" />

O Colectivo Egeria inaugura exposicións en Abadín e Ribadeo

A mostra itinerante “O FIN DO CAMIÑO”, organizada polo Colectivo Egeria, conta co patrocinio da Xunta de Galicia . No acto participaron José María López Rancaño, alcalde de Abadín, e o presidente do, Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia. As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros. Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario.

Por outra banda, a exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegou á Oficina de Turismo de Ribadeo. No acto de presentación participaron Margarita Cela Carballo-Calero, neta do autor homenaxado; Pablo Vizoso, concelleiro de desenvolvemento local e turismo; e o presidente do Colectivo Egeria. A mostra, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita. O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro con opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi. No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e comezou a publicación da súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo