A escola de danza Star Dance viviu esta fin de semana un dos momentos máis destacados da súa tempada tras conseguir uns excelentes resultados no Campionato de España de Hip Hop, celebrado en Guadalajara. O evento reuniu grupos e artistas chegados de distintos puntos do territorio estatal, e a delegación lucense regresou cargada de medallas e recoñecementos.
Os máis pequenos da escola foron os encargados de abrir o camiño do éxito. O grupo infantil Groove Busters proclamouse campión de España na súa categoría, deixando patente o talento e o traballo de base que caracteriza á formación. Na mesma competición, a parella Doble C tamén logrou o título nacional na categoría de parellas, confirmando o alto nivel competitivo da escola.
Nas categorías superiores chegaron tamén importantes éxitos. O grupo Firefeathers acadou unha brillante segunda posición na categoría absoluta, mentres que Undercover conseguiu outro subcampionato na categoría Megacrew, unha das modalidades máis espectaculares e esixentes do certame pola posta en escena e o elevado número de integrantes.
O broche final a unha fin de semana histórica púxoo o grupo Ducksoup, que na categoría júnior obtivo unha meritoria terceira posición, completando así un palmarés que evidencia o crecemento e a consolidación de Star Dance no panorama das danzas urbanas.
Desde a escola destacaron que estes resultados son froito “do traballo, da constancia e do esforzo diario” dunha canteira que se forma nas clases regulares e que posteriormente dá o salto á competición ao máis alto nivel.






