O Sagrado Corazón “non admite ningún punto do trazado das novas liñas de bus”

A veciñanza do Sagrado Corazón e da súa área de influencia, “non admite ningún punto do deseño e trazado das liñas de Autobuses Urbanos definido de forma arbitraria e sen consulta previa, nin presentación algunha nin opción de alegacións aos cidadáns de Lugo”. Así o informa unha nota aos medios remitida pola Federación Veciñal Lucus Augusti e que asegura que a veciñanza do barrio non acepta as novas conexións.

“Non temos coñecemento do novo convenio que modifica o servizo de buses, as súas condicións, quen o aprobou (a pesar dos cambios levados a cabo), temos que ter en conta que como servizo público ten que estar moi claro, xa que está en xogo do diñeiro dos cidadáns de Lugo, e queremos coñecer tamén o seu custo incluíndo comparativa entre o novo Plan e o anterior, derrogado con escurantismo total”, aseguran dende a Federación.

A Federación, ademáis, asegura que non “da como aceptable” o novo Plano de Liñas impreso en papel e que tildan de “non interpretable” pola mioría da cidadanía que “non é capaz de ler o nome das paradas ás veces nin con lentes, tampouco o sentido de circulación dos buses nin o xeroglífico que substitúe ao mapa da cidade”.

Unhas duras críticas da cidadanía ás novas liñas de autobús que, din, “parece feito aposta para tomar o pelo a quen tente tomar un bus”.

“Non é certo que se tentou dar un mellor servizo cun recorte de tempo entre buses, xa que en varios casos estes tempos están ao redor dos 50 minutos ou unha hora. Non admitimos a eliminación de liñas en sentido subida por Venancio Senra para acceso ao Polígono Sagrado Corazón e As Gándaras (liña 7ª) nin a liña que levaba ao Cemiterio, nin que algúns servizos sexan un percorrido turístico por varios roteiros do concello”.

A Federación, co respaldo da veciñanza do Sagrado Corazón, esixen ao Goberno local que se dispoña de “polo menos 3 áreas de transbordo” en paradas deseñadas para enlazar toda a cidade e “cunha formulación clara de transbordos gratuítos”.

Para a federación “este foi un proxecto pantasma” dado que só atende á cidade de Norte a Sur, e consideran que non ten en conta as necesidades da poboación e dos barrios. “Podemos dicir que o Sagrado Corazón está agora incomunicado co resto da cidade e dos servizos”.

“O Plan de buses urbanos debe volver ao seu inicio, escoitar aos cidadáns, presentalo e escoitar todas as alegacións, xa que esta chapuza de proxecto non vale para a cidade”, esixe a federación quen avanza que “de non ser escoitados, os cidadáns debemos saír á rúa a manifestarno e a esixir a súa retirada inmediata, poñendo provisionalmente a funcionar o vello plan de urbanos”.

“Se non saben facelo, abandonen as súas ideas; do contrario se non teñen presuposto paraampliar o servizo ás necesidades de Lugo, búsqueno, esa é a súa obriga. Nós non somos tontos nin plañideiras”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com