O Concello convocou no último ano 190 postos de traballo e rebaixou o pago medio a provedores ata os 14,17 días

O goberno de Lara Méndez dará conta mañá, durante o Pleno, do Plan de Acción de Alcaldía para o ano 2021. “Unha estratexia que, apoiada na modernización tecnolóxica e na adecuación constante á lexislación vixente, nos permitirán adaptarnos á realidade social, tan cambiante e esixente, e ás necesidades da cidadanía para ser realmente útiles como Administración”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora indicou que se trata dunha batería de actuacións, deseñadas xa no pasado exercicio en base ás debilidades detectadas pola Intervención Xeral, e coas que o executivo e, nomeadamente a área de Gobernanza – da que dependen os servizos de Contas, Contratación, Tesourería, Facenda, Inspección de Tributos, Patrimonio, Fomento, Persoal e Prevención de Riscos Laborais, pretende dar conta dos avances realizados na mellora dos procedementos internos de funcionamento de todas estas áreas, incrementando así a transparencia sobre a xestión municipal.

Á entrada en vigor da RPT, que permitiu dotar dun regulamento claro e ordenado para a distribución do persoal, seguiulle a posta en marcha do sistema de control horario das e dos traballadores, a creación de bolsas de emprego para 42 categorías profesionais así como a provisión da xefaturas dos diferentes servizos. “Neste tempo, ademais, tramitouse un número elevado de procesos en execución das OEP aprobadas e convocáronse máis de 190 postos para a súa cobertura en propiedade, que se efectivizarán antes de que remate o 2021”, abondou Méndez.

A rexedora apuntou que debido ás circunstancias sanitarias tivo que adiarse o cronograma establecido para a realización dun Plan de Formación para as e os empregados municipais, cuxa realización se prevé – xa recuperada parcialmente a normalidade – no último trimestre do ano.

“Un momento no que agardamos poder contar tamén coa aplicación informática – contemplada xa nos actuais presupostos – que permita a elaboración das nóminas e a súa debida integración con aqueles sistemas que prestan soporte á xestión orzamentaria e á contabilidade municipal co fin de dar cobertura á totalidade das circunstancias relativas á vida administrativa do persoal e ao seu correspondente rexistro”, subliñou a alcaldesa.

Ao respecto da tramitación das facturas, Lara Méndez subliñou unha vez máis o esforzo realizado pola Institución para dotar de liquidez ao tecido produtivo local dende o comezo da pandemia, habilitando axudas directas pero tamén priorizando o pagamento aos provedores.

“O que queda manifesto na consecución da diminución do período medio de pago até os 14’17 días, segundo reflicte o dato oficial do mes de marzo (último publicado),  froito das medidas adoptadas pola Tesourería xeral coa colaboración da Intervención”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com