O Concello activa un proxecto intercultural de intervención familiar para traballar a prevención das adiccións

A alcaldesa de Lugo presentou hoxe unha nova iniciativa da área de Xuventude coa que o Goberno local pretende avanzar na integración e na inclusión social dende o eido da prevención das adiccións na mocidade.

Deste xeito, a rexedora e o edil desta área deron a coñecer, acompañados pola educadora social de EducandoNós, Marta Paz, o programa de intervención familiar Achegándonos, organizado polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo, ao abeiro do programa +Xti cofinanciado ao 70% polo Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas.

Unha actividade novidosa dirixida a familias con fillos ou fillas menores e baseada no crisol étnico e racial presente na cidade, con case 10.000 residentes estranxeiros (en torno ao 10% da poboación), que se oferta como unha oportunidade para compartir espazo e tempo con outras culturas pero tamén cun marcado carácter interxeracional.

O día escollido para levalo a cabo serán os domingos, buscando unha xornada na que, en principio, todos os membros poderían dispoñer de máis tempo libre e en todas as sesións, as familias contarán coa axuda de expertos a nivel de asesoría na prevención e na educación das e dos seus fillos, para o que se aproveitarán os coñecementos do resto de integrantes do grupo sempre dende o respecto ante a diversidade e as diferenzas”, subliñou a alcaldesa.

A alcaldesa indicou que sobre esta base, os encontros permitirán afondar noutros valores básicos para a prevención de condutas aditivas como o respecto e a responsabilidade, buscando outras maneiras alternativas de ocio.

Tal e como sinalan os propios técnicos do servizo que deseñaron esta actividade, o que se pretende é reforzar vínculos de confianza, positivos, intra familiares que, dende a liberdade, nos axuden a previr posibles situacións de risco. Espazos onde as e os menores poidan expresar sen ataduras as súas inquedanzas, nun entorno de comprensión e apoio”, sostivo a alcaldesa.

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude e Deportes sinalou que asactividades propostas “fomentarán o coñecemento de diferentes culturas, a empatía polas situacións vividas por todos os membros do grupo así como o achegamento a realidades moi distintas e distantes da nosa”.

A iniciativa, que é totalmente gratuíta, vai dirixida a 10 familias, que xa foron seleccionadas por medio de educadoras sociais do Concello, con maior vulnerabilidade non xa económica senón de tipo educativo, social, etc. “Agora mesmo contamos xa con 30 participantes de países como Cuba, Perú, Marrocos, Venezuela, Colombia, España e Ghana, pero calquera familia interesada pode solicitar a súa participación enviando un mail a prevenciondrogas@lugo.gal abondou o concelleiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com