A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conmemorará o vindeiro 9 de xuño o Día Internacional dos Arquivos cunha programación especial no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, que incluirá visitas guiadas ás instalacións, a presentación dun novo exemplar da colección Documentos Singulares e unha actuación musical.
A xornada comezará ás 12.00 horas cun percorrido polas dependencias do arquivo, durante o que persoal técnico do centro explicará o proceso que segue a documentación desde a súa recepción ata a súa conservación definitiva nos depósitos. Ademais, os asistentes poderán coñecer unha selección representativa dos fondos que custodia a institución. As persoas interesadas en participar deberán realizar inscrición previa a través do teléfono 982 828 318 ou do correo electrónico ahp.lugo.informacion@xunta.gal.
Xa pola tarde, ás 19.00 horas, terá lugar a presentación dun novo elemento da colección Documentos Singulares, unha iniciativa que o Arquivo Histórico Provincial de Lugo desenvolve desde o ano 2014. Nesta ocasión darase a coñecer o Tombo 3 do Mosteiro de Penamaior, situado en Becerreá, un volume elaborado entre 1702 e 1835 que recolle información relativa á fundación do cenobio, así como privilexios, doazóns e datos sobre as propiedades da comunidade monástica.
Segundo explica a Xunta de Galicia, o documento ofrece tamén información sobre a extensión territorial dos bens do mosteiro, que abranguían os actuais concellos de Becerreá, As Nogais, Baralla, Triacastela, Láncara, Baleira, Sarria, O Corgo, Castroverde, A Fonsagrada e Monforte de Lemos.
A programación concluirá cun concerto a cargo dun quinteto de vento metal da Xove Orquestra de Lugo Terra Nova, dirixida por Nicolás Ravelli Barreiro. A asistencia aos actos previstos é libre e gratuíta.






