O CD Lugo abre unha nova web para entregar o carné de socio simpatizante

“O Lugo é paixón”, ese é o lema co que se desenvolveu a primeira acción de cara a a próxima tempada no ámbito social. E polo interese que se espertou ao longo desta semana para conseguir o carné socio-simpatizante non nos equivocamos.

O CD Lugo esperta “paixón”, pero non só na cidade. Estes días nas oficinas do Club, a través das diferentes canles de comunicación, recibíronse decenas de consultas para interesarse por como conseguir o carné de socio simpatizante, seguidores do CD Lugo residentes en diversos municipios e cidades, mesmo fose de España, que se decataran da iniciativa e que, por primeira vez, querían ter esa vinculación directa co club.

O carné só podía adquirirse ata hoxe nas oficinas ou na tenda oficial do CD Lugo polo que moitas persoas non tiñan posibilidade de conseguir a “credencial”. Pero había que dalo resposta e facilitar que eses afeccionados, que dende hai anos senten e viven o CD Lugo como o que máis, tivesen a posibilidade tamén de ser posuidores dese carné especial.

Así, hoxe nace www.eusondolugo.es unha web na que os afeccionados do CD Lugo, residan onde residan, estean onde estean, poderán conseguir o carné de socio simpatizante, colaborar co seu Club e formar así parte activa da gran familia vermella e branca. Para eles creouse este novo portal, centrado única e exclusivamente no ámbito social.

Aínda que a campaña iniciada no “Arde Lucus” conclúe hoxe nas oficinas e tenda do Club, manterase nas mesmas condicións na nova web. É dicir, cun prezo unitario de 25 euros, os afeccionados dispoñerán do carné oficial do Club con asignación de número de socio a partir do día 1 de setembro; dúas entradas para partidos oficiais da tempada 2015-2016 na bancada Fondo Sur de acordo a dispoñibilidade (non se inclúe os días do Club); e preferencia á hora de comprar entradas para os partidos. O Club quere así premiar aqueles que “son do Lugo” para que, como mínimo unha vez durante o campionato ligueiro, visiten de novo o estadio Ángel Carro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com