O Arde Lucus regresa con máis de 400 actividades e cun espectáculo de realidade aumentada

Esta maña tivo lugar a presentación do programa que este ano dará vida á XXI edición do Arde Lucus os días 9, 10, 11 e 12 de xuño.

A programación deste ano inclúe 400 actividades de animación de rúas, obradoiros para nenos e adultos, vodas celtas, recreación de loitas, desfiles, circo e un amplo etcétera.

Entre as novidades destaca un espectáculo pioneiro en Galicia de realidade aumentada en 5D que albergará A Mosqueira, a través do que se tematizará en tempo real a época de esplendor de Lugo no século I, recreando a muralla romana na súa altura orixinal, con romanos paseando no adarve, permitindo aos espectadores integrarse na época, axudando a achegar a historia de Lugo a través das novas tecnoloxías.

Asemade, a Capela do Carme, acollerá por vez primeira unha obra de teatro, “O rato da biblioteca”, na que participarán todas as asociacións de teatro de  Lugo.

Regreso de dúas actividades estrela: o circo romano e a carreira Mvrvs Lvcis

Ao longo de todos os días haberá un sen fin de actividades que farán revivir o pasado romano da cidade, levando a lucenses e visitantes séculos atrás ata o que era a antiga Lucus Augusti. Unha das grandes citas terá lugar, o sábado co Circvs Romano na Explanada do Pavillón Municipal. Solo se poderá acudir con entrada, en venta a través da páxina web: www.entradaslugo.es. Tamén, como prato forte, está incluído na programación o desfile de colexios, no que participaran preto de 3.000 nenos e nenas da cidade, de 19 colexios e as AMPAS. Así mesmo, A carreira Mvrvs Lvcis voltará a retar a romanos e castrexos polo adarve da Muralla, podendo inscribirse a través de: www.formulario.xuventudelugo.gal.

No programa xeral do Arde Lucus mantéñense as actividades estrela doutras edicións, como os campamentos, os desfiles, a queima da muralla, a recreación da primeira manifestación feminina, que se celebrou en Roma por parte de mulleres, que terá lugar diante do campamento do Senado, na que reclamarán os seus dereitos; tamén as loitas e pelexas de gran realismo na Praza de San Marcos e Santa María, entre outras. Durante as noites, a cidade contará con animación continuada de rúa, coa presenza de desfiles, gardas romanas, tambores, etc.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com