" />

O BNG propón unha declaración institucional para declarar a Lugo “concello libre de touradas”

O concelleiro do BNG-Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, informou hoxe da presentación dunha proposta de declaración institucional para que a corporación local declare a Lugo como “concello libre de touradas”. Os nacionalistas pedirán a todos os grupos que se unan a esta iniciativa para que o concello inste a Xunta e Goberno do Estado a que inclúan nas súas normativas correspondentes o desenvolvemento das iniciativas lexislativas necesarias para abolir as touradas en todo o territorio de Galicia.

Rubén Arroxo afirmou que “temos que facer de Lugo un concello do século XXI e sumar esta institución a todas as que están a manifestarse contrarias á este espectáculo da tortura. As empresas e asociacións que viven deste espectáculo continúan a percibir inxentes subvencións dende diferentes administracións, cartos que en moitos casos estaban destinados a un fin totalmente diferente”.

O concelleiro nacionalista sinalou que “o Concello de Lugo non pode ser alleo a unha postura maioritaria e emanada directamente do pobo, debendo tomar as medidas necesarias para impedir que os cartos públicos, o diñeiro de todas e de todos, ou a propia imaxe da institución non remate apoiando espectáculos baseados no maltrato animal”. Rubén Arroxo sinalou que esta iniciativa está incardinada nunha campaña levada a cabo en toda Galicia por diversas asocacións contrarias ao maltrato animal.

Ademais, a Asociación Animalista Libera e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas confían en que no vindeiro pleno ordinario da Deputación de Lugo, que terá lugar este martes, poida ser aprobada unha iniciativa de compromiso co non subsidio ou apoio de ningún tipo ao financiamento e patrocinio de touradas na provincia, do mesmo xeito que xa aprobaron as súas homólogas da Coruña e Pontevedra.

O plantexamento dos colectivos na defensa dos animais acadaría non so a terceira deputación galega en vetar esta clase de soporte a un espectáculo salvaxe e inmoral, senón que tamén se convertiría de xeito automático na terceira deputación provincial de España en rexeitar o subsidio de touradas e outros eventos taurinos considerados “menores”, como ocorreu no caso de Triacastela o pasado mes de Agosto, “onde o fugaz goberno do PP non dubidou en prestar apoio e ceder o seu logotipo para o ignominioso cartaz”.

Neste senso animalistas e abolicionistas tamén traballan para que a declaración da Deputación de Lugo vaia acompañada pola aprobación dunha moción contra as touradas na capital da provincia, amosando o compromiso de cada vez máis administracións galegas na abolición do maltrato animal como espectáculo. Nos últimos meses A Coruña, Padrón e Sarria amosaron a súa disposición a non subsidiar máis esta actividade.

A maioría conformada por PSOE e BNG podería sacar adiante a moción que plantexaron as asociacións e que é prácticamente idéntica ás propostas xa aprobadas nas outras dúas deputacións provinciais e que contaron cos votos de socialistas e nacionalistas, ademáis do soporte prestado polos deputados das diferentes mareas.

A campaña de apoio municipal e provincial entronca coa estratexia da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas na que se confía nunha hipotética cor diferente no goberno da Xunta tralas eleccións de finais de 2016. Neste contexto os abolicionistas xa anunciaron que apostarían por algunha das ferramentas lexislativas que o sistema pon a disposición da cidadanía, como a Iniciativa Lexislativa Popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo