Nun comunicado sobordado de sarcasmo a central sindical CC.OO felicita a PSOE e BNG pola “creación dunha piscina elevada na Escola Infantil Gregorio Sanz”

O comunicado comeza co seguinte texto:”dende a central sindical CC.OO queremos trasladar o noso máis entusiasta recoñecemento ao PSOE e ao BNG, pola súa aposta decidida pola innovación educativa e polo turismo acuático local: a creación dunha piscina na cuberta da Escola Infantil Gregorio Sanz”.

A central sindical cualifica de “unha infraestrutura pioneira, que se activa automaticamente cada vez que chove —é dicir, en Lugo case a diario— e que permite ao centro gozar dunha grosa lámina de auga constante no tellado, con filtracións gratuítas incluídas no interior das aulas. Un exemplo de eficiencia hídrica: a auga entra por riba, baixa soa e reparte por onde pode”.

“Grazas a esta instalación, xa non é necesario que as crianzas se despracen a ningunha piscina municipal. A experiencia acuática chega directamente ás aulas, aos corredores e, ás veces, ata aos cubos colocados estratexicamente polo persoal para recoller a chuvia. Educación integral, sen dúbida”. Subliña CC.OO.

“Diante desta marabilla arquitectónica, entendemos que outras cuestións menores pasan a un segundo plano, como por exemplo: arranxar unhas goteiras que levan anos convertendo a escola nun espazo multiusos (aula, piscina, humidadeiro).

Instalar o sistema de climatización prometido e eternamente anunciado, inexistente no verán e innecesario no inverno, cando a calefacción decide non funcionar.

Garantir condicións dignas para o persoal, as crianzas e as familias, que xa aprenderon a convivir coa humidade como parte do proxecto educativo.

Porque, se algo nos queda claro, é que unha piscina no tellado compensa calquera outra carencia. Que máis se pode pedir nunha escola infantil que emocións fortes cada vez que chove?

Iso si, confesamos a nosa frustración por non atopar xa unha forma máis creativa de denunciar esta situación. Tras anos de avisos, escritos, reclamacións e silencio administrativo, optamos por celebrar o existente: auga por riba, auga por dentro e un PSOE e un BNG que seguen impermeables, a calquera responsabilidade, non teñen vergoña.

Un tellado que filtra durante anos non é un accidente: é unha decisión política tomada por omisión.

Desde CCOO continuaremos “gozando” desta instalación acuática improvisada, á espera de que algún día alguén decida que unha escola infantil merece algo máis que parches, sarcasmo… e recipientes para recoller a auga”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com