O “catastrazo” deixará sen bolsa de estudos a moitas familias do rural, segundo Unións Agrarias

Alpendres, granxas, naves e outras propiedades rústicas pagarán o IBI e formarán parte do patrimonio dos seus donos. Ata o de agora estaban exentas deste imposto pero coa revisión catastral iniciada polo Ministerio de Facenda no 2013 están obrigadas a pagar entre o 0,3 e o 0,9% do seu valor, unhas porcentaxes que poden parecer pequenas pero que na práctica, tal e como denuncian dende Unións Agrarias, pode chegar a supoñer case 1.000 euros ao ano no caso do tipo máis alto.

“Poñamos por caso unha explotación valorada en 100.000 euros, que é algo moi normal. O imposto sería de 900 euros”, unha cantidade “abusiva”, asegura o responsable de Desenvolvemento Rural do sindicato, Jacobo Feijóo. Por iso demandan que os concellos opten polo tipo máis baixo, o do 0,3%, xa que nese exemplo o tributo sería de 300 euros. Tamén piden bonificacións, aínda que xa adiantan que moitos concellos “rescatados ou intervidos” non poderán ofrecer estes beneficios. Dende o sindicato matizan que non se opoñen a esta regularización, e que entenden que o agro galego ten que contribuír, “pero os concellos teñen que ser conscientes do momento que está pasando o rural”.

Danos colaterais na educación

Un dos aspectos máis graves para o sindicato son os efectos que vai ter o “catastrazo” no ámbito educativo. “Esta revisión fará que moitas familias perdan as bolsas para estudar dos seus fillos, xa que o novo valor catastral das súas explotacións fai subir o valor do patrimonio que ten en conta o Ministerio para conceder as axudas”, explica Feijóo.

Segundo o sindicato, coa nova regularización, esas propiedades sumarase ao patrimonio rústico da unidade familiar, o que fará que moitas delas superen os umbrais económicos para percibir as subvencións cando en realidade “unha persoa pode ter unha nave de porcos valorada en 100.000 euros e estar nunha situación moi delicada e hipotecado”. Algo que o responsable de Desenvolvemento Rural cualifica de “disparate” xa que se trata dun “aumento de patrimonio ficticio” que xa están sufrindo varias familias de Chantada, “ás que lle veu denegada a bolsa sen ter cambiado a situación económica”.

Por estes motivos o sindicato agrario ten previsto solicitar unha reunión con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na que solicitarán aos concellos que apliquen as mencionadas medidas dirixidas a reducir o impacto do “catastrazo” nas explotacións. En canto ás bolsas, enviarán unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “ a pesar de non ter competencias na materia” para instalo a que lle expoña as demandas do sindicato á Ministra de Educación.

Ingresos para os concellos de 29 millóns 

Dende UUAA aseguran que a revisión catastral na provincia de Lugo está “moi avanzada”, de forma que xa está feita en 22 dos 67 concellos, mentres outros 30 están inmersos no proceso. Ademais, segundo o estudo valorativo da Asociación Ventonoso, 38 concellos están aplicando a cota intermedia (do 0,5 ao 0,7%), e 6 optaron pola máxima, a do 0,9%, entre eles un “eminentemente rural” como é A Pastoriza. Por outra banda 23 consistorios decidiron cobrar a mínima (inferior ao 0,5%). O presidente de Ventonoso, José Antonio Diéguez, calcula que Lugo pasará de recadar 2,8 millóns de euros ao ano en concepto de contribución rústica a 29 millóns.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo