" />

O BNG pide explicacións sobre Rozas e a convocatoria do Foro de Igualdade

A edil do BNG–Asambleas Abertas, Maite Ferreiro, compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada da parlamentaria do BNG, Carme Adán para reclamarlle á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a convocatoria do Foro de Igualdade do Concello, “para que a nova corporación municipal poida facer propostas de cara a mellorar de xeito transversal, as políticas de igualdade no Concello de Lugo”.

Maite Ferreiro afirmou que o Foro de Igualdade non foi convocado dende o primeiro trimestre de 2014 e expresou o seu desexo de que “o feito de que Lugo conte coa primeira alcaldesa sexa un alicerce para que as políticas en materia de igualdade avancen de xeito transversal en todas as áreas de goberno”.

Pola súa banda a parlamentaria do BNG, Carme Adán, pediu que se analicen as razóns que se dan en Lugo “para que sexa a provincia na que se concederon menos salarios da liberdade dende a implantación desta medida de protección ás vítimas da violencia de xénero”. Adán informou que dende o ano 2006 o número de axudas concedidas a mulleres vítimas de violencia de xénero foi en Lugo de 335; en Ourense de 348; en Pontevedra de 933 e na Coruña de 1059. Para o BNG resulta escaso o número de perceptoras do salario da liberdade en Lugo “se temos en conta que a media do número de denuncias é de 500 a 600 por ano”.

O BNG levará ao parlamento diversas iniciativas, a proposta da asociación lucense Si, hai Saída, para reclamar información concreta sobre cal é situación da provincia. Ademais solicitarase que se faga unha análise do perfil das mulleres vítimas de violencia de xénero e farase un proposta para incrementar a formación a todo o persoal que participa dos procesos de atención ás vítimas.

Doutra banda, o parlamentario do BNG, Cosme Pombo, anunciou hoxe que o grupo nacionalista presentará unha iniciativa para que se aclare, en sede parlamentaria, cal é o uso que o exercito está a facer do aeródromo de Rozas. Cosme Pombo lembrou que, recentemente, o presidente da Xunta anunciou unha inversión de 45 millóns de € e incidiu en que “en todo momento se falou de drons para uso civil ou comercial do aeródromo”.

Pombo lembrou que o BNG xa presentara diversas iniciativas sobre este asunto, tanto no Parlamento Galego como no Congreso dos Deputados, e lembrou que “en todas as respostas se negou o uso para fins bélicos de esta instalación. Neste momento é o propio exercito español quen anuncia, a traveso dos medios de comunicación, que está a traballar con avións non pilotados para homologar a súa aeronavegabilidade”.

Segundo a propia información facilitada polo Ministerio de Defensa, o modelo co que está a traballar o exercito no aeródromo de Rozas é o modelo Searcher MKII, un avión de fabricación israelí que foi utilizado en Afganistán.”A utilización de Rozas para a realización de probas con aeronaves utilizadas en territorios con conflictos bélicos pode converter o aeródromo lucense un obxectivo para grupos terroristas ou paramilitares”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo