" />

Novo descenso importante dos casos activos de covid19 na provincia

Nova xornada de descenso de casos activos de covid na provincia de Lugo e xa van 5. Ao importante aumento das altas médicas hai que sumarlle tamén un gran descenso dos positivos detectados nas distintas probas diagnósticas, o que deixa a cifra de infeccións activas cada vez máis preto das 200 persoas.

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que cifra os casos activos en 208, moi por baixo dos 224 da xornada anterior ou os 250 que se daban o pasado xoves cando a curva de casos comezaba o seu descenso. 

Baixan tamén, moito máis levemente, os novos casos detectados nalgunha das probas diagnósticas, e é que nas últimas horas tan só 6 persoas arroxaron un resultado positivo, mentres que a tendencia deste baremo na pasada semana superaba os 10 positivos diarios. 

En canto á presión asistencial, os datos mativéronse unha xornada máis. Lugo conta cun total de 8 ingresados, dous deles na UCI do Hula e os 6 restantes repartidos entre as plantas de hospitalizacións dos diferentes hospitais públicos da provincia. Así, o HULA suma 3 pacientes, o Hospital da Mariña hoxe contaba cun só paciente covid e o de Monforte rexistra un total de 2. 

Dende o inicio da pandemia, na nosa provincia recuperáronse do virus 12.545 persoas, 23 só na última xornada. Pola contra, 216 persoas faleceron na provincia tras contaxiarse da covid19. 

No tocante ao cribado realizado onte na residencia de Sarria onde unha traballadora da quenda nocturna resultara positivo en PCR, tan só arroxou outro positivo. Se ben entre os traballadores da quenda nocturna non se atopou ningún caso de covid, o cribado realizado onte concluíu cun só positivo entre os maiores. O resto dos participantes no cribado, maiores e empregados da residencia, resultaron todos negativos. Nos vindeiros días, Sanidade realizará outro cribado a todo o centro para confirmar a ausencia de virus. 

E todo isto o día no que o Goberno central recúa e da a razón ás comunidades autónomas no relativo ás medidas de desescalada en hostalería e ocio nocturno. Dende a consellería de Sanidade confirmaron hoxe que o conselleiro, Julio García Comesaña, recibiu na tarde de onte unha chamada do Ministerio para escoitar os seus argumentos contra a decisión do Executivo Central. O obxectivo do Goberno, parece que é sondear aos conselleiros sobre a posibilidade de aprobar mañá outro documento distinto no que as restricións para bares e restaurantes deixen de ser de obrigado cumprimento para converterse en recomendacións. A Xunta, pola súa banda insiste na necesidade de pór límites horarios ás discotecas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo