" />

Novas denuncias da Policía Local de Lugo polo incumprimento do Estado de Alarma

A Policía Local de Lugo continúa o seu labor de control e axuda durante estes días de confinamento por mor do Estado de Alarma e tamén a intervir por Infraccións á Lei de Protección de Seguridade Cidadá.

Durante a pasada fin de semana efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio e da Unidade de Atestados, realizaron diferentes controis tanto estáticos como itinerantes para, tal e como establece o Real Decreto que declara o Estado de Alarma, comprobar e no seu caso impedir que se leven a cabo servizos e actividades suspendidas, así como velar polo cumprimento das limitacións sobre a circulación de persoas e vehículos.

Estes controis, deron como resultado, o levantamento de 26 actas de infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá e mesmo á detención dun home por resistencia e desobediencia grave aos axentes da autoridade.

Un dos denunciados atopábase nunha parcela próxima á rúa Xoan Diego realizando labores agrícolas a varios quilómetros do seu domicilio, sen causa que o xustifique. Neste punto hai que lembrar que se establece un límite de 500 metros desde o seu domicilio habitual para realizar estes labores.

Tamén a  Unidade de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, cando realizaba tarefas de vixilancia tivo que actuar na rúa Montero Ríos, xa que unha parella estaba a tomar o sol nun banco. Os axentes interrogan o motivo polo cal se atopaban nese lugar e unha vez identificados e, ao comprobar que residen na localidade de Guitiriz e que non xustifican motivo para atopase na vía pública, infórmaselles de que van ser propostos para sanción por infracción grave á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, ordenándolles que se dirixan aos seus domicilios.

Pasados uns minutos recíbese unha chamada no 092 na que persoal dun supermercado denunciaba que unha parella estaba no interior do establecemento manipulando os alimentos, sen as medidas de hixiene e sen gardar a distancia de seguridade facendo caso omiso ás indicacións do persoal do establecemento. Os axentes personados no lugar, comproban que se trata da mesma parella denunciada con anterioridade e que desobedecera as ordes dadas, negándose o home a saír e, proferindo insultos contra o Goberno e os policías, motivo polo cal foi detido e trasladado a dependencias policiais onde se lle instruíron dilixencias que foron trasladadas ao Xulgado de Garda.

Asemade, a  Policía Local de Lugo acudiu a unha vivenda da Avenida de Fontiñas para auxiliar a un home de avanzada idade que se caera da cama e tamén auxiliaron a unha muller en Camiño de Pipín que se caeu na vía pública, ao parecer como consecuencia da embriaguez que presentaba. Os axentes comprobaron que se fixera unha ferída na cara e unha ambulancia trasladou á muller ao HULA .

Noutra actuación, levantaron acta por infracción á normativa de Protección Ambiental por molestias causadas polo volume excesivo dunha videoconsola, e o ton excesivo de voz humana, que xeraba unha veciña dun edificio da Avenida de Garabolos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo