" />

O BNG denuncia ante a Axencia Tributaria “a discriminación” que sufren os concellos galegos fronte ao resto do estado.

A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, participou onte nun acto simbólico diante da delegación da Axencia Estatal Tributaria para denunciar a discriminación económica á que están sometidos os concellos galegos a respecto do resto do estado. Segundo informou Olalla Rodil “co actual sistema de finanzamento, Lugo perde 16,8 millóns a respecto da media estatal”. A participación dos concellos nos tributos do Estado (PIE) é unha liña financeira garantida a través do artigo 142 da Constitución, que ten como principal finalidade contribuír cos recursos suficientes para os concellos e constitúe aproximadamente o 30 % dos recursos que obteñen os concellos.

Co actual sistema, vixente desde 2004, xéranse uns desequi­librios, que prexudican notablemente aos concellos galegos. “Facendo as contas en función da poboación, os concellos deixan de recibir 50 € por habitante, xa que, en Galicia a media é de 209€ por habitante e ano, mentres que a media estatal é de 259 € por habitante ano”, afirmou Rodil quen asegurou tamén que esta rebaixa no finanzamento supón, sumado á dispersión poboacional, “unha auténtica discriminación económica por parte do goberno do estado español”.

Concelleiras e concelleiros do BNG da comarca de Lugo exhibiron cartaces nos que se manifestaba como afecta a cada un dos concellos este déficit nas aportacións do estado. Olalla Rodil sinalou que “esta falta de finanzamento, finalmente, repercute na calidade e cantidade de servizos que perciben as nosas veciñas e veciños”.

O BNG presentará iniciativas nos concellos co ánimo de reverter esta situación e reequilibrar os fondos que os nosos municipios reciben do estado. A carón dos tributos propios, a PIE (Participación de Ingresos do Estado) é “o recurso financeiro máis importante dos concellos”, dixo Rodil quen aclarou que “non se trata dunha subvención”.  O PIE correspóndelles aos concellos como garantía financeira para atender as competencias legais atribuídas e representa arredor do 30% dos ingresos municipais, só superada polos tributos propios que son case o 50%.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo