O alcalde de Lugo logra o compromiso de Renfe para avanzar na mellora das conexións ferroviarias da cidade

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo en Madrid co presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, na que logrou o compromiso da operadora pública para avanzar na mellora das conexións ferroviarias da cidade. O encontro serviu para trasladar unha batería de propostas asumibles a curto e medio prazo, coa prioridade de implantar un servizo que permita chegar a Madrid antes das 10:30 horas.

Como resultado do encontro, Renfe comprometeuse a elaborar conxuntamente co Concello un estudo-proposta que, unha vez consensuado, será remitido ao Ministerio de Transportes para, no seu caso, a súa implementación no menor prazo posible. Este compromiso supón un primeiro paso clave para avanzar na mellora das conexións ferroviarias de Lugo e reducir as actuais desigualdades co resto de capitais galegas.

O alcalde puxo o foco especialmente nas dúas peticións máis urxentes que trasladou á compañía ferroviaria: establecer unha conexión matinal que permita chegar a Madrid antes das 10:30 h e recuperar unha frecuencia de regreso en horario de tarde que faga posible realizar xestións na capital do Estado e volver a Lugo no mesmo día.

Ademais destas melloras prioritarias, Fernández defendeu un paquete de actuacións a medio prazo para avanzar cara a un modelo ferroviario máis xusto e eficiente para Lugo. Entre elas o reforzo das conexións con Ourense en horarios clave para mellorar o enlace cos servizos AVE e AVLO, o avance no estudo dunha liña directa Lugo–Santiago, e a necesidade de retomar as conexións directas con Barcelona e coa cornixa cantábrica, desaparecidas coa eliminación do tren hotel e do servizo Arco.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com