Novas

ADEGA-Lugo limpará de lixo o río Rato este domingo no marco da Limpeza Simultánea de Ríos

 ADEGA-Lugo coordinará unha xornada de limpeza no río Rato o próximo domingo, 29 de setembro, no marco da Limpeza Simultánea de Ríos organizada pola asociación ecoloxista e pola súa iniciativa Proxecto Ríos ao longo de toda a xeografía galega. 

 O punto de encontro será ás 9:30 horas na entrada principal do parque de Albeiros e está previsto o remate da actividade para as 13:00 horas. Para participar é necesario inscribirse previamente a través do correo electrónico adegalugo@adega.gal. 

 Ademais, a UNED Lugo e Coidemos Lugo organizan outra limpeza simultánea no río Miño. Neste caso, o punto de encontro será a entrada da UNED ás 11:00 h. A actividade está previsto que remate ás 14:00 h. Para participar tamén é necesario inscribirse a través da seguinte ligazón: https://extension.uned.es/actividad/idactividad/39417

 Todo o voluntariado, tanto nunha coma noutra limpeza, será agasallado cunhas camisolas co lema da limpeza “Móllate polos ríos”. 

Limpeza Simultánea e Proxecto Ríos

 A Limpeza Simultánea de Ríos pretende divulgar as chaves para realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Neste sentido, ademais de poñerse mans á obra para limpar os ríos, ADEGA repartirá entre o voluntariado un Protocolo de Limpeza de ríos que tamén se pode descargar na web de ADEGA. 

 Calquera persoa particular interesada no voluntariado ambiental pode unirse a esta Limpeza Simultánea de Ríos poñéndose en contacto coas propias entidades locais que artellen limpezas na súa localidade. Nesta ligazón da web de Proxecto Ríos pódese consultar a listaxe destes concellos e asociacións organizadoras xunto cos seus datos de contacto, no caso de todos aqueles grupos que non estean xa pechados. Esta acción está financiada por Augas de Galicia.

O Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por ADEGA, é unprograma de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación.

A RAG insta as autoridades galegas a executaren as recomendacións de acción inmediata do Consello de Europa para a Lingua Galega

No Día Europeo das Linguas, a Real Academia Galega insta as autoridades galegas a executaren as recomendacións de actuación inmediata sinaladas no sexto informe da comisión de expertos do Consello de Europa encargada de analizar o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias en España. Na liña do que a RAG ten reivindicado en repetidas ocasións, o documento que acaba de vir a lume reclama con respecto ao galego, entre outras medidas, a eliminación das limitacións que impiden empregar a lingua do país como vehicular en materias de ciencias e garantir que o ensino en galego estea dispoñible en todos os niveis. O texto chama asemade a atención sobre a vulneración da Carta por parte da administración da xustiza e denuncia a falta de medidas para protexer o galego falado fóra de Galicia, en Asturias, Castela e León e Cáceres.

“O Día Europeo das Linguas ofrece un motivo de celebración, mais tamén de reflexión e de reivindicación da plenitude de recoñecemento e dereitos para as persoas que falamos linguas europeas en situación de vulnerabilidade. As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa, que sinala vías moi acaídas cara a unha política lingüística eficaz, imprescindible para garantir o porvir do noso idioma”, conclúe o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo, na tribuna publicada na páxina web da institución.

O académico debulla neste artigo as principais conclusións do informe do Consello de Europa sobre o grao de cumprimento dunha Carta que compromete os estados que a ratifican a desenvolveren un conxunto de medidas de defensa e promoción das linguas faladas nos seus distintos territorios, así como de salvagarda dos dereitos dos seus falantes. “Por exemplo, no campo da educación, España obrigouse a establecer unha liña educativa en galego, catalán e éuscaro desde o ensino infantil ata a Universidade, previsión que nunca se cumpriu no noso caso. (…) A inexistencia de tal liña educativa en galego foi reiteradamente denunciada por ese Comité, que, coherentemente, criticou con dureza o Decreto chamado do Plurilingüismo, aprobado pola Xunta de Galicia en 2010 e vixente aínda na actualidade”, concreta.

O comité de expertos urxe tamén a que se adopten medidas para garantir o uso do galego nos centros sociosanitarios e que as persoas galegofalantes poidan relacionarse en galego coas dependencias locais da Administración do Estado. Canto ás autoridades xudiciais, Henrique Monteagudo considera que son “as primeiras en incumprir a Carta” e recorda que o último informe do Consello de Europa é especialmente enfático en volver a esixir que os tribunais leven a cabo os procedementos penais, civís e administrativos en galego a instancia de parte.

Sobre o galego nas comarcas estremeiras, o documento recomenda con respecto ao galego de Asturias ou galego-asturiano o seu recoñecemento como lingua oficial no Estatuto de Autonomía da comunidade veciña, medidas para o seu uso na educación infantil, o incremento da súa presenza na secundaria ou o aumento do seu uso nos medios de comunicación. Para o caso do galego en Castela e León, falado no Bierzo e na comarca de Seabra, entre as principais recomendacións o comité de expertos apunta tamén a necesidade de que se desenvolva o seu uso nos medios, así como  a creación dun mecanismo de asesoramento para as autoridades en todo o relativo ao galego e que se dote dun financiamento específico as organizacións que apoian a súa protección e promoción. Para a Fala de Cáceres, propóñense medidas na mesma liña, ademais do apoio aos traballos iniciados para a elaboración dunha ortografía común da Fala.

Reunión do Consello das Linguas Oficiais e acto no Congreso

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participará este xoves no acto conmemorativo do Día Europeo das Linguas que terá lugar no Congreso dos Deputados (16:00 horas), un ano despois de que o Parlamento español recoñecese plenamente o uso do galego, o catalán e o éuscaro nas súas sesións e documentos. Esta celebración foi promovida polo Consello de Europa en 2001 co propósito de impulsar o multilingüismo na convicción de que a diversidade lingüística é unha ferramenta fundamental para lograr unha maior comprensión intercultural e un elemento esencial do rico patrimonio cultural europeo.

A Real Academia Galega tamén estará presente na oitava reunión do Consello das Linguas Oficiais da Administración Xeral do Estado. Henrique Monteagudo representará a institución no encontro convocado polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que se desenvolverá na Universitat d’Alacant.

San Martín de Vilelos, no Saviñao, celebra o venres o Folión das Fachas

A parroquia de San Martiño de Vilelos, no Saviñao, prepara unha nova edición do Folión das Fachas de Vilelos, que se celebra o venres 27 de setembro.

A Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos mantén viva unha tradición ligada nas súas orixes á celebración das colleitas e que chegou á actualidade como un anuncio do inicio das festas da parroquia. Coas fachas de agucios prendidas e con acompañamento musical, os veciños e veciñas suben en procesión desde a aldea ata a cima do castro da Besta, onde o ritual de lume e música pode ser albiscado desde as parroquias veciñas.

Vilelos é, xunto a Castelo, en Taboada, e Castro Caldelas, en Ourense, un dos poucos lugares de Galiza onde se conserva esta manifestación cultural, explican desde a organización, na que participan diferentes xeneracións de veciños e veciñas da parroquia e na que destaca o impulso das máis novas, “moi orgullosas” da tradición herdada.

A noite iniciarase cunha pancetada popular ás 22.00 horas, que reunirá á veciñanza na Besta. O Folión comezará ás 00.00 horas, co prendido das fachas que alumearán a subida e a volta ao castro. A festa continuará coas actuacións de Searas, Cadela Asasina e Catuxa Salom

Pechan os parques da cidade por mor do temporal

A partir desta tarde a Área de Transición Ecolóxica está a realizar o peche dos parques da cidade ante a chegada dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo, por ventos do suroeste que poden deixar refachos de ata 80 km por hora e que afectarán a toda Galicia.

Dende Transición Ecolóxica explícase que operarios dos servizos municipais precintarán, por tanto, os parques de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela, quedando prohibida a entrada aos mesmos dende ese momento.

Ademais, faise un chamamento á cidadanía para pedirlle que respecten estas limitacións, evitando correr riscos innecesarios para non poñer en perigo a súa seguridade.

Lugo construirá o primeiro cemiterio público de mascotas de Galicia

A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, anunciou que o Goberno de Lugo vén de adxudicar o contrato para construír un cemiterio destinado a mascotas e animais de compañía na contorna do actual cemiterio municipal, nunha parcela anexa duns 800 metros cadrados de extensión.  Trátase do primeiro cemiterio público de mascotas que se instalará en Galiza.

O novo espazo será pechado perimetralmente, e a zona interior será axardinada e contará con bancos e elementos que permitan crear un espazo íntimo para a lembranza dos animais falecidos. O novo cemiterio terá espazos para gardar as furnas dos animais incinerados, xunto cunha zona para gardar a chapa ou a cadea do animal. Esta actuación, que se realizará priorizando o uso de materiais naturais e usará deseños respectuosos coa contorna, e contará cunha capacidade inicial de 320 mascotas en columbarios individuais para furnas, xunto cun espazo onde depositar cinzas. O novo cemiterio de mascotas contará con zonas de sombra ao plantar 19 árbores en toda a contorna, e contará con bancos, mentres que os espazos de paseo da contorna estarán decorados con pegadas de animais feitas en formigón.

A caída dunha árbore bloquea a estrada do Rato

Á primeira hora da mañá do día de onte, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo desprázanse á estrada do Rato xa que se produciu a caída dunha árbore sobre a calzada que cortaba completamente a circulación en ambos os sentidos, procedendo as patrullas para sinalizar a zona e desviar o tráfico, requirindo a presenza do Servizo de Bombeiros que procede a retirar a árbore, quedando restablecida a circulación.

 

Fotografía facilitada pola Policía Local de Lugo.

Este mércores a AEMET activa a alerta amarela por choiva e vento forte en toda a provincia

Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) sinala un empeoramento das condicións meteorolóxicas en toda a comunidade a partir das 12:00h de maña mércores cando un río atmosférico deixará abundante choiva e forte vento.

Na Mariña os ventos poden acadar os 90 Km/h, mentres que no centro e montaña alcanzaran os 80 km/h.

Asemade as choivas poden acadar os 15 litros por metro cadrado nunha hora dende primeira hora da tarde do mércores.

O Concello e o CHMS acordan unir os parques do Miño e o Rato creando unha zona verde

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, anunciaron esta mañá que o Concello e o Ente autónomo unirán os parques do Rato e do Miño creando unha nova zona verde paralela ao río. Esta colaboración interadministrativa plasmarase nun convenio xa redactado polo que o Concello cederá os terreos necesarios e o Organismo de Conca asumirá a redacción e execución do proxecto para logo ceder a nova dotación á Administración local, quen se encargará do seu mantemento e conservación.

A actuación ten como obxectivo optimizar a mobilidade na zona periurbana e entre outras actuacións contempla mellorar a biodiversidade, crear unha barreira natural coa N-VI e habilitar unha nova senda de 600 metros de lonxitude que discorre paralela ao río e a través da que se conectarán os parques do Rato e do Miño para completar así un itinerario transitable que actualmente xa dispón de máis de 30 quilómetros de carreiros conectados.

A Concellería de Educación entrega os vales para a compra de libros de texto e material escolar

A Concellería de Educación  anunciou que vén de iniciarse a entrega dos vales da Concellería de Educación destinados a libros de texto e material escolar.

A concelleira responsábel de Educación entregará 400 cheques de 100€, ata completar un total de 40.000€ adicados a esta liña de axudas. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope no 85% do IPREM. En total, a concellería de Educación atendeu a 723 solicitudes para estas axudas.

As listaxes definitivas poden consultarse no taboleiro de anuncios do concello e na web municipal, e a recollida de vales realizarase nas oficinas de Educación no Centro Uxío Novoneyra.

A produtora Baños Films recibe unha placa homenaxe no Paseo do Cine de Lugo

A semana de Cine de Lugo arrincou onte a súa 46ª Edición cunha placa homenaxe no Paseo do Cine, á distribuidora cinemátografica Baños Films, primeira homenaxe da Semana de Cine de Lugo que se realiza en recoñecemento dos máis de 70 anos de historia desta distribuidora viguesa fundada por Emilio Baños e que abasteceu de películas durante todos estes anos ao festival.

O acto de inauguración da placa do Paseo do Cine, situado na entrada do Parque da Milagrosa, abre a edición 2024 da Semana de Cine.  A inauguración oficial tivo lugar a partir ás 22:00 no Auditorio Gustavo Freire coa primeira proxección da selección oficial, “A maxia da Música”, que contará coa actuación da banda Sons e Soños.

En total, ao longo da semana proxectaranse nas distintas instalacións 147 películas, cun ciclo específico de cinema feito en Galiza.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com