta finca mediante compra ou ben negociar un convenio de uso cos propietarios “mentres non se use o solar o concello asume os gastos de mantemento e exime de impostos ao propietario”.

E como terceira proposta, dende o PP, suxiren a convivencia entre carril bici e carril de circulación de coches cun modelo similar ao da Ronda da Muralla e Ramón Ferreiro.

Dende o PP lamentan que a alcaldesa e o vicealcalde non falasen antes de facer este carril bici cos veciños xa que “para localizar os defectos
tanto do trazado como da situación do carril bici non fai falta ser técnico senón tan só ter unha pizca de sentido común e coñecer o barrio”. “A ninguén se lle ocurre facer un carril bici con quiebros ou poñelo na zona onde máis aparcamentos elimina perxudicando aos negocios da zona”.

O PP agradece á alcaldesa que “trala presión vecinal e as denuncias do seu Grupo decidise rectificar e valorar outras alternativas para o carril bici de Marqués de Ombreiro”. Ameijide acusou de incoherentes a PSOE e BNG xa que “hai uns días Méndez e Arroxo votaron en contra de suspender a implantación do carril bici cando agora vense obrigados a dar marcha atrás”.

Dende o Grupo Popular lamentan “a posición de forza coa que o bigoberno está implantando o carril bici tanto nesta rúa como no barrio da Residencia e Ronda do Carme”. “Se os veciños se opoñen é porque non se conta con eles para deseñar a cidade e se lles impón un trágala”. Os concelleiros populares insistiron en pedirlle a Lara Méndez e ao seu vicealcalde “máis humildade e empatía coa veciñanza: aquí non vale impoñer unha alternativa, aquí o que hai é que escoitar de forma activa e coñecer como funciona o barrio”.

A Deputación proxecta a Reserva da Biosfera Terras do Miño nun encontro dixital

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou este venres na inauguración do encontro dixital Somos Biosfera – Terras do Miño. A Deputación de Lugo, que preside o Órgano Reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño, proxectou así este territorio e a súa protección nunha cita que celebra tamén os 50 anos do programa MaB (Home e Biosfera) da UNESCO.

A representante provincial recoñeceu o compromiso “da Deputación de Lugo coa defensa do medio ambiente, que busca poñer en equilibrio o respecto á natureza e o desenvolvemento social e económico do territorio e das persoas”. Esta cita, foi posta en marcha polas Reservas da Biosfera de Galicia e organizado polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) coa colaboración da Deputación.

“Non ten sentido contrapoñer progreso e conservación; o que debemos facer é converter os programas de conservación da natureza en fonte de progreso, de emprego no rural, de turismo sostible, de conservación de costumes tradicionais e de fixación de poboación no territorio”, destacou García Porto.

A voceira socialista do Goberno destacou que “polo que respecta á propia xestión temos dado un paso importante nos procesos de transparencia na xestión e distribución equitativa dos fondos públicos e, para iso, abrimos unha liña de subvencións en concorrencia competitiva dirixida a fomentar a participación do tecido asociativo da Reserva Terras do Miño para levar a cabo proxectos de interese que incidan no desenvolvemento sostible do territorio”. Así mesmo, engadiu, “estamos avanzando nos traballos para contar coa marca propia Reserva da Biosfera Terras do Miño. Un selo que recoñece a calidade e a profesionalidade dos produtos e os servizos que ofertamos nos concellos da Reserva e que debe servir para impulsar a creación doutros novos”, recordou a Deputada provincial.

Ribadeo presenta a nova tempadas do tren turístico que percorre os puntos máis

Hoxe foi presentada a nova tempada do tren turístico de Ribadeo, que funcionará ata mediados de setembro, ofrecendo oito viaxes diarias para achegar aos visitantes aos enclaves máis emblemáticos da vila. No acto participaron xunto ao alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, e o propietario da empresa que xestiona o tren, José Antonio Neira.

O edil de Turismo declarou que “se bota a andar o tren turístico de Ribadeo que é unha atracción que se enmarca dentro das actividades turísticas promovidas polo Concello de Ribadeo en diversos ámbitos, no ecoturismo, nas visitas guiadas… É unha actividade moi complementaria que é moi ben recibida tanto polos turistas como polos veciños e veciñas de Ribadeo. Fai un percorrido moi completo polo centro de Ribadeo, polo porto, chega incluso ata o faro da illa Pancha, onde fai unha parada para poder sacar unha fotografía con esas vistas magníficas, e volve ao centro facendo un percorrido especialmente pola zona indiana na rúa de San Roque”.

Pablo Vizoso salientou que “como unha das súas características importantes, hai que reseñar que, ao longo do percorrido, os usuarios poden desfrutar dunha alocución que lles vai dando unha imaxe e información sobre a realidade urbanística e histórica de Ribadeo. Quero animar a todas as persoas que nos visiten este verán e a todos os veciños e veciñas de Ribadeo e da nosa contorna a que desfruten desta atracción porque permite gozar placidamente dos encantos da vila de Ribadeo”.

O propietario da empresa que xestiona o tren, José Antonio Neira, manifestou que “imos intentar volver á normalidade, intentaremos facer todas as viaxes e esgotar o tempo ata o 15 de setembro, a ver se é posible, esperemos que si. As viaxes van ser ás once, ás doce e á unha, como xa eran, e pola tarde ás catro, ás cinco, ás seis, ás sete e ás oito. Esperemos que o tempo nos axude e que o turismo por fin nos volva para a zona. Pido para o tren, pero tamén para todos porque está todo o mundo desexando que funcione A Mariña, tanto restaurantes como hoteis e todas as actividades que haxa. Aquí estaremos poñendo o noso grao de area para ensinar Ribadeo”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com