O sinistro, no que se viron implicados tres vehículos, produciuse na CG-2.2, á altura de Anseán
Unha persoa faleceu, dúas resultaron feridas de consideración e outras seis sufriron lesións leves nun accidente de tráfico múltiple rexistrado na tarde deste venres no concello de O Corgo. No sinistro víronse implicados tres vehículos, un dos cales quedou envorcado.
Segundo informou o 112 Galicia, o accidente produciuse no quilómetro 7 da vía CG-2.2, ao seu paso pola parroquia de Anseán e en dirección a Monforte.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibiu o primeiro aviso arredor das 18.00 horas. Un particular chamou para solicitar axuda e explicou que se producira unha colisión entre tres vehículos. Posteriormente, outros alertadores tamén se puxeron en contacto co servizo de emerxencias.
O 112 Galicia mobilizou de inmediato o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Sarria e a Garda Civil de Tráfico. Tamén foron informados o persoal encargado do mantemento da estrada e os profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, ante a gravidade do suceso.
Unha vez no lugar, os equipos sanitarios confirmaron o falecemento dunha persoa. Outras dúas sufriron feridas de consideración, mentres que seis persoas máis resultaron feridas leves.
As autoridades non facilitaron polo momento información sobre a identidade das vítimas nin sobre as circunstancias concretas nas que se produciu o accidente.






