O Concello comunica aos músicos da Banda Municipal a solución á súa situación laboral

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de manter esta mañá un encontro cos músicos da Banda para comunicarlles que o procedemento xudicial que afectaba á súa situación laboral concluíu definitivamente e que a sentenza se dá, xa, por executada.

A rexedora, que acudiu á reunión acompañada pola concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, trasladoulles que, dende o primeiro momento, “a vontade do Goberno local foi rematar coa incertidume que existía sobre os seus postos de traballo, para mantelos e, se era posible, melloralos”.

“Cumprindo e acatando sempre as obrigas legais – sinalou Lara Méndez – tratamos de artellar todos aqueles mecanismos que permitiran a simultaneidade das súas funcións como docentes e músicos, co obxectivo claro de evitar o peche da Escola Municipal de Música e os prexuízos que ocasionaría á cidadanía e, en particular, aos máis de mil alumnos que son usuarios do centro na actualidade”.

Méndez admitiu que “tratar de conciliar todos estes aspectos demorou máis do desexado o procedemento” e indicou que, segundo os criterios técnicos, a solución máis garantista pasaba por vencellar a regularización e consolidación deste perosal coa aprobación dun plan de ordenación de recursos humanos.

A alcaldesa referiu que na actual Relación de Postos de Traballo, que entrou en vigor o ano pasado, figuran 20 prazas de músicos a tempo completo, que ademais das funcións ligadas estritamente á interpretación na Banda de Música asumen, tal e como se prevé no manual de funcións aprobado, as de mestres na Escola Municipal de Música.

A responsable da área de Recursos Humanos, Paula Alvarellos, explicou que esa nova ordenación do persoal operou, por tanto, unha modificación dos postos de traballo. “Por unha banda – dixo – permitiu suprimir catro prazas que se atopaban vacantes e, ao mesmo tempo, incluír as funcións docentes e/ou de apoio docente na Escola Municipal de Música, sen que, nesta ocasión, se teña producido ningunha impugnación ao respecto, senón que obtivo os preceptivos informes favorables durante a súa tramitación administrativa”.

“Unha reorganización que tiña dúas finalidades moi claras. A primeira, incrementar a tempo completo a xornada laboral dos músicos e unha segunda baseada no feito de que é, precisamente, sobre o persoal adscrito á Banda de Música onde se sostén a aposta deste Goberno por unha Escola Municipal de Música, que tan estimado servizo leva dando dende o ano 2012 á veciñanza lucense”, sostivo a edil de Gobernanza que concluíu ratificando, pois, que “a situación dos empregados públicos con praza de músicos no Concello de Lugo pode entenderse na actualidade regularizada”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com