O colectivo Ollomao presenta en Lugo a súa obra ‘Enciclopedia Álvarez’

O auditorio Gustavo Freire acolle este sábado a obra de teatro Enciclopedia Álvarez, a última montaxe do Colectivo Cultural Ollomao, que chega a Lugo precedida do éxito de público e da crítica durante unha intensa xira neste ano 2018. Enciclopedia Álvarez é unha historia contada con humor sobre a educación durante o franquismo, que fará caer no esperpento aos ollos das xeracións máis novas pero traerá lembranzas do vivido por pais e avós.
A representación terá lugar este sábado ás sete e media da tarde. A entrada terá un prezo de 5 € e poderase adquirir na billeteira do Auditorio Gustavo Freire desde media hora antes do inicio da función.
 
Despois de máis de vinte representacións por toda a xeografía galega e do occidente asturiano, en moitas das cales houbo que colocar o cartel de “non hai entradas” (Betanzos, Vedra, Vegadeo, Rinlo,…), pódese considerar esta produción como un dos éxitos indiscutibles do teatro afeccionado galego desta tempada.
 
É a terceira montaxe que Ollomao, o Colectivo Cultural da Mariña, trae a Lugo nos últimos anos. “Pisamos o Gustavo Freire por primeira vez no 2013, tamén en decembro, con Os vellos non deben de namorarse, e nunca esperamos que unha obra de teatro amador como a nosa sobrepasase as 400 persoas no público. Logo voltamos no 2015 con Oé, Oé, Oé, unha parodia sobre o mundo do fútbol coincidindo co Mundial e agora achegamos ao público lucense outro tema social, como é a educación, a través da Enciclopedia Álvarez. Non imos poñernos metas, pero tratándose dunha peza escolar temos que intentar aprobar e con nota!”, afirma Ramón Casas, director do grupo de teatro de Ollomao.
 
Enciclopedia Álvarez é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica des-educación da escola franquista. Os problemas de matemáticas aos que “lles faltan datos” ou están “mal plantexados”, as preguntas de catecismo que se contestan de determinada maneira “porque lo pone el libro”, as clases de ximnasia impartidas por mutilados de guerra, as de “hogar” para as nenas a cargo de mulleres da Sección Feminina ou a visita do inspector da Falange, entre outras, poñen sobre o escenario algunhas das incoherencias máis notorias daquel sistema. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com