O Colexio de Traballo Social urxe á Xunta a protección das traballadoras do SAF

O pasado 12 e 13 de marzo o goberno autonómico anunciou unha serie de medidas de orde sanitario e social para a prevención da extensión e contaxio do virus COVID19. En dito paquete está o peche dos centros de día, tanto de persoas maiores como de persoas con discapacidade, centros sociocomunitarios así como a imposiblidade de ingreso en centro residencial para persoas maiores, menores e o peche de centros escolares.

Diante desta situación,  a  Xunta de Goberno do COTSG (Colexio Oficial de Traballadores Sociais) subliña que non se están a “tomar medidas de prevención e protección social” que de carácter “urxente” se debían estar aplicando tras o peche e cancelación destes servizos. A atención social de persoas en fraxilidade, da cobertura ordinaria das súas necesidades mais básicas de subsistencia, que as protexe de situacións de claudicación ou ansiedade, queda interrompida. Desde o COTSG alertan de que esta “interrupción abrupta pode derivar en situacións de moita gravidade”.

Servizo de atención no fogar

Outra cuestión que preocupa á entidade é que a Xunta non está “tendo en consideración o servizo de axuda no fogar (SAF)” e aínda que “se ben é certo que a xestión directa do SAF correspóndelle ás entidades locais, a Xunta e as Deputacións teñen a obriga de asistir aos concellos tanto a nivel técnico como material”

Residencias, centros de día e centros educativos

Para o Colexio o “peche de centros de día provoca unha serie de situacións de emerxencia que non se están a resolver”, por exemplo, “persoas sen rede de apoio cunha dependencia moderada a alta que non poden acudir ao centro de día e non teñen garantida a alimentación básica ou aseo nos próximos 15 días”. Engaden, tamén persoas con coidadores de “avanzada idade ou con outras discapacidades que non poden soster por 15 días as atencións que precisan”.

Ademais, a Xunta de Goberno cre que “a imposibilidade de executar ingresos residenciais impide que persoas que se atopen en emerxencia social poidan acceder ao recurso que precisan. Isto provoca a ocupación de camas nos centros hospitalarios (que hai que liberar) ou situacións de extrema gravidade e risco nos domicilios”

Do mesmo xeito subliñan que o peche de centros educativos deriva en que “existan proxenitores que, pola falta de rede social con profesións que non interrompen a súa actividade laboral, teñan serias dificultades para prestar a precisa atención e garantir o illamento e benestar das persoas menores ao seu cargo”

Así, desde o COTSG consideran que se están a “obviar as medidas de acompañamento social que deben ir parellas aos peches de centros e servizos de xeito inminente” e solicitan ás Consellerías de Política Social e Sanidade tomen as medidas necesarias para paliar estas deficiencias.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com