O Concello anuncia a renovación integral de Lamas de Prado

O Concello de Lugo vén de anunciar a aprobación hoxe da renovación da rúa Lamas de Prado, no Barrio da Milagrosa. “Realizaremos unha intervención que renovará a estética e os servizos públicos desta rúa”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “será unha actuación integral que humanizará unha zona importante da cidade”, explicou o edil da área de Mobilidade.

A área de Mobilidade e Infraestruturas abre o procedemento de licitación cun orzamento de 635.530,36€, e un prazo de execución de 4 meses. Arroxo explicou que “Lamas de Prado é a conexión central de todo un barrio que conta con máis de 15.000 habitantes”, e engadiu “realizaremos unha renovación integral que aumente a accesibilidade e que mellore a súa estética, mellorando a imaxe do barrio e do conxunto da cidade”.

A actuación mellorará a seguridade vial da zona. Segundo explicou Rubén Arroxo, “a renovación das beirarrúas permitirá aumentar a accesibilidade ao eliminarse as barreiras arquitectónicas da rúa”. Ao mesmo tempo, continuarase avanzando no calmado do tráfico, ao instalarse na zona novos pasos de peóns elevados, ademais de mellorarse a disposición da sinalización vial. O treito fronte á praza do Castiñeiro converterase nunha plataforma única, “gañando espazo peonil sen afectar á mobilidade dos vehícuños”, explicou Rubén Arroxo

 “Nesta renovación seguiremos avanzando na implantación de alumeado público de baixo consumo”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “a rúa pasará a ter luminarias LED que permitirán mellorar a calidade do alumeado público ao mesmo tempo que se reduce a factura de electricidade que paga o concello, ademais de reducirse as emisións contaminantes”. Xunto coa renovación do alumeado, a área de Mobilidade e Infraestruturas avanzará na retirada do cableado das fachadas dos edificios.

Renovarase, ademais, o mobiliario urbano e as zonas verdes da zona e instalarase unha nova marquesiña para a parada do bus urbano, e habilitaranse novos aparcabicis “para continuar a fomentar o uso da bicicleta e do transporte público como medio de transporte alternativo ao vehículo privado”, afirmou Rubén Arroxo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com