O Concello de Lugo levará á próxima Xunta de Goberno Local o proxecto de rehabilitación do firme do Leirapárking do Hula, cun orzamento de 340.954 euros, IVE incluído. A súa aprobación permitirá iniciar o proceso de licitación das obras.
A intervención abrangue o conxunto do aparcadoiro e establece solucións diferentes en función do uso de cada espazo. Nos viais de circulación aplicarase unha mestura bituminosa en quente, mentres que as prazas de estacionamento terán un acabado de zahorra artificial.
Na actualidade, o firme está composto por unha capa de zahorra e presenta, segundo a documentación municipal, un deterioro xeneralizado.
Durante o verán, a área de Mobilidade executou unha actuación urxente no recinto co obxectivo de restablecer as condicións de seguridade. Aqueles traballos tiveron carácter provisional, á espera dunha intervención integral como a recollida no proxecto que agora se someterá á aprobación da Xunta de Goberno Local.






