O BNG leva ao Parlamento Galego as corridas de touros de Triacastela

O BNG vén de presentar no Parlamento Galego unha iniciativa para coñecer cal é o posicionamento da Xunta de Galicia ao respecto da celebración das touradas de Triacastela, á que cualifican de “espectáculo de maltrato animal”. A parlamentaria Ana Pontón lembrou que “O BNG ven mantendo unha posición moi clara en relación coas touradas” e sinalou que “as corridas de touros non teñen tradición en Galicia, a súa escasa presenza responde ao intento de introducir prácticas alleas á nosa cultura e tradición, cunha clara vontade de homologación cultural.”

A parlamentaria do BNG incidiu na necesidade de “posicionarse na defensa dos dereitos dos animais como expresión dunha sociedade civilizada e avanzada” e engadiu que “as corridas de touros non son cultura, son actos crueis e unha auténtica barbaridade”. “Dende o BNG manifestamos a nosa oposición ao intento de relanzamento que están a facer diversos sectores do PP das touradas, e temos claro que alén de cuestións ideolóxicas sobre as touradas, esta cerrazón tamén esconde o interese por financiar a un sector que cae en picado en público e apoio e só sobrevive grazas ás axudas públicas” afirmou Pontón.

Nos últimos informes elaborados sobre esta cuestión cífranse en 700 millóns de euros as axudas públicas ao sector da tauromaquia. “Resulta moi contraditorio que o PP, que non lle tremeu o pulso con recortes en aspectos como sanidade, educación ou cultura, siga dilapidando recursos públicos neste tipo de actos crueis” afirmou a parlamentaria do BNG.

Un dos últimos concellos sumados a esta dinámica é o de Triacastela, que vén de anunciar a organización dunha corrida para os días 22 e 23 de Agosto. “Unha actuación por parte dun concello con moitas carencias e onde se detectan as conivencias do PP co sector taurino. De feito, na práctica, esta decisión ten moito que ver coa fin do apoio do concello de Sarria a este acto de tortura animal”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com