Novas

Nova suba de casos activos tras un aumento moi importante dos positivos detectados

Nova xornada de suba de casos activos que vén dada tras un máis que significativo aumento dos positivos detectados e que sitúan as cifras totais a niveis de principios de mes. Remata así un período de estabilidade e haberá que ver nas vindeiras xornadas se esta suba é anecdótica ou se se mantén no tempo, o que podería significar unha volta atrás no alivio das restricións. 

En cifras, e ata as seis da tarde de onte, o SERGAS rexistraba un total de 191 casos activos, debido, sobre todo, á importante suba dos positivos detectados onte, e que chegan ás 28 persoas tras detectarse varios gromos dos que daremos conta máis adiante. 

No tocante á presión asistencial, hoxe continúa nos mesmos niveis que na xornada anterior. Así, o HULA tan só suma 3 pacientes, 2 en planta de hospitalización e 1 na UCI. 

Por último, no que a datos se refire, as altas médicas continúan rexistrando mínimos, sendo tan só 9 persoas as que, nas últimas horas, poden dicir que se recuperaron tras dar positivo en covid19. Con todo, dende o comezo da pandemia son xa 12.754 os lucenses que recibiron a alta. 

Como diciamos esta suba vén dada tras detectarse dous grandes gromos na provincia. Así, o primeiro, e no que se rexistran xa 26 positivos, foi localizado en Sarria, e está vinculado a un local de hostalería e unha comida familiar. Así, dende sanidade non descartan novos contaxios pois todavía seguen cribando contactos estreitos. A este respecto, o alcalde da localidade vén de publicar un bando instando á cidadanía a que se someta a un cribado voluntario.

Doutra banda, na capital, rexistrouse nas últimas horas un novo gromo con orixe en Mallorca. E é que 10 estudantes de dous centros educativos de Lugo resultaron positivos en PCR logo de se detectar un macro gromo de preto de 400 positivos en todo o Estado vinculado á illa. Ao parecer, os estudantes, todos de segundo de Bacharelato, realizaron unha excursión, organizada por eles mesmos e sen vinculación aos centros de ensino, á illa para celebrar o fin da Selectividade. Ademáis vincúlanse a este gromo o positivo de 2 adultos, proxenitores de dous dos estudantes infectados.  Segundo confirmou o Conselleiro de Sanidade, en Galicia hai preto de 50 casos vinculados a Mallorca e entre os que se detectaron a variante británica e a delta.

Ansia

A Lugo séntalle ben o bo tempo, e aos lucenses tamén. Cando temos un día triste, con choiva, andamos pola rúa buscando refuxio, que a choiva pode ser unha maravilla, pero ás cidades convenlles que veña racionada.

Co bo tempo, o centro vólvese peonil, con multitudes que invaden na Praza Maior as mesas dos bares panorámicos, para ver e ser vistos. E dias pasados, fixo tan bo tempo que non só nos botamos ás rúas, senón que ficamos expectantes diante do Arde Lucus, que ía medrado diante dos nosos ollos coa montaxe de pacíficos escenarios guerreiros.

Tiñamos tantas ganas de festa, que nos enchía o ollo ver como se montaba o campamento romano diante da Casa do Concello, sendo un espectáculo contemplar a lexionarios en traxe de faena facer unha cadea humana para trasladar innumerables toros de madeira para calefacción, ou a saber para que a utilizaban os romanos, creando clima festeiro para un Arde Lucus de circunstanstancias, que tiña o mérito grandísimo de demostrarnos a todos que a vida segue.

En Lugo, viñémonos arriba co aparente ocaso do Covid, vacunacións en masa, bo tempo, as vacacións do final de curso, e a todos o corpo nos pediu xolda diante da provocación festeira, porque o noso espírito é mozo, pero temos que lembrar que os mozos nas festas somos carne de cañón para ese virus empeñado en fastidiarnos a vida.

Pasou a festa, e a choiva non conseguiu, entre a prevención e as ganas de botarnos a perder; entre a prudencia e a explosión que nos pide o corpo, calmar a nosa sede de festa. Mais ben, ao contrario. Reafirmounos nas ansias de ter as festas en paz, e unhas festas plenas. En canto o tempo mellore.

O PP propón a creación dunha área de servizo para caravanas en Cervantes

O Grupo Municipal Popular de Cervantes defenderá no pleno do vindeiro mércores unha iniciativa de impulso ao turismo no municipio. Así, os populares proporán que o Concello estude a posibilidade de acondicionar unha área de servizo para caravanas co obxectivo de facilitar este servizo aos seus usuarios interesados en visitar Cervantes.

O voceiro popular, Javier Santín, explica que “o noso municipio non conta con este tipo de áreas habilitadas para as paradas técnicas de caravanas ou autocaravanas con servizos coma toma de auga, contedores do lixo e puntos de baleirado de augas, entre outros”.

O popular cre conveniente “aproveitar a inercia da revitalización do turismo en grandes espazos abertos ao aire libre e, polo tanto, do turismo na zona rural que xorde na actualidade derivada da pandemia da covid-19; tendo en conta o valor do entorno natural e paisaxístico de Cervantes e o seu potencial turístico”.

Santín explica, ademais, que “se trata dunha demanda do colectivo” que se debe atender porque “é un tipo de turismo que pode encaixar moi ben no noso territorio”.

Os populares proporán tamén na vindeira sesión plenaria que o Concello se implique coa familia afectada polo incendio dunha nave da súa explotación gandeira. Santín explica que “ante esta situación tan dramática, o Concello debe axudar, na medida do posible. Por exemplo, ofrecendo o apoio de operarios municipais para realizar tarefas de limpeza”.

Así mesmo, o voceiro popular proponlle ao goberno local habilitar unha conta bancaria para recoller doazóns totalmente voluntarias dirixidas á reconstrución da nave gandeira afectada polo incendio. “É unha medida de apoio na que o Concello pode tomar a iniciativa facilitando aos veciños que puideran estar interesados en colaborar unha conta na que depositar as súas doazóns voluntarias que se dirixirían exclusivamente a sufragar os custes derivados do incendio”.

O Pleno pide ao Estado unha nova regulación eléctrica para Galicia e a rebaixa do IVE ao 4%

Hoxe foi xornada de pleno no Concello de Lugo e o grupo do Goberno defendeu unha proposición no pleno municipal na que se insta ao Estado a elaborar unha nova regulación eléctrica, pensada para a veciñanza galega. Felipe Rivas explicou que “coa nova tarifa imposta polo goberno do Estado, a maioría dos consumidores poderán ter un aumento nos custes cunha tarifa que condiciona un posible aforro na factura a un cambio nos hábitos de vida”. Xunto coa posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, a proposta do BNG defende un IVE super-reducido do 4% en lugar do 21% que se aplica agora, “porque é un servizo básico e non, din, un artigo de luxo.

No pleno tamén se aprobou a medida de liberar un millón de euros para a demolición das torres do Garañón. Unha moción proposta polo equipo de Goberno, e que apoiou a oposición. Así, pola súa banda, os populares interpretan esta proposta como o recoñecemento expreso por parte do Goberno de que o convenio e a licenza que  asinaron no ano 2007 foi ilegal” lamentando, doutra banda, din a desfachatez da que fan gala os socialistas ao esquivar, segundo os populares, asumir responsabilidades neste asunto cando hai ata tres sentenzas que declararon ilegal a licenza outorgada.

Doutra banda, os grupos no Goberno, PSOE e BNG, rexeitaron as mocións dos populares relativas á mellora do carril bici e das novas liñas de transporte urbano. Neste senso, o tenente alcalde, Rubén Arroxo, destacou no pleno municipal o traballo realizado pola mesa de transporte público na elaboración das novas liñas. O segundo edil explicou que das propostas debatidas na mesa só houbo unha que tivo que ser rexeitada e foi por criterios técnicos. Na mesa aprobouse o modelo de liñas de bus coa unanimidade dos catro grupos da corporación.

O Tenente Alcalde avanzou ademáis que na vindeira revisión de prezos se contará con transbordo gratuíto e pediu ás concelleiras e concelleiros da oposición que non aumenten a confusión habitual producida na veciñanza polo cambio de modelo de transporte con afirmacións que non son reais.

Lugo Monumental pide a reposición das mesas de uso público da Praza de Abastos

Hai algúns meses o Concello tomou a decisión de retirar as mesas de uso común que había na planta superior da Praza de Abastos, as situadas na zona norte do edificio. Estas mesas eran un dos habituais puntos de encontro de placeiros e un lugar para que os clientes puidesen tomarse un respiro durante as súas compras. Ademais teñen a gran vantaxe que para moitos titulares de concesións da Praza de Abastos supoñía un lugar estratéxico en que poder facer descansos sen afastarse demasiado dos seus postos, algo que botan de menos.

Desde a asociación Lugo Monumental espuxeron reiteradamente ao Concello a problemática que se causou con esta retirada, unha medida que se tomou utilizando unha normativa autonómica que non se aplicou noutros puntos de idéntica cualificación xurídica.

“Con todo, como asociación respectuosa coa legalidade que somos, tras recibir un escrito o día 16 de abril en que se nos indicaba que a normativa non permitía a dotación de mesas de uso público en espazos como a Praza de Abastos, non volvemos insistir sobre ese asunto. Agora a normativa modificouse. Entre as medidas de alivio das restricións aprobadas na Comunidade Autónoma de Galicia inclúese o levantamento da prohibición en que se baseaba a decisión do Goberno Local”, aclaran.

Tendo en conta que é un servizo moi demandado polos usuarios deste espazo, entre os que destacan os propios placeiros e empregados dos postos, xa que é moi cómodo poder ter un lugar onde facer un descanso sen ter que saír do edificio, e a crítica importancia que teñen estas mesas para a supervivencia económica da única cafetería da Praza de Abastos cuxo titular se ofreceu reiteradamente a efectuar a limpeza das mesas entre cada uso dos seus clientes, solicitamos a reposición das devanditas mesas en canto a nova normativa entre en vigor.

Como mostra da importancia que este asunto ten para os placeiros, recolléronse firmas dos interesados, que se achegaron o día 7 de abril. Verán que das 43 persoas que compoñen o total de traballadores e industriais da Praza de Abastos 35 asinaron a solicitude, é dicir, máis do 80% do colectivo está interesado nesta dotación. Cabe destacar que dos oito restantes varios deles non se opón á instalación das mesas, pero non quixeron manifestarse por escrito.

“Confiamos en que se atenda esta petición, apoiada pola inmensa maioría das persoas que viven día a día a Praza de Abastos e que isto permita reconducir unha situación non só inxusta, senón daniña para algún dos industriais que só pretenden gañar o seu sustento nun edificio de titularidade municipal”, conclúen.

Vilalba Aberta denuncia o “deplorable” estado da canceira e o deixamento nos traslados ao centro de recollida

Vilalba Aberta vén de facer público o rexistro dunha petición de comparecencia tanto da Alcaldesa como do edil de Medio Ambiente, en relación co actual estado da canceira. Unha interpelación directa ao goberno, que dende a formación municipalista vinculan, así mesmo, ao “deixamento de funcións” do Concello, en relación coa súa responsabilidade no que ten que ver co traslado de animais ao Centro de Recollida.

A secretaria da Asociación Os Peludiños, na actualidade, membro da asemblea de Vilalba Aberta, Ana Paredes, cualificou de “vergoñento” o estado das instalacións e denunciou a “inacción do goberno”, en relación co “comprometido mantemento do conxunto das instalacións”.

“O Concello é, dende Maio de 2020, o responsable do mantemento e de velar pola hixiene da canceira. Lamentablemente, a un ano vista, o abandono é total e os damnificados son os animais que nela agardan polo traslado”, censurou.

Unha opinión compartida polo voceiro municipal da formación, Modesto Renda, en última instancia, encargado de trasladar ao pleno unha realidade que – lamentou – “lembra demasiado á das lexislaturas do PP á fronte do executivo municipal”. É por isto que requirirán do goberno do PSOE toda a información, en relación co convenio de colaboración subscrito co centro de recollida (Garatuxa), así como ao respecto do xeito no que, actualmente, estas recollidas se están a realizar.

Así mesmo, solicitarán a remisión das fichas de recollida dos animais dende o momento da firma do convenio e esixirán explicacións ao respecto dos retrasos nos traslados, máis alá do máximo estipulado de 24h. Outra cuestión fundamental a contrastar para Vilalba Aberta é se os animais están a saír ou non con microchip das instalacións municipais e se o sistema de traslado cumpre co establecido na Lei de Benestar Animal de Galicia.

E, na mesma liña, a formación demandará da Alcaldesa “información clara”, ao respecto de se o Concello entregou algún animal sen microchip identificativo a algunha persoa que non fora o seu dono e/ou persoal do centro de recollida.

O 1 de xullo volverán as Actividades Fluviais da Deputación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou esta mañá no paseo lucense do Rato o programa de Actividades Fluviais que a institución provincial porá en marcha este verán en 10 concellos da provincia.

As Actividades Fluviais son totalmente gratuítas e están dirixidas a un público familiar, podendo anotarse maiores de 6 anos de idade no propio lugar da actividade. Haberá actividades acuáticas, como kaiak, paddle surf, inchables, e outros xogos nas contornas fluviais. O Presidente explicou que o programa desenvolverase durante o mes de xullo nos municipios de Ribeira de Piquín, Trabada, Alfoz, Vilalba, Begonte, Navia de Suarna, Láncara, Ribas de Sil, Monterroso e Guitiriz.

“Con esta iniciativa, dende a Deputación de Lugo ofrecemos unha alternativa de ocio ao aire libre moi atractiva para o verán, que contribúe a dinamizar a vida social e a vida económica dos concellos”, detallou o mandatario provincial.

José Tomé subliñou que este paquete de actividades ten obxectivos a longo prazo. “Queremos promocionar o rico patrimonio fluvial que temos na provincia de Lugo e mostrar todo o seu potencial para seguir impulsando o turismo de interior e natureza”.

Neste sentido, lembrou que, ademais das Actividades Fluviais, a Deputación colabora coa Gold River Race, a regata que nace sendo a máis longa de toda Europa, “unha proba de primeiro nivel que arranca precisamente mañá en Augasmestas, en instalacións que son da Deputación de Lugo, no concello de Quiroga, e que, sen dúbida, terá un efecto moi importante na promoción da riqueza fluvial da provincia de Lugo”.

O Presidente convidou á veciñanza da provincia a participar nestas actividades que se poden practicar en familia e con amigos.

Na rolda de prensa estiveron presentes tamén a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, así como representantes municipais da maioría das localidades nas que terán lugar estas accións de lecer. En concreto, asistiron os rexedores de Alfoz, Jorge Val; Guitiriz, Marisol Morandeira; Láncara, Darío Piñeiro; Navia de Suarna, José Fernández; Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico; e Trabada, Mayra García Bermúdez; e o tenente de Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro.

rúa Quiroga Ballesteros

O Concello suspende os concertos de Quiroga Ballesteros porque as obras de peonalización “non foron recibidas pola Administración”

O Concello de Lugo comunica que os concertos programados en Quiroga Ballesteros para este venres, sábado e domingo quedan suspendidos ante a imposibilidade de levalos a cabo, xa que as obras de peonalización da praza aínda non foron recibidas pola Administración Local.

Logo de coñecer senllos informes do servizo de Enxeñería e a Intervención Municipal, os mesmos conclúen que a obra non pode darse por recibida e, por tanto, non é susceptible de entrega ao uso público o que imposibilita, á súa vez, a realización de calquera tipo de acto co obxectivo de non incorrer nun problema de seguridade cidadá.

Por unha banda, o informe de Enxeñería dá conta de que aínda se atopa pendente a definición dos espazos concretos e horarios para carga e descarga no ámbito de execución dos traballos, así como os accesos a/dende as zonas aínda non peonalizadas (Bolaño Rivadeneira e Praza de Santo Domingo) á Rúa Quiroga Ballesteros e ao fondo da Praza de Santo Domingo, tanto para o período durante o que se prolonguen as obras de reforma da planta de semisoto da Praza de Abastos – dado que a zona prevista para carga e descarga na Rúa Tuñas Bouzón está actualmente ocupada por casetas de obra e zona de provisión de materiais e se presume se prolongará un mínimo dun mes máis – coma para a situación definitiva, unha vez desocupada.

Polo tanto, á vista do exposto anteriormente, se debe concluír que as obras non están recibidas na súa totalidade o que ten tamén o seu reflexo no feito de que, en coordinación coa Policía Local, non se retiraran os valos que limitan o libre acceso dende esas rúas ao ámbito recentemente peonalizado.

A maiores disto, o informe da Intervención xeral dá traslado de que non foi solicitada, tampouco, a asistencia da mesma aos actos de recepción das obras finalizadas – o que constitúe parte esencial do exercicio da función fiscalizadora deste órgano, no eido da comprobación material do investimento efectuado.

Unha actuación á que obriga o artigo 20.3 do Real Decreto 424/2017, de 28 de abril, polo que se regula o réxime de control interno do sector público local e que dispón que os órganos xestores deberán solicitar da Intervención a asistencia á comprobación material cando o importe do investimento fora igual ou superior a 50.000 euros, con exclusión do IVE. En idénticos términos se expresa, alén, o artigo 13 do Regulamento de control interno do sector público do Concello de Lugo e a Bases nº 29 das de execución do orzamento para o exercicio 2021.

Ante esta situación e co obxecto de non incorrer nunha neglixencia que pode comprometer a seguridade da veciñanza, quedan cancelados todos os actos previstos nesta zona ata que as obras sexan recibidas polo Concello na súa totalidade.

99 persoas desempregadas traballarán este verán na prevención de lumes en 66 concellos lugueses

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de notificar aos concellos a resolución do programa de axudas Aprol Rural, ao que destina 1,3 millóns de euros para facilitar a contratación de 99 persoas desempregadas que levarán a cabo tarefas de prevención de incendios en 66 concellos lugueses, a práctica totalidade dos da provincia.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a través desta liña de colaboración cos concellos rurais, a Xunta facilita a realización de contratos para a desenvolver labores preventivas nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.

Os municipios de Lugo reciben financiamento da Xunta para crear entre un e tres empregos no marco desta orde, que dá prioridade aos concellos fusionados e aos emprendedores. Os contratos terán unha duración de nove meses a tempo completo.

En canto á distribución por zonas, na Mariña destínanse 327.900 euros a financiar 24 contratos; na Zona Sur a Xunta apoia a contratación de 22 traballadores cun investimento de 302.900 euros e na Terra Chá e Meira destínanse 235.000 euros para 17 empregos.

Pola súa banda, as axudas concedidas nas comarcas da Fonsagrada e Os Ancares suman 167.750 euros para promover 12 contratacións; na área de Sarria impúlsanse oito con 115.200 euros e nas comarcas de Lugo e A Ulloa facilítase a integración laboral de 16 persoas coa concesión de 219.000 euros aos concellos.

Arias incidiu en que esta colaboración enmárcase nos programas da Xunta para impulsar o emprego local, que inclúen outras liñas de axudas como as dirixidas a contratar a persoas perceptoras da Risga ou a que facilita cubrir postos de socorristas. Lembrou que esta última, que tamén acaba de resolverse, permitirá contratar a 97 vixiantes para as praias e piscinas de 36 concellos lugueses, cun investimento autonómico de 315.000 euros.

13 positivos e seis altas médicas elevan a cifra de casos activos de covid19 ata as 173 infeccións

Novo paso atrás en canto a casos activos de covid se refire. Logo de dúas xornadas de aumento leve de infeccións, no día de onte este baremo experimentou unha forte suba que o deixa, de novo, nos niveis do pasado venres. Todo debido a un novo freo das altas médicas que non chegan para contrarrestar unha nova suba dos positivos detectados durante as últimas 24 horas. 

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que cifra en 173 as infección activas, 9 máis que na xornada anterior e as mesmas que o pasado venres. 

Como diciamos esta suba vén dada polo aumento significativo dos positivos detectados, 13 na última xornada; e que superan con creces ás altas médicas recibidas por pacientes covid no día de onte e que se sitúan en 6. Chegan así a 12.745 as altas recibidas por pacientes covid dende o inicio da pandemia. 

O único baremo que dá a nota positiva da xornada é a presión asistencial que descende de novo. Así o HULA suma 3 pacientes covid, un na UCI e dous en plantas de hospitalización.

E no tocante á vacinación, Galicia supera xa os dous millóns e medio de doses administradas da vacina contra a covid 19, que fai que a Comunidade rexistre xa preto dun millón cen mil persoas coa pauta completa da vacinación, ou o que é o mesmo, un 46,3% da poboación. Ademáis, o 94,73 da poboación diana xa conta con a lo menos unha dose da vacina suministrada.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com