A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, anunciaron esta mañá que o Concello e o Ente autónomo unirán os parques do Rato e do Miño creando unha nova zona verde paralela ao río. Esta colaboración interadministrativa plasmarase nun convenio xa redactado polo que o Concello cederá os terreos necesarios e o Organismo de Conca asumirá a redacción e execución do proxecto para logo ceder a nova dotación á Administración local, quen se encargará do seu mantemento e conservación.
A actuación ten como obxectivo optimizar a mobilidade na zona periurbana e entre outras actuacións contempla mellorar a biodiversidade, crear unha barreira natural coa N-VI e habilitar unha nova senda de 600 metros de lonxitude que discorre paralela ao río e a través da que se conectarán os parques do Rato e do Miño para completar así un itinerario transitable que actualmente xa dispón de máis de 30 quilómetros de carreiros conectados.