" />

O Concello controlará o avance da Covid entre a poboación sen teito

A área de Benestar do Concello de Lugo vén de informar do protocolo establecido para a prevención da Covid 19 na instalacións do Fogar do Transeúnte, así como para proceder, con todas as garantías sanitarias para as persoas usuarias e o persoal destas instalacións, ao confinamento dos casos positivos.

Deste xeito, a edil responsable do departamento, Olga López Racamonde, explicou que, todas aquelas persoas que precisen pernoitar no albergue municipal, deberán amosar o certificado de vacinación ou ben achegar un test de antíxenos negativo.

“Para iso e, ao abeiro do programa Sen Teito que desenvolvemos dende o Concello de Lugo, todas as persoas que o precisen poderán realizar estas probas, de xeito gratuíto e seguro, na Cruz Vermella, entidade colaboradora”.

A titular de Benestar Social indicou tamén que esta mañá, a meirande parte das persoas que durmen no Fogar do Transeúnte – ao redor dunha vintena – realizaron xa o test de forma voluntaria logo de que, onte, fosen detectados dous casos positivos.

“Trátase de dúas persoas que, grazas á ampliación que fixemos das instalacións municipais, permaneceron illadas e coa sintomatoloxía controlada en todo momento nunha parte das dependencias do Fogar e que, esta mesma tarde, serán trasladadas xa ao Hostal Porta de Santiago para que poidan cumprir o confinamento dun xeito rigoroso”, engadiu Olga López.

A concelleira destacou igualmente a coordinación permanente que a área de Benestar está a manter con Sanidade e coa xerencia do HULA, coa prioridade de que ningunha persoa vulnerable quede fóra do circuíto e perda a oportunidade de ser vacinado ou de recibir a correspondente dose de reforzo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo