" />

Ansia

A Lugo séntalle ben o bo tempo, e aos lucenses tamén. Cando temos un día triste, con choiva, andamos pola rúa buscando refuxio, que a choiva pode ser unha maravilla, pero ás cidades convenlles que veña racionada.

Co bo tempo, o centro vólvese peonil, con multitudes que invaden na Praza Maior as mesas dos bares panorámicos, para ver e ser vistos. E dias pasados, fixo tan bo tempo que non só nos botamos ás rúas, senón que ficamos expectantes diante do Arde Lucus, que ía medrado diante dos nosos ollos coa montaxe de pacíficos escenarios guerreiros.

Tiñamos tantas ganas de festa, que nos enchía o ollo ver como se montaba o campamento romano diante da Casa do Concello, sendo un espectáculo contemplar a lexionarios en traxe de faena facer unha cadea humana para trasladar innumerables toros de madeira para calefacción, ou a saber para que a utilizaban os romanos, creando clima festeiro para un Arde Lucus de circunstanstancias, que tiña o mérito grandísimo de demostrarnos a todos que a vida segue.

En Lugo, viñémonos arriba co aparente ocaso do Covid, vacunacións en masa, bo tempo, as vacacións do final de curso, e a todos o corpo nos pediu xolda diante da provocación festeira, porque o noso espírito é mozo, pero temos que lembrar que os mozos nas festas somos carne de cañón para ese virus empeñado en fastidiarnos a vida.

Pasou a festa, e a choiva non conseguiu, entre a prevención e as ganas de botarnos a perder; entre a prudencia e a explosión que nos pide o corpo, calmar a nosa sede de festa. Mais ben, ao contrario. Reafirmounos nas ansias de ter as festas en paz, e unhas festas plenas. En canto o tempo mellore.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo