Novo bus de Muras a Viveiro os martes e xoves laborables polas mañás

A Xunta de Galicia mellorará a conexión en transporte público entre Muras e Viveiro cunha nova ruta de autobús que funcionará os martes e os xoves laborables en horario de mañá.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que o autocar sairá de Muras ás 7.45 horas e o regreso será ás 15.15 horas na mesma liña que xa vén cubrindo o traxecto de Viveiro a Lugo de luns a venres, que inclúe varias paradas no concello de Muras.

O servizo comezará a funcionar o próximo martes e terá unha duración de 40 minutos, coas mesmas paradas que a ruta ordinaria Lugo-Viveiro, que polas mañás sae da capital luguesa ás 9.00 horas e chega ao concello mariñán ás 11.45.

Arias explicou que a medida responde a unha demanda de veciños e veciñas de Muras que pedían facilidades para viaxar máis cedo en días laborables a Viveiro, a onde teñen que desprazarse a miúdo para realizar trámites administrativos, por motivos de traballo ou para facer uso de servizos ou equipamentos situados nese municipio.

O delegado destacou que a Xunta traballa na procura de solucións “para que o servizo de transporte público se adapte ás necesidades percibidas en cada momento e teña en conta as particularidades de cada zona”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com