O BNG pregunta en que situación se atopa a peonalización de Quiroga Ballesteros

O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, presentou unha serie de preguntas para saber en que situación se atopa o proxecto de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros. O concelleiro nacionalista lembou que en xullo de 2017 o goberno municipal levou a pleno un expediente de modificación de crédito, xustificando a urxencia dunha serie de investimentos, nos que esta ía incluida; porén, mentres unhas si foron iniciadas, esta segue sen indicios de ser comezada “nestes días vese como a obra de peonalización da praza da Milagrosa está xa moi avanzada, mentres que a da rúa Quiroga Ballesteros, cunha modificación de crédito aprobada o mesmo día que a anterior, segue sen iniciarse”.

O goberno municipal anunciaba o 11 de abril do 2018 que viña de recibir a autorización de cultura para poder iniciar as obras de peonalización. Por outra banda, segundo lembran os nacionalistas, este proxecto mantivo certa polémica por levar incluída unha cuberta que presenta certas dúbidas, como o impacto visual sobre edificios catalogados, ou o paso de servizos de emerxencia como ambulancias e bombeiros. Nesta liña, dende o BNG, inclúen nas preguntas rexistradas se existe xa un estudo para a circulación destes vehículos ou se houbo algunha concreción nos informes de cultura a respecto da cuberta.

Outro dos puntos que Arroxo asegura que “non quedou aclarado” por parte do goberno, e que foi preguntado en varias ocasións por diversos colectivos e veciños, é se se vai levar adiante unha peonalización total ou se vai permitir o paso das liñas de bus; “no tema do bus urbano de Lugo xa dubidamos se o goberno municipal é totalmente escuro neste tema, ou simplemente non ten ningunha decisión tomada ao respecto, dado que non está claro nin o que van facer coa liña 5 unha vez peonalizada a praza da Milagrosa, nin coas que circulan por Quiroga Ballesteros”, afirmou Rubén Arroxo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com