" />

O cinema nas fronteiras do primeiro mundo

Codex Cinema continúa unha semana máis co seu compromiso co cinema de autor independente, feito por creadoras con voz propia e de mirada multicultural nestes momentos de tantas dificultades xeradas pola pandemia mundial e polas restricións impostas polas autoridades, especialmente lesivas co mundo da cultura en xeral e coa exhibición cinematográfica en particular. Nestas semanas tan duras, dende Codex, queren agradecer a todos os espectadores que se achegaron ao cinema a gozar dunha programación alternativa lonxe dos focos mediáticos e da publicidade.

Para esta fin de semana, os cinemas lucenses programaron dous novos filmes que teñen como protagonistas a dúas mulleres embarazadas que teñen no seu ventre a esperanza de cambiar de vida, de atopar un mundo mellor. O título das dúas películas fai referencia a eses nenos por nacer que agardan vivir nun tempo menos tráxico que o que lles tocou sufrir ás súas nais. Por un lado, Adam, da cineasta marroquí
Maryam Touzani, que xa hai moitos meses aparecera por Codex Cinema como protagonista e guionista de Razzia, o filme dirixido pola súa parella creativa Nabil Ayouch. Agora intercambian as tornas, sendo Touzani a directora e Ayouch o coguionista.

O filme nos traslada á Medina de Casablanca, onde a rexente dunha repostería local acolle na súa casa a unha muller fuxida que está a
piques de dar a luz a un neno. O filme retrata con gran detalle e realismo as rúas deste barrio tan recoñecido da cidade marroquí, ademais de filmar con gran acerto e convicción os espazos de intimidade feminina, a opresión implícita que sofren nunha sociedade patriarcal. Mais Touzani a través dos seus traballos e das súas conversas consegue mostrar esa humanidade quebrada e complexa que se esconde detrás dos prexuízos. Un filme que desde o minúsculo espazo cotián que mostra termina por converterse no retrato de todo un país.

Adam é a primeira longa de ficción de Touzani tras unha carreira importante no documental de compromiso social e de xénero. A pesar de ser unha debutante conseguiu participar no Festival de Cinema de Cannes do ano pasado dentro da sección Un Certain Regard (a mesma na que triunfou O que arde de Oliver Laxe) ademais de participar posteriormente na Seminci de Valladolid. Este éxito internacional permitiu que fose seleccionada por Marrocos para representar ao país na pasada edición dos premios da Academia de Hollywood, sendo a primeira vez que un filme dirixido por unha muller era elixido para ese motivo. Debido ao seu retrato íntimo, comprometido e responsable, a película conta co distintivo de especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero outorgado polo Ministerio de Cultura.

En Sole, a segunda estrea semanal, amósase o drama dos ventres de alugueiro na figura de Lena, unha rapaza polaca que a través do seu bebé tenta acadar unha nova vida en Italia. O director debutante Carlo Sironi liga o destino desta rapaza ao de Ermanno, o sobriño adolescente da parella que vai mercar o bebé de Lena. Os dous, representantes dunha nova xeración de mozos que creceron nunha Europa insensible e deshumanizada e que as aspiracións dos inmigrantes que chegan para vivir un soño que xamais se cumpre. Sole é un filme que intenta captar as novas sensibilidades e intereses da mocidade italiana, así como a súa desconexión da realidade máis tanxible e a súa substitución polos mundos virtuais e as esperanzas perdidas.

A película presentouse no festival de Venecia de 2019 na sección Orizzonti, adicada aos talentos emerxentes, e visitou outros certames internacionais de gran renome como Toronto ou Berlin, ademais de gañar o premio a mellor película na sección competitiva Rellumes do Festival de Cinema de Xixón, un dos máis importantes en España. Todo este paso por festivais confirma a Sironi como un dos cineastas máis prometedores de Europa.

Estas dúas películas, Adam e Sole, reflicten, neste momento tan duro para todos, unhas realidades que sufrirán máis os efectos da pandemia. Mundos que habitualmente quedan a marxe dos grandes relatos mediáticos e políticos e que en Codex queremos rescatar para esta nova semana. Cine comprometido e de grande impacto nos festivais internacionais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo