O campus de fútbol do Atlético de Madrid chega a Foz este verán

O club Atlético de Madrid chega este verán á Mariña lucense para levar a cabo o seu campus de fútbol dirixido a nenos e mozos con idades comprendidas entre os 5 e os 16 anos. Desenvolverase en Foz do 15 ao 20 de xullo.

O campus de fútbol do Atlético de Madrid, con seis anos de percorrido en Galicia, mestura a formación deportiva e humana cun toque lúdico e dinámico. Adestramentos adaptados a cada idade e nivel, competicións individuais e colectivas, charlas formativas, saídas de lecer… son algúns dos ingredientes desta Experiencia Atlética, da que cada verán gozan máis de 300 participantes na comunidade galega.

Esta actividade conta coa dirección técnica de adestradores da Academia do Atlético de Madrid, que durante esa semana dirixirán os adestramentos e compartirán experiencias e os valores do club branquivermello. As sesións de adestramento serán de 10:00 a 14:00 horas no campo de fútbol municipal de Foz. Dentro do prezo da actividade inclúense a indumentaria de adestramento, as valoracións deportivas, o tentempié de media mañá, os diplomas de fin de campus, unha foto individual e unha colectiva para cada participante e moitos agasallos máis.

O coordinador da actividade, Marcos Heleno, explica que “este campus que vai ter lugar en Foz consistirá nunha semana de adestramentos, enfocados basicamente á formación técnica e táctica dos participantes, sempre seguindo unha metodoloxía que nos marca o club. Tamén queremos incidir na formación persoal dos nenos e nenas, aproveitando que teremos adestradores da talla do Atlético de Madrid, que darán varias charlas durante a semana para promover os valores tanto deste deporte como do club”.

Marcos Heleno engadiu que “aínda que a actividade principal sexa o fútbol, tamén haberá tempo para outras actividades máis lúdicas. O que pretendemos, desde a organización do campus, é que os nenos leven unha bonita experiencia e que lles sirva para forxar novas amizades de diferentes puntos de Galicia e doutros lugares de España”.

Son máis de 50 os nenos e nenas que xa están inscritos a día de hoxe e só hai 100 prazas. Os interesados en participar nesta primeira edición dos campus de fútbol do Atlético de Madrid en Foz poden solicitar máis información no teléfono 656.48.78.90 ou no correo electrónico  campusatmgalicia@gmail.com

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo