Novas

O PP invita aos lucenses a participar nun acto reivindicativo polos 365 días que leva pechado o novo Auditorio de Magoi

Mañá mércores 23 de xuño cúmprese un ano dende o acto de recepción por parte do concello de Lugo do novo auditorio de Magoi. O Grupo Popular quere visibilizar a urxencia de poñer en marcha esta infraestructura xa que, a medida que pasa o tempo, o edificio se deteriora por falta de uso.

Para visibilizar a necesidade de abrir esta dotación o Grupo Popular invita a todos os lucenses a participar nun acto  reivindicativo. Esta acción aberta á cidadanía terá lugar o mércores 23 de xuño ás seis e media da tarde. Os populares entenden que logo de que a Xunta investise 25 M€ nesta infraestructura hai que planificar como se vai xestionar e que contido se lle va a dar para que sexa unha referencia cultural do municipio e mesmo da provincia.

O voceiro do PP, Ramón Carballo, subliña que “creo que os veciños do concello de Lugo e tamén os de toda a provincia merecemos que se abra esta infraestructura” engadindo que agarda que pronto sexa “un magnífico escenario para a cultura”.

Repunte de casos covid na provincia logo dunha importante suba dos positivos detectados nas últimas horas

A covid segue sen estabilizarse na provincia de Lugo, a tres días de baixada de casos, séguelle, de novo, unha xornada de suba. Malia que non é un aumento moi acusado, retrotrae á provincia aos niveis do pasado sábado. 

E é que, segundo revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, a cifra de casos activos aumentou en 10 persoas, chegando ás 161. Esto débese hoxe en gran parte aos 16 novos positivos detectados, 7 máis que na xornada anterior, e ao descenso das altas médicas que se cifra en 6 nas últimas horas.

Así, dende o inicio da pandemia, na provincia de Lugo contaxiáronse do virus 13.117 persoas das que 12.735 xa recibiron a alta e outras 216 faleceron. 

Aumenta tamén hoxe a presión asistencial. E é que o HULA suma un ingreso en planta chegando aos 4 pacientes covid en unidades convencionais e un que continúa na UCI. 

Con todo, e malia suba dos contaxios os dous grandes cribados realizados na última xornada non atoparon ningún caso novo. Tanto o realizado en Castroverde a máis de 300 persoas logo de se detectar un gromo esta fin de semana vinculado a unha reunión familiar.  Neste caso, as pescudas iniciaron tras detectar once positivos na localidade e que logo afectou a veciños da capital. Con todo, dende a xerencia da área sanitaria precisan que a evolución dos gromos é estable e está acotada. 

Neste mesmo senso, a Deputación informaba esta mañá que as probas diagnósticas da covid realizadas a todos os traballadores da institución que tiveron contacto co cineasta Oliver Laxe nun acto realizado o pasado martes, deron todas negativo.

A ‘Lareira de soños’ de Pastora Veres

É un pracer e un privilexio compartir mesa con Pastora nun escenario tan digno, tan representativo da vida cultural como é o Ateneo Ferrolán.

Pas, traballadora social pola Universidade de Santiago e master en drogodependencias pola mesma institución académica, recorreu boa parte da comunidade galega empezando a súa andaina profesional polo Concello de Noia. Nun longo roteiro pasou por Vilagarcía, O Grove, Santiago, Lugo e tamén Neda e Ares, municipios da nosa comarca
ferrolá. Desde o ano 2005, presta os seus servizos na Consellería de Política Social na Coruña.

O feito de que Pas Veres optara polo traballo social considero que é un dato revelador das inquedanzas e do compromiso coa sociedade que agromou desde moi nova na nosa autora. Ademáis do que é o seu rol profesional, o seu modus vivendi, Pas leva de xeito paralelo o seu compromiso co labor comunitario e a defensa da cultura e tradición do rural, como fiel discípula do poeta Díaz Castro cuxa poesía abordaba a temática da humilde vida rural, como salientaba o seu amigo e ilustre polígrafo ferrolán Ricardo Carvalho. Na propia solapa do libro figura a súa participación, sendo máis nova, na Asociación de Veciños dos Vilares e na Romaría Labrega da Chaira e máis recentemente implicada tamén no proxecto cultural Os Vilares lareira de soños.

Estamos xa que logo diante dunha muller rica en valores humanísticos. Hai que engadir que Pastora, como boa chairega, é poeta. Na Chaira agroman os poetas e as poetisas como margaritas en primavera. Velaí o papel de impulsora, sumando forzas co seu home, Antón, da Nova Poesía Guitirica, movemento que en só seis anos cobrou unha notoriedade e prestixios extraordinarios. Precisamente, a semana paasada, a NPG ocupaba titulares na prensa por estar implicada no primeiro festival de poesía guitirica, en alianza co Concello daquela vila.

Pas, xornalista

Quero destacar igualmente un aspecto biográfico da autora de Lareira de soños, que non e tan coñecido. Pastora non é unha xornalista de profesión, pero sí de devoción. Acredito que é unha admiradora deste oficio, do que precisamente era un apaixonado vocacional o seu escritor de culto García Márquez, que decía que este era o mellor oficio do mundo.
Gabo escribía xa ben avanzada a súa idade: “No quiero que se me recuerde por Cien años de soledad, ni por el Premio Nobel sino por el periódico (…). Nací periodista y hoy me siento más reportero que nunca. Lo llevo en la sangre, me tira”.

Pastora se houbese seguido este camiño, sería hoxe unha magnífica profesional dun xornalismo máis ben literario e creativo. Non hai máis que ver como a autora manexa neste libro, cunha singular mestría, un dos xéneros máis prezados do xornalismo como é a entrevista, que ela desenvolve brillantemente a través da fórmula narrativa.

Se o traballo de campo foi arduo, peregrinando por rueiros e casas dos Vilares e máis alá trasladándose
a Bilbao e Barcelona onde vivían vilaregos que podían aportar valiosos testemuños de anos, armar literariamente todas esas conversas, todo ese material reunido na gravadora e nas libretas de apuntes foi un gran reto que Pastora  houbo afrontar cun magnífico resultado. Pas Veres con esa vea que ela posee de xornalista e poeta sabe manexar a palabra, contextualizar o relato e lograr o obxectivo final de despertar o interés de lectoras e lectores e sacar do anonimato as voces silenciadas do rural, como refire Luz Campello nun fermoso artigo que foi publicado en La Opinión de Coruña, a raíz de saír da imprenta a obra que nos trae aquí.

Díaz Castro-Carvalho Calero

Resolto o capítulo biográfico, desde a modestia e como cronista que fun desta cidade e comarca, ao longo de moitos  anos, e mesmo como prologuista da obra dou fe, levanto acta -xa se sabe que os xornalistas somos os notarios da actualidade- de que hoxe aquí neste histórico templo da cultura e do saber asistimos siquera sexa simbólicamente ao  feliz encontro dos Vilares de Díaz Castro e o Ferrol de Carvalho Calero. Foron desde os anos oitenta, grandes amigos, coa mediación de Alfonso Blanco Torrado, fundador de Xermolos e gran activista social e cultural, gran impulsor da candidatura de Díaz Castro ás Letras Galegas.

Un fito que agardo que máis pronto que tarde chegue a traducirse nunhas xornadas nas que se estude e divulgue a  relación destes dous literatos e intelectuais galegos.

O prólogo
É obrigado que faga unha referencia ao meu prólogo. Pas asinoume este honroso papel, un día tan sinalado como foi a xornada do 17 de maio de 2014 en Guitiriz onde se constituiu solemnemente a Real Academia Galega para entronizar no olimpo das Letras Galegas a Xosé María Díaz Castro. É curioso que a ela emprazouna para escribir o libro o poeta
Manuel María e a min emprazoume para escribir o prólogo a poeta Pas Veres. Foi unha decisión dela, pero se así non fose non sei se non llo acabaría pedindo eu. Semella, e por algo sería, que os poetas chairegos Manuel María e Díaz Castro, alá donde se atopen, convocaron aos astros para que se aliñaran con nós e foramos da man nesta viaxe, nesta lareira chea de soños que hoxe nos trae a Ferrol a súa autora.

O prólogo, amigas e amigos, permitiume algo tan elemental e desexado como reivindicar as miñas orixes vilaregas.  Cando escribin o texto tiven a sensación repetida de que estaba a facer algo de funambulismo. Costábame traballo manter o equilibrio entre o que me dictaba a cabeza e o que me facía escribir o corazón. Lembreime máis dunha vez  do recordado filósofo, tamén amigo nos últimos anos da súa vida, Carlos Gurméndez, tratadista das paixóns e os sentimientos. Gurméndez aborda na súa obra o dobre exercicio de sentimentalizar a razón no canto de racionalizar os sentimentos, ambas reaccións moi humanas, por outro lado. Pois por aí andiven eu con mellor ou peor fortuna cando me puxen a redactar o prólogo.

O libro: O retorno a Ítaca
Considero que Lareira de soños é en esencia unha especie de regreso a Ítaca da autora: Pas leva moitos anos indo dun lado a outro por razón do seu labor profesional. Adiviño que Pas quería sentir o orgullo e a fachenda de homenaxear ao seu particular macondo, de facer un xeneroso exercicio de vilareguía, e nunca de mellor maneira que construindo a historia dos seu recanto natal, historia que estaba por facer. Pas resolve con esta obra, de craro selo social e  antropolóxico, un compromiso moral, emocional e sentimental cun traballo que lega para futuras xeracións. A filla “errante” volve para poñer aos Vilares no mapamundi.

Do local ao global
É que estamos diante dunha mensaxe que está a  facer xa ese longo recorrido do local ao global non só en virtude da transmisión e divulgación que permiten as novas tecnoloxías senón porque, agás algunas particularidades, como é o caso da figura dos trapeiros, o que se conta neste libro vale para calquer outro territorio do rural: a supervivencia sometida ás estreiteces das economías familiares, a emigración, o salto do campo a industria, en definitiva, a loita na procura dun mellor estado de benestar, son fenómenos que se repiten en calquer punto do ancho e amplo cosmos do  rural.

O valor do testemuño oral
Pas Veres botou man do testemuño oral utilizando como ferramenta a entrevista. Este é un asunto que mereceu ao longos dos tempos moito debate por parte de especialistas na materia. Fronte aos que pelexaban por dar valor a oralidade situabanse aqueles que restaban fiabilidade a estas fontes. O caso é que desde Herodoto, do século V antes de Cristo, que se apoiou no relato oral para escribir as Guerras Médicas, pasando por Tucidides que se valeu deste recurso para narrar o conflicto do Peloponeso ata os anos sesenta do século pasado en que se deron os primeiros pasos na historia oral como metodoloxía do traballo, as fontes orais dunha maneira ou outra foron sempre utilizadas na investigación. Antes recordaba o traballo de Luz Campello sobre as voces silenciadas do rural, velaí que os expertos e defensores deste método sosteñen que a historia oral entraña un principio cal é o dar voz aos sin voz.

A fotografía na vertente antropolóxica
Hai un aspecto neste libro no que convén reparar. E o valor que a autora dá a fotografía. A propia portada do volume xa nos indica por onde van os tiros. É sabido que a fotografía é un medio de comunicación, pero dentro deste concepto xeralizado podense establecer clasificacións: a foto de prensa, a foto de estudo, a foto artística ou de ensaio e tamén a foto antropolóxica ou etnográfica, que é a que visualiza as persoas no seu entorno sociocultural: a familia, as festas, bodas, bautizos, enterros, labores do campo, oficios relixiosos, documentos que retratan a escenificación da vida no rural.

Aquí os fotógrafos ambulantes das primeiras décadas e mediados do século pasado xogaron un papel importantísimo. Lareira de soños ten ao meu ver o tratamento axeitado destes documentos gráficos. Sen deixar de botar man ao recurso máis moderno do audiovisual, un documental que fixeron uns mozos sobre a vida nos Vilares.

O relato: un exercicio de antropoloxía cultural

Por último, respecto a construcción do relato, Lareira de soños retrata a historia, as formas de vida, a cultura dos Vilares, como xa dixemos a través de pezas con personalidade propia, que fan máis doada a súa lectura. Cada  entrevistado conta a súa particular historia, o que viu e viviu, o que rompe a posible monotonía do relato lineal.

Lareira de Soños vén a ser un exercicio non campo concreto da antropoloxía cultural. Vemos como, fundamentalmente, a comunidade vilarega sobrevive ao longo do tempo grazas ao campo, as actividades de intercambio comercial, reflectidas nun movemento nomade, que vai de porta en porta en longos percorridos e períodos de tempo practicando unha sorte de oferta e demanda: leva trapos e pode retornar con diñeiro ou cousas materiais necesarias para a vida cotiá. A emigración e outro dos fenómenos que marcan, como noutros moitos pobos
galegos e españois, a vida dos Vilares.

“Traguerán os camiños algún día a xente que levaron” que dicía o noso poeta do Vilariño no poema maís coñecido Penélope. Recorriase tamén aos traballos temporais, como as segas de Castela, e , por outra banda, emerxían indicios de actividade endóxena que vai desde veciños que rompen co conformismo e lanzanse a determinados tipos de negocios: hostalería, fornos, canteiros, tecelás, xastres, músicos…Houbo veciños que marcharon e trunfaron, outros destacaron non mundo das letras e das artes. Todos aparecen nesta obra, que abrangue cronolóxicamente os séculos
XIX e XX.

A familia Castro-Tomé
Non podería rematar sen mostrar a miña gratitude por ver representada neste libro a familia Castro- Tomé. Por aí andan meu pai, miña nai, os irmans, tíos dunha estripe e outra e entre eles o meu avó paterno Nicolás que ten unha historia moi peculiar, como supoño que logo citará Pas.

Tanto polo lado dos Castro dos Manchás como polo dos Tomé de Lea foron familias moi numerosas que se dispersaron en boa parte polo mundo adiante en busca de mellor vida. Pois resulta que a Lareira de soños de Pas Veres  escubreme incluso datos dos meus parentes que eu descoñecía.

Sendo Ferrol a miña patria de nacenza, á que me entreguei en corpo e alma, no exercicio do xornalismo e,  modestamente, no campo da cultura a través do fundamentalmente do Club de Prensa, teño que manifestar co mesmo orgullo que polas miñas veas corre únicamente sangue vilarego.

Benquerida Pas, gratitude infinda.


Texto: Germán Castro Tomé.

27 axentes da Policía Local especialízase na atención ás vítimas de violencia de xénero

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso, abriron hoxe un curso especializado en violencia de xénero, que se está celebrando esta semana no Centro de Emprendemento Municipal (CEI Nodus), no que participan 27 efectivos da Policía Local.

Con esta formación, “os nosos efectivos policiais gañarán en recursos para unha mellor atención dun problema de tanto calado na nosa sociedade como é a violencia de xénero, porque non podemos obviar que no que vai de 2021 foron asasinadas unha vintena de mulleres en España, que o mes de maio e xuño foron especialmente negros e que son miles os casos que se atenden cada ano debido ás violencias que exercen contra as mulleres as súas parellas ou ex parellas”.

A rexedora lembrou que esta iniciativa é un paso máis para integrar a la Policía Local no VioGén, Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero, do Ministerio de Interior. “Sempre dixemos que avanzaríamos na nosa integración cando a Policía Local comezase a ter un número de efectivos suficientes, e xa estamos nesa situación”, aclarou.

Así mesmo, agradeceu a dispoñibilidade da Policía Local para incrementar a súa formación en igualdade e violencias de xénero ao participar un total de 27 axentes. Entre os obxectivos principais do curso destacan o de formar nos conceptos operativos sobre a violencia de xénero, facilitar ferramentas para a prevención e intervención coas vítimas, familiares e testemuñas, promover a capacitación e boas prácticas para aplicar estratexias idóneas en cada caso e identificar e priorizar riscos de violencia de xénero a nivel local.

“Cada hora en España preséntanse unha media de 15 denuncias por violencia de xénero, pero son moitos máis os casos de vítimas non detectados que continúan sen saír á luz por diversas razóns, pero co transfondo en todas elas da complexidade que rodea a este delito”, explicou a rexedora que fixo fincapé na importancia que ten para o Goberno local a formación das forzas e  corpos de seguridade.

O curso, será o 21, 22, 23 e 24 de xuño (as 3 primeiras xornadas presenciais e unha en liña) en horario de 09:00 a 14:00 horas. Co fin de garantir a calidade, idoneidade e acreditación da formación obtida, o curso será homologado de acordo co procedemento establecido pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Os socialistas do Caurel preguntarán polo acondicionamente de camiños municipais tralo incendio de Ferreirós de Abaixo

A Voceira Socialista de Folgoso do Caurel, Carmen Álvarez preguntará no vindeiro pleno pola limpeza dos camiños en Ferreiros de Abaixo, tralo incendio que aconteceu o pasado 12 de xuño. Este é xa o terceiro incendio que se produce en Folgoso do Courel este ano 2021, os que aconteceron entre finais de marzo e principios de abril, resultando un total queimado de 310 hectáreas.

Carmen Álvarez lembra que o Grupo Parlamentario Socialista xa rexistrou iniciativas na Cámara Autonómica sobre este asunto. Explica que o pasado sábado 12 de xuño declarouse un incendio en Folgoso do Courel, no que as nove da mañá o incendio xa calcinara 105 hectáreas e seguía activo, resultando un total queimado de 185 hectáreas, segundo a Consellería de Medio Rural das cales 40 son arboradas.

Ademais remarca que este lume comezaba na localidade de Ferreiros de Abaixo, acercándose perigosamente ás vivendas. E segundo a mesma fonte participaron nas tarefas de extinción trinta e dous brigadas forestais, once axentes, un técnico, catorce motobombas, unha pala, oito avións e dous helicópteros.

Así as cousas a Voceira Socialista argumenta que a Agrupación Socialista de Folgoso, “defendeu unha moción no pleno do mes de agosto de 2018, para que se crearan polo menos 2 brigadas antiincendios, 2 condutores de motobomba, e que se dote do material necesario para o desenvolvemento do seu traballo”.

Nesa liña tamén sinala que no pasado mes de decembro do ano 2020, insistiu noutra sesión plenaria, “na necesidade de acondicionar e limpar o camiño no pobo de Ferreirós de Abaixo, onde aconteceu este incendio”.

Parabéns da Deputación á tripla campioa de España de piragüismo, a monfortina Noa Díaz

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, felicitou este luns á tripla campioa de España de piragüismo, a monfortina Noa Díaz. Tomé Roca puxo en valor o traballo da padexeira do Montaña Quixós de Monforte de Lemos, que acadou tres medallas de ouro no Campionato de España de Descenso de Augas Bravas disputado esta fin de semana na canle de Sabero (León).

A deportista impúxose na categoría cadete de K-1 e nas modalidades de esprint e clásica en C-1 e K-1, respectivamente. O Presidente destacou que este triple título “é un orgullo para a provincia e un éxito froito da constancia e do traballo duro. Noa Díaz é unha das padexeiras máis prometedoras de Monforte e estao demostrando desde que é ben pequena”.

Tomé Roca animou a Díaz a que continúe esforzándose ao máximo porque “xa é un exemplo para moitos rapaces e rapazas da provincia de Lugo” e sinalou que “é importante para a xente nova ter, preto da casa, referentes nos que mirarse”. O Presidente tamén deu parabéns ao clube monfortino Montaña Quixós, “que leva tempo mimando moitísimo á súa canteira e agora ve recompensado o seu esforzo”.

97 socorristas cubrirán este verán as praias e piscinas de 36 concellos da provincia

A Consellería de Emprego e Igualdade informou hoxe aos concellos da resolución da orde de axudas que permitirá contratar a 97 persoas socorristas para traballar nos meses de xullo e agosto en 36 municipios lugueses.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a Administración galega colabora coas entidades locais da provincia achegando 315.200 euros para a contratación destes profesionais que teñen encomendadas tarefas de vixilancia en praias e piscinas. Son os concellos os que que teñen a competencia para realizar directamente os contratos.

En canto ao reparto por municipios, na Mariña a Xunta destina 190.400 euros para contratar 58 socorristas. Así, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove terán seis cada un, mentres que Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova e Trabada contarán con dous.

Pola súa banda, na cidade de Lugo a Xunta financia catro contratos cunha achega de 12.000 euros; e na Zona Sur dez, cun investimento de 30.900 euros -Pantón, Quiroga, O Saviñao e Sober terán dous socorristas cada un e Chantada e Taboada un-.

A Xunta tamén apoiará a contratación de socorristas nos municipios de Antas de Ulla, Guntín, Outeiro de Rei, Rábade, Meira, Riotorto, Cospeito, Guitiriz e Paradela -dous cada un-; e Abadín, Baralla, Láncara, Monterroso, Palas de Rei, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro -un cada un-.

Coa axuda que permite aos concellos contratar persoal para a vixilancia das praias, ofrécese tamén ás persoas desempregadas a oportunidade de adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo.

Muller e Igualdade reivindica o Orgullo LGTBIQA+ durante cinco días con danza, música, cine e contacontos

A área de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, anunciou no día de hoxe a programación con motivo do Orgullo LGTBIQA+ que se levará a cabo durante o mes de xuño. Serán 5 días de actividades lúdicas, de sensibilización e de reivindicación a través da danza, música, cine, contacontos, unha exposición gráfica e unha mesa redonda, entre outras accións.

Con esta iniciativa, o executivo de Lara Méndez busca facer partícipe á veciñanza na construcción de Lugo como cidade diversa, libre e igualitaria. É, polo tanto, “unha programación de festexos ao aire libre na que teñen cabida actividades para todas as idades en defensa dos dereitos das persoas LGTBIQA+ e da promoción da igualdade con eventos de dimensión artística e cultural pero tamén cun matiz pedagóxico, xa que primamos a mensaxe de respecto aos dereitos humanos e aos valores”, destacou a alcaldesa de Lugo.

Lara Méndez dará o pistoletazo de saída deste evento reivindicativo o 24 de xuño, ás 18.00 horas, nos xardíns da Muralla (Entre a Porta de San Fernando e a Porta Nova) cun arranxo floral composto por flores de tempada das 6 cores que conforman a bandeira LGTBIQA+.

O venres, de 17:30h a 19:30h, realizarase un obradoiro no que se ofrecerán diferentes técnicas para a elaboración de deseños e consignas contra a LGTBIFOBIA. Todas as propostas fomentarán a parte máis creativa das persoas participantes dun xeito dinámico e todos os asistentes recibirán un lote individual de materiais.

Ás 20.30 o colectivo Agrocuir da Ulloa dará o pregón na carpa instalada na explanada do Pavillón Municipal e seguidamente os asistentes gozarán dunha sesión musical con DJ Frisco e Marcos Peón.

O sábado, 26 de xuño, ás 18:00 horas, o Colectivo ALAS de Lugo coordinará a mesa redonda, ‘A importancia da educación e tolerancia LGTBI no ensino’ na que participarán os psicólogos Noelia Pastor Peño e Adrián Rodríguez López ademais de membros de ALAS. Ás 19:30h proxectarase o documental, Noite Irisada, un relato da loita dos colectivos LGTBI en Galicia, que foi nomeado aos Premios Mestre Mateo do ano 2020 e está dirixido pola viguesa Bea Vázquez Campaña.

O domingo, inaugurase a exposición ‘Universos Diversos’, da ilustradora Laura Tova, coordinada por aQde, que reúne unha serie de obras que tratan como tema central a liberdade de ser, facendo esta alegoría a través do protagonismo das personaxes fusionando as mesmas sempre con elementos naturais. En total serán 10 obras, das que 3 son pezas cerámicas. Ás 12.30h os máis pequenos poderán gozar dun espectáculo infantil, sobre a diversidade ‘Os contos da tía Ramira’, guiado por Raquel Cendán. E xa en sesión de tarde ás 20.30h Las Antonias protagonizarán un concerto ‘ao ritmo dunha escena de risa obscena’.

Para finalizar a completa programación, o luns terá lugar un acto institucional diante da Casa Consistorial, presidido polo Alcaldesa de Lugo, que inclúe a lectura dun manifesto, o izado da bandeira e finalizará cunha solta de globos biodegradables.

I Maratón de Fotografía Orgullo LGTBIQA+ 2021

O I Maratón de fotografía, coincidirá coa celebración da programación. As fotografías presentadas terán que ser realizadas durante a celebración das distintas actividades que compoñen a programación de dita conmemoración.

Falecido na Fonsagrada un condutor tras envorcar o vehículo que conducía

Falece un condutor na Fonsagrada logo de saírse da vía co vehículo que conducía. O condutor e único ocupante do vehículo saíuse da vía cando circulaba ao seu paso polo lugar de Cabreira, en Monteseiro, no concello lucense da Fonsagrada. Dez minutos antes das sete da tarde de onte, un particular contactaba co 112 Galicia para informar dun coche envorcado na estrada que une A Fonsagrada e Grandas. Advertía que, posiblemente, a persoa estaba no interior do vehículo.

De inmediato, o 112 puxo os feitos en coñecemento do persoal do Servizo do 061, dos Bombeiros de Sarria e da Garda Civil de Tráfico. Nada máis chegar ao punto, os axentes confirmaron o falecemento do condutor. Indicaron ademais que a persoa estaba accesible polo que tampouco era preciso o uso do material de excarceración. 

O Sagrado Corazón “non admite ningún punto do trazado das novas liñas de bus”

A veciñanza do Sagrado Corazón e da súa área de influencia, “non admite ningún punto do deseño e trazado das liñas de Autobuses Urbanos definido de forma arbitraria e sen consulta previa, nin presentación algunha nin opción de alegacións aos cidadáns de Lugo”. Así o informa unha nota aos medios remitida pola Federación Veciñal Lucus Augusti e que asegura que a veciñanza do barrio non acepta as novas conexións.

“Non temos coñecemento do novo convenio que modifica o servizo de buses, as súas condicións, quen o aprobou (a pesar dos cambios levados a cabo), temos que ter en conta que como servizo público ten que estar moi claro, xa que está en xogo do diñeiro dos cidadáns de Lugo, e queremos coñecer tamén o seu custo incluíndo comparativa entre o novo Plan e o anterior, derrogado con escurantismo total”, aseguran dende a Federación.

A Federación, ademáis, asegura que non “da como aceptable” o novo Plano de Liñas impreso en papel e que tildan de “non interpretable” pola mioría da cidadanía que “non é capaz de ler o nome das paradas ás veces nin con lentes, tampouco o sentido de circulación dos buses nin o xeroglífico que substitúe ao mapa da cidade”.

Unhas duras críticas da cidadanía ás novas liñas de autobús que, din, “parece feito aposta para tomar o pelo a quen tente tomar un bus”.

“Non é certo que se tentou dar un mellor servizo cun recorte de tempo entre buses, xa que en varios casos estes tempos están ao redor dos 50 minutos ou unha hora. Non admitimos a eliminación de liñas en sentido subida por Venancio Senra para acceso ao Polígono Sagrado Corazón e As Gándaras (liña 7ª) nin a liña que levaba ao Cemiterio, nin que algúns servizos sexan un percorrido turístico por varios roteiros do concello”.

A Federación, co respaldo da veciñanza do Sagrado Corazón, esixen ao Goberno local que se dispoña de “polo menos 3 áreas de transbordo” en paradas deseñadas para enlazar toda a cidade e “cunha formulación clara de transbordos gratuítos”.

Para a federación “este foi un proxecto pantasma” dado que só atende á cidade de Norte a Sur, e consideran que non ten en conta as necesidades da poboación e dos barrios. “Podemos dicir que o Sagrado Corazón está agora incomunicado co resto da cidade e dos servizos”.

“O Plan de buses urbanos debe volver ao seu inicio, escoitar aos cidadáns, presentalo e escoitar todas as alegacións, xa que esta chapuza de proxecto non vale para a cidade”, esixe a federación quen avanza que “de non ser escoitados, os cidadáns debemos saír á rúa a manifestarno e a esixir a súa retirada inmediata, poñendo provisionalmente a funcionar o vello plan de urbanos”.

“Se non saben facelo, abandonen as súas ideas; do contrario se non teñen presuposto paraampliar o servizo ás necesidades de Lugo, búsqueno, esa é a súa obriga. Nós non somos tontos nin plañideiras”, conclúen.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com