" />

Novo descenso de casos e positivos logo dunha fin de semana de retroceso significativo

A Covid 19 volve dar respiro hoxe na provincia. Logo dun venres de moita baixada de infeccións activas e con tan só 3 positivos, durante a fin de semana o virus volveu atacar significativamente na provincia retrocedendo as boas cifras ata volver ás 212 infeccións activas con ata 21 positivos detectados por PCR o sábado.

Malia que seguían sendo cifras baixas, rompían unha tendencia de baixada moi necesaria, sobre todo, no tocante á presión asistencial que volvía elevarse ata rondar as preto de 30 persoas ingresadas entre unidades convencionais e as de críticos.

A boa nova é que no último informe do SERGAS con datos recompilados ata as 6 da tarde de onte, as cifras volveron ao seu cauce e todos os baremos relativos á covid volveron ao descenso agás a presión hospitalaria. Así, se rexistraron un total de 203 infeccións activas, 7 por baixo das rexistradas o venres. Tamén descenderon significativamente os contaxios con tan so 9 positivos detectados por PCR, moi lonxe dos 12 da xornada anterior ou os 21 informados o sábado. 

Doutra banda, a presión asistencial mantense nas mesmas cifras acadadas a fin de semana, o que non é de estranar pois tende a ser o baremo ao que máis lle costa descender. Así, na última xornada rexistrábanse un total de 19 persoas en plantas de hospitalización e 6 na UCI do HULA. 

No tocante aos falecementos, de novo, esta fin de semana non hai que lamentar ningún. Pola outra banda, si hai que celebrar as 11462 persoas que xa superaron o virus na provincia. 

Estes datos nunha fin de semana na que comezaba a vacinación das persoas de entre 50 e 55 anos na nosa Comunidade. Así, segundo informou Sanidade, durante o sábado, 1981 lucenses desa franxa de idade recibiron a primeira dose de AstraZeneca a un ritmo dunhas 5 persoas por minuto. 

Unha vacinación que se facía ao mesmo tempo que varios cribados na provincia. O realizado en Sarria en torno ao gromo detectado nunha granxa, suma xa uns 20 casos e afecta tamén aos concellos de Láncara e Samos. Un gromo que preocupa aos expertos pola rapidez coa que se extende e as dificultades de rastrexo, ao que hai que engadir que parte dos citados a estes cribados non se presentan á cita da PCR. O Sergas está agora reprogramando as probas diagnósticas dos posibles casos que non se presentaron; ao tempo que axenda a novos contactos estreitos. Sanidade fai un chamamento aos citados para que acudan ás probas e contribúan a cortar novas cadeas de transmisión

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo