Xa están en marcha as obras de reposición do firme dunha zona afectada polos desvíos de tráfico realizados durante meses debido ás obras da Zona de Baixas Emisións (ZBE). A pesar de ser un espazo con escasa circulación habitual de vehículos, o uso intensivo provocou danos no pavimento.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Antonio Ameijide, supervisaron o inicio das obras de deste tramo peonil que presentaba un notable deterioro.
Durante a visita, Elena Candia explicou que o Goberno municipal está a estudar solucións técnicas máis resistentes para aplicar nas zonas do casco histórico con maior tránsito e acceso de carga e descarga. O obxectivo é contar con pavimentos máis acaídos, seguros e adaptados ás necesidades diarias da cidade.
A alcaldesa destacou tamén o compromiso do Executivo local para mellorar a durabilidade das infraestruturas vinculadas á ZBE e evitar os problemas de deterioro rexistrados nos últimos anos en diferentes puntos de Lugo.
Por outra banda, o Concello formalizou a proposta de adxudicación das obras de reforzo do firme na glorieta da Avenida Benigno Rivera coa Avenida Infanta Elena á empresa CANARGA S.L. por un importe de 123.450 euros, IVE incluído.
Ademais, tamén se asinou a proposta de adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade do Arde Lucus 2026 á empresa SEYVI SEGURIDAD, por un importe total de 44.452,98 euros, IVE incluído.






